Segue o incendio político en Lugo. Este xoves o presidente da Deputación provincial, o socialista Darío Campos, acudiu ao Parlamento para expoñer as liñas xerais do orzamento da institución para 2016. A calma que caracteriza o carácter do tamén rexedor da Pontenova viuse sorpresivamente alterado na súa resposta ao voceiro do PP, José Manuel Balseiro, que caricaturizou a situación do ente lucense como un "avispeiro" con Campos á cabeza. A contundencia do presidente provincial, que mesmo sorprendeu nas súas filas, debíase a que viña de coñecer unhas fotografías nas que se observaba a Manuel Martínez, alcalde socialista de Becerreá, en compaña da voceira do PP, Elena Candia, antes de unir os seus votos aos conservadores.
Segundo as fontes consultadas por Praza Pública as imaxes que acompañan esta información foron tomadas na área de servizo da autovía A-6 na localidade do Corgo, próxima a Lugo, e recollen dúas xuntanzas diferentes de Martínez e Candia. Unha sería previa á celebración da xunta de voceiros da Deputación desta semana e outra, anterior ao debate da moción de censura que lle devolveu o goberno a PSdeG e BNG despois de que en xuño o propio Martínez llo entregase ao PP.
O segundo encontro é, polo tanto, resaltan as mesmas fontes, inmediatamente anterior á celebración do pleno de organización no que, o pasado mércores, Martínez uniu os seus votos aos do PP para retirarlle media dedicación exclusiva ao BNG e, ademais, deixar os nacionalistas sen os asesores dos que dispuñan tanto no grupo provincial como na Vicepresidencia da institución. Neste contexto, e á espera da rolda de prensa convocada por Martínez en Lugo para este venres -que no seo dos socialistas se prevé "explosiva"-, no PSdeG valórase xa emprender accións contra o rexedor de Becerreá.
Un "tránsfuga" cun pacto "escuro"
Darío Campos: "A única negociación escura foi entre o señor Martínez e o PP, e temos probas"
Na dirección do partido as imaxes do encontro con Candia son interpretadas como a proba de que a actitude de Martínez, tanto no pleno do mércores como o pasado xuño, responde a un "pacto escuro" co PP e non só á súa "cabezonería". A esa "negociación escura" referiuse Darío Campos na súa contundente intervención no Parlamento. "A única negociación escura foi entre o señor Martínez e o PP e mesmo temos probas", advertiu Campos. A el, di, daríalle "vergoña" chegar a "confabularse cun... non sei se podemos chamarlle tránsfuga", di.
De "transfuguismo" fala tamén o voceiro do BNG na Deputación, Xosé Ferreiro, que en rolda de prensa en Lugo xunto ao vicepreisdente, Antonio Veiga, se amosou convencido de que Martínez está "senod utilizado polo PP para conseguir o poder". O alcalde de Becerreá, di o Bloque, xa actúa a efectos prácticos como un deputado máis do grupo liderado por Elena Candia, a quen ven cavando a súa "tumba política" por impulsar agora un sistema retributivo oposto ao que ela mesma aprobou como presidenta. O Bloque destaca, asemade, que se manterá nas súas responsabilidades de goberno malia ficar sen asesores polo voto de Martínez.