O vindeiro 28 de maio celébranse eleccións municipais, nas que se escollerán ao redor de 3.700 concelleiros e concelleiras que, posteriormente, votarán a elección dun alcalde ou alcaldesa para cada un dos 313 concellos do país. Porén, ese día tamén se decide a composición dos plenos das catro deputacións provinciais galegas que deberán decidir a Presidencia destas institucións.
O 28M tamén se decide a composición dos plenos das catro deputacións, cunha importancia política e orzamentaria clave. A lectura que se faga do resultado dos comicios dependerá en boa medida da cor política dos entes provinciais
Na noite electoral o foco informativo estará posto sobre a distribución dos edís nas sete cidades e nalgunhas vilas de relevancia e, en xeral, sobre a evolución de cada formación política no conxunto dos concellos. Porén, a importancia política e orzamentaria das deputacións segue a ser moi elevada e a lectura do resultado dos comicios nun ou noutro sentido dependerá en boa medida da cor política que finalmente controle os entes provinciais.
No ano 2019 o pacto entre PSdeG e BNG foi quen de reter para a esquerda os gobernos da Coruña, Lugo e Pontevedra, mentres que en Ourense o PP de Baltar mantivo o poder grazas ao apoio de Democracia Ourensana (a cambio de entregarlle a Gonzalo Pérez Jácome a alcaldía da capital provincial).
Hai catro anos a maioría de PSdeG e BNG foi clara en Pontevedra e a esquerda tamén dominou amplamente na Coruña. Porén, en Lugo o triunfo do bloque progresista foi moito máis axustado
O PSdeG preside -en coalición co BNG- as deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra dende o ano 2015 e faino en Lugo dende o 2007, coa única excepción dos meses nos que Elena Candia se fixo coa Presidencia hai oito anos grazas ao apoio conxuntual de Manuel Martínez, alcalde socialista de Becerreá, que catro meses despois si apoiou a moción de censura que devolveu o Goberno á esquerda.
Hai catro anos a maioría de PSdeG e BNG foi clara en Pontevedra (16 contra 11) e a esquerda tamén dominou amplamente na Coruña, con 17 votos de PSdeG, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños fronte a 14 do PP. Porén, en Lugo o triunfo do bloque progresista foi moito máis axustado, cunha maioría dun só deputado, 13 contra 12, que mantivo a tensión ata o derradeiro momento do reconto. O resultado de Lugo, polo tanto, pode estar no aire e o da Coruña pode ter unha resolución axustada, aínda que a vantaxe da esquerda semella clara.
Lugo, o resultado máis axustado
Que pode pasar neste 28 de maio? Lugo é a provincia cun resultado máis axustado, cunha maioría que no 2019 acabou dependendo dun só escano. Isto quere dicir que o PP só necesita sumar un único deputado máis nalgún dos seis partidos xudiciais para facerse coa maioría absoluta e volver ao Goberno provincial 16 anos despois.
En Lugo o PP só necesita sumar un único deputado máis nalgún dos seis partidos xudiciais para facerse coa maioría absoluta e volver ao Goberno provincial 16 anos despois. O propio partido xudicial de Lugo e o da Fonsagrada son os máis propicios para que isto suceda
Un dos lugares máis propicios para que isto suceda é o propio partido xudicial de Lugo, que escolle 12 deputados provinciais. Aínda que tivo moi lonxe o sétimo escano (de feito, o PSdeG puido sumar un máis en detrimento dos conservadores), un importante ascenso do PP na cidade de Lugo ou noutras localidades (os populares levaron a cabo fichaxes de novos candidatos en Samos ou O Páramo) podería outorgarlle un representante máis. Neste partido xudicial entra ademais en xogo a coalición Contamos, comandada polos alcaldes de Becerreá e Sarria, constituída co obxectivo declarado de optaren a un deputado provincial.
Porén, os ollos están postos sobre todo no partido xudicial da Fonsagrada, que só escolle un deputado provincial que leva, polo tanto, a candidatura máis votada. No 2019 foi o PSdeG, pero só con 130 votos de diferenza con respecto ao PP que, polo tanto, ten moi preto ese escano, que dependerá dos resultados na Fonsagrada, Baleira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín. En Chantada, Monforte e Vilalba os resultados non se van mover e unicamente en Mondoñedo, que escolle seis escanos, a distribución podería modificarse; neste caso é o PSdeG o que está máis preto de arrebatarllo ao PP.
