Baltar xa é aforado coa marcha ao Senado e será o Supremo quen o xulgue por ir no coche oficial a 215 km/h

Baltar tomando posesión do escano de senador o pasado 17 de agosto © @ManuelBaltar

O xulgado do Penal de Zamora que levaba o seu caso inhíbese ante o alto tribunal ao constatar "a condición de aforado" do popular

O xulgado do Penal 1 de Zamora que levaba ata agora o caso por delito contra a seguridade viaria contra José Manuel Baltar por conducir un coche oficial da Deputación de Ourense a 215 quilómetros por hora vén de facer público un auto co que se inhibe en favor do Tribunal Supremo. A xuíza constata "a condición de aforado" de Baltar, que deixou a presidencia da Deputación de Ourense o pasado 17 de xullo e dez días despois foi designado polo PP senador en representación do Parlamento de Galicia. 

Vehículo oficial utilizado por José Manuel Baltar, aparcado en instalacións da Deputación de Ourense, nunha imaxe divulgada polo PSdeG ourensán CC-BY-NC-SA Foto: PSdeG | Montaxe: Praza.gal

A finais de abril eldiario.es desvelou que Baltar fora interceptado pola Garda Civil circulando nas proximidades de Pobra de Seabra a 215 quilómetros por hora, unha actuación que despois se soubo que non era novidosa.

Citado inicialmente para un xuízo rápido nun xulgado de Pobra de Seabra o 9 de maio, Baltar logrouno adiar a despois das eleccións municipais do 28 de maio ao mudar o xuízo rápido por outro ordinario, que pasou a depender dun xulgado do Penal de Zamora. Pero a nova citación, para tres días despois dos comicios, volveu ser adiada por unha folga de persoal da xustiza.

Baltar logrou adiar varias veces o seu xuízo rápido fixado inicialmente para o 9 de maio e o 17 de agosto tomou posesión como senador

Finalmente os resultados das eleccións municipais non permitiron ao PP controlar en solitario a Deputación de Ourense e recorreu novamente ao apoio da Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome, nunha operación que supuxo a saída de Baltar da presidencia provincial. Esa marcha concretouse o 17 de xullo, pero apenas dez días despois o PP facíao senador por designación do Parlamento de Galicia. E o 17 de agosto Baltar tomaba posesión como senador.

Vehículo oficial utilizado por José Manuel Baltar, aparcado o pasado 28 de abril en instalacións da Deputación de Ourense, nunha imaxe divulgada polo PSdeG ourensán CC-BY-SA Praza Pública

Ante esa situación, o xulgado de Zamora pediu ao Senado que confirmase o status de Baltar e o 29 de agosto recibiu un certificado que "acredita a condición de senador" de Baltar e polo tanto a súa "condición de aforado". O xulgado de Zamora lembra diversas resolucións xudiciais previas por outros casos con persoas aforadas e constata que resulta "polo tanto competente de forma sobrevida para o xuízo rápido a Sala Segunda do Tribunal Supremo", ante a que se inhibe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.