Baltar tamén deixará a presidencia do PP de Ourense en cuestión de meses

Rueda e Baltar, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rueda asegura que o seu compañeiro de partido lle "transmitiu" que non se presentará á reelección no próximo congreso provincial, cuxa data está condicionada polas próximas convocatorias electorais

Tras o anuncio este mércores do propio José Manuel Baltar de que non seguirá sendo presidente da Deputación de Ourense, este xoves o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, despexou tamén a incógnita ao respecto do seu futuro no partido, que controla desde que o herdou do seu pai en 2010. "Cando se celebre un novo congreso na provincia de Ourense estou seguro de que Manuel Baltar xa non optará a el, polo menos iso me transmitiu", dixo Rueda, o que supón que Baltar tamén deixe o control do PP de Ourense en cuestión de meses, nunha data aínda non concreta e condicionada polas próximas convocatorias electorais.

Rueda e Baltar na toma de posesión do primeiro goberno do primeiro hai un ano © Deputación de Ourense

Este mércores, no comunicado co que anunciou a sua marcha da Deputación, Baltar sinalou que "como presidente provincial do PPdeOU seguirei loitando coma sempre polo futuro desta provincia, co inminente reto de contribuír á chegada do ourensán Alberto Núñez Feijóo á presidencia de España". Pero este xoves Rueda matizou ese futuro. 

Ademais de asegurar que Baltar lle transmitiu que non seguirá á fronte do partido na provincia tras o próximo congreso provincial, Rueda primeiro e fontes do partido despois foron aclarando e matizando os prazos en que iso se pode producir.

Segundo Rueda, "non hai previsto facer ningún congreso provincial inmediato", pero a continuación matizou que "iso non quere dicir que se vaia esgotar o período". E o período entre congresos ordinarios do partido é de tres anos, segundo se establece nos estatutos do PP e confirmaron este xoves a respecto do caso concreto de Baltar fontes da dirección do PPdeG. 

Comunicado de Baltar no que este mércores anunciou a súa renuncia á Deputación de Ourense © PP de Ourense

O último congreso do PP de Ourense no que Baltar resultou reelixido celebrouse en setembro de 2021, polo que o seguinte deberá celebrarse antes de setembro do próximo ano. Pero a data concreta estará condicionada polas próximas convocatorias electorais.

"Os compañeiros decidirán", di Rueda a respecto de quen vai suceder a Baltar á fronte do PP de Ourense

O congreso de Ourense xa non se vai celebrar antes do outono, ata que pasen as eleccións xerais e se recoloquen as fichas no taboleiro político en función dos resultados. Pero como moito un ano máis tarde haberá que celebrar as eleccións galegas.

Fontes do PPdeG apuntan que, unha vez tomada por Baltar a decisión de retirarse, e se non hai un gran adianto electoral das galegas por parte de Rueda, o congreso para a remuda no PP de Ourense se produza en cuestión de meses, entre o próximo outono e a próxima primavera. Será nese momento cando segundo Rueda "os compañeiros decidirán" sobre o futuro do PP de Ourense tras máis de tres décadas de control dos Baltar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.