BNG e PSdeG piden explicacións por cargos e familiares do PP con empregos na Deputación de Ourense

Baltar fillo e Rueda con Luis Menor, presidente da Deputación e do PP de Ourense desde 2023 CC-BY-SA PP Ourense

Nacionalistas e socialistas critican que persoas próximas a dirixentes populares obtivesen postos baixo a presidencia de Luis Menor, segundo revela El País, a semellanza do que ocorría durante as tres décadas dos Baltar 

O diario El País publica este martes que cargos do PP e parentes seguen a lograr empregos na Deputación de Ourense baixo a presidencia do popular Luis Menor, no posto desde hai tres anos, como xa o facían durante o reinado dos Baltar que se estendeu tres décadas. A información sinala entre outras persoas ao irmán da xefa de gabinete do presidente, un sobriño da candidata ao Congreso Ana de Bande Vázquez, un curmán da vicepresidenta da Deputación ou un concelleiro do PP. Ante esta revelación, o BNG pide explicacións aos populares e piden á cidadanía que o teña en conta á hora de votar o 29N. O PSdeG, pola súa banda, deixou en mans do seu secretario provincial den Ourense pedir a dimisión de Menor.

Luis Menor e Rueda coa Marta Nóvoa entre eles, vicepresidenta da Deputación de Ourense e alcaldesa de San Cibrao das Viñas © PPdeG

Baltar pai foi condenado hai unha década por prevaricación continuada ao colocar a 104 persoas na Deputación pouco antes de que Baltar fillo gañase o congreso do PP provincial de 2010 no que o sucedeu á fronte do partido, para despois facelo tamén na administración provincial. Segundo a información de El País, cargos e familiares do PP seguiron obtendo empregos públicos tamén baixo a presidencia de Luis Menor, home de confianza de Alfonso Rueda que substituíu en 2023 a Baltar fillo ao ser este investigado -e despois condenado- por delito vial.

Ana Pontón pide votar o 29N contra a "caradura" dos populares e a candidata nacionalista Noa Presas "limpar Ourense desta indignidade"

A lista ofrecida por El País sinala a un sobriño da candidata popular Ana Vázquez que é tamén irmán da secretaria provincial do PP, alcaldesa de Bande e xefa territorial da Consellería de Cultura, Sandra Quintas. Tamén a un irmán da xefa de gabinete de Menor, Elena Freijedo Ledo, que é ao tempo primeira tenente de alcalde en Piñor. O nomeamento en propiedade como técnico auxiliar en Medio Ambiente foi asinado por Menor o pasado 19 de outubro.

Tamén obtivo un posto un curmán da vicepresidenta da Deputación e alcaldesa de San Cibrao das Viñas. E un concelleiro do PP en Cartelle, José Antonio Mourille, nomeado persoal laboral fixo como legoeiro por Menor en setembro do pasado ano. E un candidato en Vilar de Barrio. E o fillo do director da área de Medio Ambiente da Deputación.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, que fala de "caradura", pon esta información como exemplo de por que "é tan importante" que a súa formación obteña escano por Ourense o 29N. E a candidata a obter ese escano para os nacionalistas, Noa Presas, pide "limpar Ourense desta indignidade" xa que "non representa o que somos os galegos e galegas". 

"Para o BNG esta é unha proba máis de que o baltarismo sen Baltar continúa, a Deputación segue contribuíndo a afianzar unha rede clientelar para o PP e implica directamente á candidata ao Congreso", salienta Presas, que considera o agora revelado como "un escándalo democrático" sobre o que "por suposto qu pediremos explicacións". "Non pode ser que as institucións estean para favorecer o consumo interno do PP", conclúe.

Tras o BNG, a última hora da tarde deste martes o PSdeG tamén valorou a información de El País. Nunha nota de prensa remitida polo PSdeG de Ourense recolléronse declaracións do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, nas que pide "explicacións" e critica que na Deputación "marcharon os Baltar, pero o baltarismo continúa”.  A nota sinala que o secretario provincial dos socialistas ourensáns, Álvaro Vila, pide "a dimisión inmediata de Luis Menor” e reclama a Alfonso Rueda que asuma a súa responsabilidade política xa que "foi el quen o situou á fronte da Deputación e quen debe responder por esta situación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.