A Coruña: maioría da esquerda pero co resultado no aire
Na Coruña a maioría da esquerda é máis clara (17 fronte a 14), pero o PP só necesita acadar dous escanos máis para facerse coa maioría absoluta. Con todo, a perda dun representante en Noia prexudicará previsiblemente os populares, o que afasta a posibilidade dun goberno conservador
Na Coruña a maioría da esquerda é máis clara (17 fronte a 14), pero o PP só necesita acadar dous escanos máis nalgún dos sete partidos xudiciais da provincia para facerse coa maioría absoluta. Unha parte importante do resultado xogouse en realidade nas últimas semanas. Estaba no aire a distribución definitiva de escanos entre os distintos partidos xudiciais; o aumento de poboación na área metropolitana da Coruña vaille dar a este partido xudicial un deputado máis, pero non se sabía se o perdería o partido de Carballo ou o de Noia. De perdelo o de Carballo o prexudicado sería previsiblemente o BNG, de facelo o de Noia o máis probable é que o PP acadase un escano menos.
Finalmente, foi o partido xudicial de Noia o que viu reducido o número de deputados que elixe, pasando de tres a dous, o que levará a que o PP perda con toda seguridade o segundo escano obtido neste partido xudicial. Carballo (que abrangue os concellos de (A Laracha, Cabana, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica e Ponteceso) mantén, polo tanto, os dous escanos actuais, que no 2019 se repartiron entre PP e BNG.
Polo tanto, coa perda do escano de Noia, para facerse coa maioría absoluta na Deputación o PP debe arrebatar tres escanos á esquerda nalgún dos outros partidos xudiciais e os postos pódense mover, sobre todo, nos partidos xudiciais das cidades. Con todo, os populares necesitan un grande ascenso para facelo.
Na Coruña, que agora elixe 11 escanos, a distribución dependerá do resultado na propia cidade herculina, pero tamén en importantes concellos da contorna, como Oleiros, Cambre, Culleredo ou Arteixo. O PSdeG estivo preto de sumar un deputado máis en 2019 (o que agora se engade), pero en cambio está no aire o escano sumado pola Marea Atlántica, que debería manter cando menos a metade dos apoios acadados hai catro anos para repetir representación.
Os partidos xudiciais da Coruña e Santiago serán a clave para o resultado final
Tamén pode haber cambios en Santiago, que elixe 8 escanos e abrangue 27 concellos, polo que a distribución final dependerá de moitos factores, entre eles o resultado na capital galega, pero tamén en localidades da contorna, como Ames e Teo, e en vilas como Arzúa, Melide, Rianxo ou Padrón.
En Ferrol, que escolle 5 deputados, o resultado semella máis asentado. Tampouco debería haber cambios en Corcubión, Noia ou Betanzos.
Pontevedra: dominio claro da esquerda
A Deputación de Pontevedra semella consolidada en favor da esquerda, grazas en boa medida ao dominio incontestable de Abel Caballero en Vigo
A Deputación de Pontevedra semella consolidada en favor da esquerda, grazas en boa medida ao dominio incontestable de Abel Caballero en Vigo: o 67,6% obtido polo rexedor olívico foi o principal responsable que de que o PSdeG obtivese 9 dos 11 escanos provinciais en xogo neste partido xudicial. No 2019, de feito, os socialistas ficaron a un deputado de acadar a maioría absoluta na Deputación.
Pode haber cambios en Vigo, sobre todo en función das variacións que se produzan nos resultados da cidade olívica. E tamén en Pontevedra, que escolle 7 escanos e que depende non só do resultado na capital provincial senón tamén nos concellos do Morrazo. Será importante atender tamén aos resultados no Salnés, pois no partido xudicial de Cambados, que escolle tres escanos, o derradeiro posto acadado polo PP en 2019 podería ir para PSdeG ou BNG se os populares baixasen minimamente. Non se prevén cambios, pola contra, en Lalín e A Estrada e semellan tamén difíciles en Ponteareas ou Tui.
