Este 2 de marzo, data límite para o rexistro de candidaturas ao Parlamento nas eleccións galegas do vindeiro 5 de abril, ficará definitivamente despexada a dúbida sobre a integración ou non de membros de Ciudadanos nas listas do PP. Tras a súa negativa á coalición co partido agora liderado interinamente por Inés Arrimadas, que a dirección central de Pablo Casado si impuxo en Euskadi, os de Alberto Núñez Feijóo dixeron estar dispostos -sen excesivo entusiasmo- a ceder algúns postos a membros de C's nas súas listas, pero como independentes e sempre e cando ficase claro que a única disciplina, antes e despois das eleccións, sería a do propio PP.
Que en vésperas duns comicios galegos estea no debate público a cuestión de se frutifican ou non confluencias no espectro da dereita é unha circunstancia inédita dende hai tres décadas. Foi daquela, a finais dos anos 80 do século pasado e principios dos 90, cando fraguou definitivamente a que ata agora foi última confluencia do PP en Galicia, a mesma que puxo a primeira pedra do fraguismo e blindou a familia Baltar na provincia de Ourense, cuxa capital é escenario este domingo do primeiro gran mitin da precampaña de Feijóo xunto a Casado, Mariano Rajoy e ao actual líder da saga ourensá, José Manuel Baltar.
Que en vésperas duns comicios galegos estea no debate público a cuestión das posibles confluencias no espectro da dereita é algo inédito dende hai tres décadas, cando fraguou a que ata agora foi a última e transcendental coalición do PP en Galicia
No remate dos 80 a dereita galega era aínda unha sopa de siglas das que son máis habituais na esquerda e que aínda na actualidade levan ao propio Feijóo a facer mofa falando de "multipartitos". No que sería o seu derradeiro mandato na Xunta, Gerardo Fernández Albor principiara a lexislatura de 1985 á fronte de Coalición Popular, isto é, a confluencia de Alianza Popular, Partido Demócrata Popular, Partido Liberal e Centristas de Galicia. As fortes tensións internas acabarían propiciando o seu esfarelamento, con episodios de transfuguismo como o de Xosé Luís Barreiro Rivas cara a Coalición Galega, clave para a conformación do tripartito que elevou á presidencia ao socialista Fernando González Laxe.
No remate daquela lexislatura convulsa o fundador de AP, Manuel Fraga, emprendeu a que sería definitiva concentración parcelaria na dereita e, ao tempo, o seu desembarco en Galicia. Nacía o Partido Popular, siglas baixo as que Fraga optaba á presidencia da Xunta por primeira vez. O PP concorreu só, xa sen coalicións, na Coruña, Lugo e Pontevedra. Pero en Ourense foi da man de Centristas de Galicia, o partido liderado por Victorino Núñez dende a súa fundación, en 1985, e alimentado con escindidos de Coalición Galega ou de formacións como Centristas de Ourense, con moitos membros da fracasada UCD nas súas filas.
Fraga foi á batalla coligado con Centristas de Galicia en Ourense, cunha lista na que figuraban nomes que acabarían destacando polos seus cargos no PP, algúns ata a actualidade
A coalición con Centristas de Galicia, cos que os populares xa concorrera aliado en municipais ou xerais, tiña un obxectivo claro: o que tres décadas despois Feijóo sinala recorrentemente como a necesidade de "unir o voto". Daquela, nunha provincia na que o poder institucional da dereita, dende a Deputación a múltiples concellos, aínda escapaba do control directo do PP. Esa división podería ser letal para os intereses de Fraga, que non estaba disposto a arriscarse a unha derrota en Galicia. E por iso, aquel político que deixaba atrás ao Fraga Iribarne ministro de Franco para deixar paso a don Manuel que apelaba ao "orgullo nacional" galego non tiña maior problema en coligarse cunha formación que incluída o nacionalismo no seu ideario.
Así, coa confluencia que reforzou o flanco ourensán, Fraga foi á batalla electoral da man de Centristas de Galicia fronte a un PSdeG de González Laxe ao que a dirección do PSOE de Felipe González decidira abandonar á súa sorte. Na candidatura ourensá da coalición figuraban nomes que nos anos seguintes destacarían polos seus cargos no PP, mesmo ata a actualidade, caso de Aurelio Miras Portugal, Roberto Castro, Juan Manuel Jiménez Morán, Antonio Mouriño ou o propio Victorino Núñez.
O fraguismo comezou grazas a aquela axustada maioría absoluta e Fraga realizou co líder de Centristas de Galicia, Victorino Núñez, un movemento clave na historia política do país
Na noite electoral do 17 de decembro de 1989, o escrutinio apuntou a unha axustada maioría absoluta do PP entre receos da esquerda, precisamente, cara á provincia de Ourense. Non en van, como ficou reflectido nos resultados oficiais daqueles comicios, a Xunta Electoral "constatara" disfuncións no reconto. Polo medio, a anulación de resultados en trece mesas e pronunciamentos xudiciais sobre "un número de votos emitidos superior ao dos electores" ou "actas dobres e contraditorias". Tamén suscitou receos o resultado do voto emigrante: mentres que no conxunto de Galicia a vitoria do PSOE fora esmagadora no sufraxio exterior, en Ourense gañara amplamente o PP entre dúbidas polos prazos de chegada dalgunhas sacas venezolanas.
Sexa como for, o fraguismo comezou grazas a aqueles 38 escanos que definitivamente tivo o PP á súa disposición. E, como avanzara o propio Fraga en campaña, no inicio do mandato produciuse un movemento clave para entender a historia política do país da década seguinte. Victorino Núñez foi nomeado presidente do Parlamento, posto que ocuparía durante dúas lexislaturas. Coa súa marcha ao Parlamento, deixou libre a cadeira da presidencia da Deputación de Ourense, que pasou a ocupar José Luis Baltar. Xa dende o trono provincial, Centristas de Galicia encamiñouse cara á súa disolución no seo do PP, que culminaría a finais de 1991. A pantasma de Centristas de Galicia, así e todo, regresaría de cando en vez. Xa fose na revolta do piso ou nas protestas contra o peche do paridoiro de Verín.