O resultado electoral de 1989

O 5 de febreiro, algúns medios de comunicación lembraron –con foto incluída- aquela gaiteirada convocada no Obradoiro para celebrar a chegada de Manuel Fraga á presidencia da Xunta.

O trunfo electoral acadado polo PP no mes de decembro de 1989 foi tan axustado que permite realizar un interesante exercicio de especulación mental: que tería sucedido se o PP non obtivera, daquela, a cifra de 38 deputados?

Cúmprense 25 anos dun acontecemento moi relevante na historia recente da política galega. A distancia temporal non ten que ser un incentivo para o esquecemento senón para calibrar mellor a importancia do sucedido. O trunfo electoral acadado polo PP no mes de decembro de 1989 foi tan axustado que permite realizar un interesante exercicio de especulación mental: que tería sucedido se o PP non obtivera, daquela, a cifra de 38 deputados?

Suporía, de entrada, o fracaso da operación retorno deseñada  por Fraga e debilitaría a consolidación do PP como partido hexemónico nas institucións do autogoberno galego

A configuración dun hipotético goberno alternativo sobre a base de acordos ou compromisos entre PSdG, Coalición Galega, Partido Nacionalista Galego, BNG e PSG-EG suporía, de entrada, o fracaso da operación retorno deseñada  por Fraga e debilitaría a consolidación do PP como partido hexemónico nas institucións do autogoberno galego. Ademais, tal circunstancia podería facilitar a recomposición do mapa político cunha maior presenza das catro forzas que conformaban o universo galeguista daquel momento.

O resultado de 1989 e a posterior modificación da lei electoral promovida polo ex –ministro franquista rematou definitivamente coa viabilidade de CG e favoreceu a converxencia de diferentes segmentos nacionalistas na casa común que representou, naquel momento, o BNG. A partir de 1993 -e durante case vinte anos- o Parlamento do Hórreo funcionou con tres formacións políticas e o PP só perdeu a maioría absoluta na lexislatura que comezou en 2005.

Dende as primeiras eleccións autonómicas celebradas ao remate de 1981, o dominio político do PP só foi interrompido en dúas ocasións:no bienio 1987-1989 como consecuencia da moción de censura que abriu a porta ao tripartito de PSdG/CG/PNG e no período 2005-2009 por mor da coalición entre socialistas e BNG. Este balanzo histórico certifica a considerábel fortaleza do partido que hoxe encabeza Feijoo e as graves carencias padecidas polas distintas organizacións da oposición. Por iso, a cita electoral de 1989 foi particularmente decisiva: ademais desa solidez estrutural do PP, o liderado de Fraga evitou o medre das fendas existentes na década dos oitenta e contribuíu a decapitar o proxecto de conformación dunha dereita galeguista a partir do relativo éxito acadado por CG en 1985.

Ademais desa solidez estrutural do PP, o liderado de Fraga evitou o medre das fendas existentes na década dos oitenta e contribuíu a decapitar o proxecto de conformación dunha dereita galeguista a partir do relativo éxito acadado por CG en 1985

Cambiou moito Galiza nestes 25 anos? Mudaron substantivamente as organizacións políticas? Estas preguntas requiren, sen dúbida, unha análise mais demorada da que se contén neste comentario mais é posíbel adiantar, como mínimo, unha tese interpretativa:as transformacións operadas nos comportamentos políticos da sociedade galega foron menos relevantes dos que se rexistraron nalgúns dos protagonistas daquela conxuntura histórica. Serva un exemplo como botón de mostra: entre o “fagámonos respectar”  que invocaba Xosé Luis Barreiro como cabeza visíbel de Coalición Galega e as posicións discursivas que mantén na actualidade media unha distancia suficientemente ilustrativa das coordenadas nas que se desenvolveu a maioría da elite política realmente existente neste País.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.