Logo de máis de tres décadas de control dos Baltar, o partido e a Deputación quedan en mans dun home de confianza de Rueda pero trasladando a imaxe de que é designado polo seu antecesor
"O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, propuxo ao presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, na Xunta Directiva Provincial celebrada esta tarde, que Luis Menor sexa o presidente da xestora que estará ao fronte do partido a nivel provincial ata a celebración do XIX Congreso Provincial". Así comunicou este venres o PPdeG a designación de Luis Menor, que xa está á fronte da Deputación de Ourense desde hai tres meses, como substituto de Manuel Baltar tamén á fronte do partido.
Púxose así fin a máis de tres décadas de control dos Baltar, pai e fillo, sobre a administración provincial e o partido, que pasan a mans de Menor, home de confianza de Rueda -foi director xeral de Emerxencias da súa consellería durante case unha década- pero tamén ben relacionado co poder local do baltarismo.
A designación de Menor foi presentada como unha proposta de Baltar nunha reunión este venres na que o dimisionario asegurou que “é o momento de dar un paso a un lado despois de case 14 anos apaixonantes”. Segundo Baltar, a elección de Menor débese a que “o presidente da Deputación de Ourense debe ser o presidente do PPdeOU. Esta foi, é e será un dos eixos do incuestionable éxito deste partido, motor indiscutible do desenvolvemento deste territorio nas últimas décadas”.
O nomeamento de Menor á fronte da xestora do partido a nivel provincial chega un mes despois de que para a xestora en Ourense capital fose elixida Victoria Núñez, filla de Victorino Núñez, histórico líder de Centristas de Galicia xunto con Baltar pai.
Rueda despediu a Baltar asegurando que actuou "sempre pensando no beneficio común"
Baltar, pendente de ser xulgado por conducir un coche oficial a 215 quilómetros por hora, pero agora protexido polo seu aforamento como senador que vén de levar o caso ao Tribunal Supremo, asegurou que o partido "ten no horizonte obxectivos coma as vindeiras eleccións autonómicas, fundamentais para Galicia e nas que esta provincia será un piar da vitoria do presidente Alfonso Rueda". Porén, nesas eleccións haberá unha nova variable, a presenza de Democracia Ourensana, anunciada hai tres semanas polo seu líder, Gonzalo Pérez Jácome.
Baltar foi despedido este venres da presidencia do partido por Rueda asegurando que actuou "sempre pensando no beneficio común" e presentando a súa saída "como unha nova mostra de xenerosidade".