Ourense: Baltar na procura de asegurar a maioría
A maioría conservadora na Deputación de Ourense, onde a esquerda nunca gobernou, é igualmente clara. Baltar aspira a non depender de Democracia Ourensana, como sucedeu hai catro anos. Para iso, fichou varios candidatos de Ciudadanos
A maioría conservadora na Deputación de Ourense, onde a esquerda nunca gobernou, é igualmente clara. No 2019, con todo, Baltar acabou dependendo de Democracia Ourensana ou de Ciudadanos para manter a Presidencia, ao quedar a un escano da maioría absoluta. A previsible desaparición de Ciudadanos simplificará a distribución e a esquerda ten moi lonxe a maioría, pero o PP necesita acadar un deputado máis para non volver depender da formación de Gonzalo Pérez Jácome.
A clave será o partido xudicial de Ourense, que escolle 15 dos 25 escanos en xogo. A desaparición de Ciudadanos favorecerá o PP, que pode recoller os seus votos (de feito, fichou a varios dos seus candidatos) e sumar un escano máis. Está no aire o resultado de Democracia Ourensana, aínda que segundo as enquisas publicadas podería manter un bo resultado na cidade que lle permita igualar os dous escanos provinciais acadados hai dous anos. BNG e PSdeG aspiran a sumar un escano máis, que no caso dos nacionalistas estaría moi próximo.
En cambio, non se esperan modificacións nos partidos xudiciais de Bande, O Barco, O Carballiño, A Pobra de Trives, Ribadavia e Verín.
Como se elixen os deputados e deputadas provinciais?
Os representantes provinciais de cada partido xudicial -que deben ser concelleiros- son elixidos en función dos votos obtidos por cada formación política nos concellos que o compoñen
Aínda que moita xente coñece perfectamente o funcionamento do sistema de elección dos membros dos plenos da deputacións provinciais, son moitas seguramente as persoas que ignoran algúns detalles. As deputacións provinciais son órganos de elección indirecta. Isto quere dicir que nas eleccións do 28M non votamos directamente as persoas que integrarán os plenos (como si facemos a través de votos a listas electorais cos concelleiros e concelleiras municipais ou cos deputados e deputadas do Parlamento galego ou o Congreso).
O número total de deputados e deputadas provinciais (que depende da poboación, dende os 25 de Lugo e Ourense aos 31 da Coruña) repártese entre os distintos partidos xudiciais existentes en Galicia, un total de 27, que como mínimo escollen un deputado ou deputada e, en función da súa poboación, van engadindo representantes. Os representantes provinciais de cada partido xudicial -que deben ser concelleiros- son elixidos en función dos votos obtidos por cada formación política nos concellos que o compoñen, aplicando a Lei d'Hont.
O reducido tamaño de moitos dos partidos xudiciais leva a que só se escolla neles un ou dous escanos, o que fai que só a primeira ou segunda candidaturas acaden representación nos máis deles
O reducido tamaño dalgún dos partidos xudiciais leva a que só se escolla neles un escano provincial, levando a unha representación máis maioritaria que proporcional. É o caso de Corcubión, A Fonsagrada, Bande, A Pobra de Trives, A Estrada, Lalín, Ponteareas, nos que o partido máis votado faise co único representante (o PP en todos eles, agás en Corcubión e A Fonsagrada, que é o PSdeG). Noutros partidos xudiciais, nos que se escollen dous representantes (Betanzos, Carballo, Chantada, Monforte, Vilalba, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Verín) o máis habitual é que os dous partidos máis votados leven cadanseu escano (deixando fóra os demais), pois o gañador debería duplicar os apoios do segundo para facer pleno.
En realidade, fóra dos partidos xudiciais que inclúen algunha cidade, o reducido número de escanos provinciais que se escollen na maioría deles fai que só a primeira ou segunda candidaturas acaden algún deles. Unicamente elixen máis de tres escanos os sete partidos xudiciais con sede nas cidades e mais o de Mondoñedo (6 escanos). No resto, os deputados e deputadas provinciais repártense entre PP e PSdeG, agás nos casos de Carballo e Tui, onde o BNG tamén acadou un.