Baltar e Rey remudan a Feijóo e Tellado no Senado, onde volve o BNG tras máis dunha década

José Manuel Baltar, José Manuel Rey e Carme da Silva CC-BY-SA PP | Xunta | BNG

O pleno do Parlamento aproba nunha das tres sesións extraordinarias convocadas para este venres, 28 de xullo, as súas designacións para o Senado. O Estatuto galego establece que esa elección debe realizarse "para cada lexislatura das Cortes", pero atendendo á representación das forzas políticas da Cámara galega, o que desta volta dá lugar a que dous dos tres postos correspondan ao PP e o terceiro, ao BNG, dada a composición do lexislativo emanada dos comicios galegos de 2020.

Baltar está pendente de xuízo por circular a 215 por hora nun coche oficial da Deputación de Ourense, que non preside dende a pasada semana, e a esquerda ourensá pon o foco en que como senador estará aforado

Este 26 de xullo populares e nacionalistas rexistraron formalmente na Cámara as súas propostas, que no caso do PP xa foran adiantadas á prensa na véspera do Día Nacional. Os substitutos de Alberto Núñez Feijóo e Miguel Tellado, que ocuparon estes postos no último ano -o partido forzara as dimisións dos anteriores titulares dos escanos para lles facer oco en Madrid- serán José Manuel Baltar e José Manuel Rey Varela, mentres que o Bloque opta por Carme da Silva para o seu regreso á Cámara Alta máis dunha década despois.

José Manuel Baltar e Alfonso Rueda, nun acto da campaña das xerais do 23X CC-BY-SA PPdeG

A elección de Baltar resulta especialmente significativa -e controvertida- porque chega apenas unha semana despois de que o barón ourensán deixase de ser presidente da Deputación de Ourense. O bastón de mando quedou nas mans de Luis Menor en virtude do pacto da dirección galega do PP con Democracia Ourensana.

O alcalde de Ferrol nega que o escano na Cámara Alta lle vaia restar dedicación ao Concello porque non prevé ter máis "responsabilidades" que ir aos plenos

Baltar dera en renunciar a volver optar ao cargo controlado pola súa familia nas últimas tres décadas despois de perder a maioría absoluta por segundo mandato consecutivo, mais tamén tras unha campaña das municipais marcadas pola saída á luz do seu exceso de velocidade aos mandos dun coche oficial da propia institución, viaxe a 215 por hora pola que aínda está pendente de xuízo. E tamén mentres segue sendo presidente do PP de Ourense, cargo do que xa advertiu que non prevé marchar malia ao sinalado por Alfonso Rueda.

Á situación procesual de Baltar aludiron nos últimos días representantes da esquerda ourensá, caso do voceiro do BNG na capital provincial, Luís Seara. Ao converterse en membro do Senado, o popular pasará a estar automaticamente aforado, polo que as súas eventuais responsabilidades penais pasan a ter que dirimirse no Tribunal Supremo.

Carme da Silva, con Ana Pontón nun acto do BNG previo ás eleccións xerais do 23X CC-BY-NC-SA BNG

Canda Baltar marcha ao Senado quen dende o pasado xuño volve ser alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, quen xa fora rexedor departamental entre 2011 e 2015 e conselleiro de Política Social nos catro anos seguintes. Ante o cuestionamento da oposición municipal polo eventual impacto que o seu escano no Senado vaia ter na súa dedicación á alcaldía, Rey xa advertiu de que non ten previsto asumir máis "responsabilidades" que acudir aos plenos, que adoitan ocupar "catro días ao mes", e esgrimiu que ter oportunidade de manter contactos con membros do Goberno de España pode ser unha vantaxe para Ferrol.

O regreso do BNG

"Vou facer o contrario do que fixo Feijóo, que era senador por Galiza e nunca presentou ningunha proposta na defensa deste país"

O BNG, que non ten representación no Senado por designación do Parlamento dende a lexislatura estatal que rematou en 2011, elixe para o seu retorno a Carme da Silva. A tamén concelleira en Pontevedra foi cabeza de cartel da formación ao Congreso nas eleccións xerais do 23X, nas que ficou -segundo o reconto provisional e a falta do escrutinio do sufraxio exterior- a pouco máis de 5.800 votos de lograr o escano.

Tras ser designada e ás portas da súa elección, Da Silva advirte de que no Bloque son "conscientes" das "limitacións" dun Senado que, ademais, na nova lexislatura terá maioría absoluta do PP, se ben "imos espremer ao máximo as posibilidades que nos dá para defender os asuntos que máis interesan a Galiza". Neste sentido, indica, o seu propósito é "facer xusto o contrario do que fixo o señor Feijóo, que era senador por Galiza pero nunca presentou ningunha proposta na defensa deste país".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.