A dinastía Baltar declina e inxecta na dereita galega doses de incerteza descoñecidas dende Fraga

José Manuel Baltar, na antiga sede do PP de Ourense no día en que anunciou a mudanza á nova, en xullo de 2022, sobre antigas imaxes do PP de Ourense CC-BY-SA Foto: PP Ourense | Montaxe: Praza.gal

O 13 de xaneiro de 1990 Centristas de Galicia daba o seu visto e prace ao nome da persoa que ía substituír o líder do partido, Victorino Núñez, como presidente da Deputación de Ourense. O elixido era José Luis Baltar, alcalde de Nogueira de Ramuín dende 1976 e, a efectos prácticos, o cargo político que controlaba en boa medida a institución provincial dende o inicio do mandato en 1987, aínda que sobre o papel fose vicepresidente e voceiro do goberno provincial.

A renuncia de José Manuel Baltar pode converter os feitos políticos deste xuño de 2023 en algo tan histórico como o sucedido a principios dos 90, cando Victorino Núñez deixou nas mans do seu pai a Deputación que gañara Centristas de Galicia

Núñez -falecido en 2010- cambiaba a vicepresidencia da Deputación pola do Parlamento, no que o PP de Manuel Fraga lograra a maioría absoluta pola mínima nas eleccións de decembro do ano anterior. Para conseguir a absoluta e desbancar da presidencia ao socialista Fernando González Laxe fora clave a provincia de Ourense non só polo axustado e controvertido reconto, senón tamén porque o populares concorreran nesa provincia coligados con Centristas de Galicia, o partido de Núñez e de Baltar, que se alimentara nos anos previos de múltiples fontes da dereita provincial, dende escindidos da UCD ata restos de Coalición Galega.

Nas eleccións de 1989, o PP acabado de fundar concorreu coligado en Ourense con Centristas de Galicia CC-BY-NC-SA Praza Pública

Aqueles feitos políticos de finais dos 80 e principios dos 90 foron clave para entender a hexemonía fraguista nos lustros seguintes. En 1991, Centristas de Galicia xa estaba integrado a todos os efectos no PP e a familia Baltar, asentada nun trono de poder que chega aos nosos días, máis de tres décadas despois. Chega aos nosos días, pero declinando dende hai anos ata desembocar na renuncia de José Manuel Baltar coñecida este 14 de xuño de 2023, un día que pode acabar sendo tan histórico como aqueloutro de xaneiro de principios dos 90 e que inxecta na dereita ourensá e galega doses de incerteza descoñecidas dende aqueles tempos previos á pax fraguista.

José Manuel Baltar foi levado da man do pai no seu ascenso. Primeiro como peza dos seus movementos internos, incluíndo a revolta contra Fraga. E despois, como sucesor

Os tempos do PP de Fraga, aqueles que comezaran co partido inscribíndose no "nacionalismo moderado" por influxos coma os de Centristas de Galicia, foron tamén os tempos do PP dos baróns provinciais como Francisco Cacharro en Lugo, Xosé Cuíña en Pontevedra e, por suposto, José Luis Baltar en Ourense. O celeiro ourensán forneceu votos clave para as maiorías absolutas de Fraga (tras a de 1989 chegaron as de 1993, 1997 e 2001) a cambio de deixar facer á familia liderada polo autodenominado "cacique bo". Tamén cando o seu fillo José Manuel comezou a ostentar cargos no partido, na Xunta e no Parlamento.

José Manuel Baltar -Nene ou Baltarín para os detractores, Manuel Baltar na vida pública- foi levado da man polo pai no seu ascenso político. Primeiro como peza dos seus movementos internos, incluíndo o desafío a Fraga na célebre revolta do piso, a sublevación do daquela coñecido como sector "da boina" contra o patrón da dereita española como resposta á defenestración de Cuíña en plena crise do Prestige, hai agora vinte anos. E dende 2010, como sucesor.

José Luis Baltar, sentado con Feijóo e Rueda no congreso do PP de Ourense en 2010, no que foi sucedido polo fillo CC-BY-SA PPdeG

Porque Baltar pai tiña claro que a súa ía ser unha retirada dinástica. Por iso en 2010 legou ao seu fillo a presidencia do partido en Ourense presentándoo como candidato a un congreso provincial no que a dirección galega, encabezada por un Alberto Núñez Feijóo acabado de chegar á presidencia da Xunta, artellou unha operación para tentar derrubalo. O movemento de Feijóo acabou en sonoro fracaso e José Manuel Baltar herdou o partido. Anos despois a Xustiza daría por probado que, xusto antes do congreso, Baltar pai enchufara na Deputación máis dun cento de persoas vinculadas directamente ao partido e, polo tanto, con influencia na sucesión.

Tras a sucesión dinástica Baltar fillo logrou en 2015 reter a maioría absoluta que lle escapou en 2019 e outra volta nunhas municipais de 2023 ás que chegou desgastado, sobre todo internamente, por casos como o exceso de velocidade aos mandos do coche oficial, aínda pendente de xuízo

Aquel ditame xudicial inhabilitaba a José Luis Baltar por nove anos, pero cando chegou xa había catro que deixara a presidencia da Deputación. Que lla deixara ao fillo tras revalidala nas eleccións municipais de 2011 cunha folgada maioría absoluta. Nas de 2015, as primeiras con Baltar fillo á fronte do partido e da Deputación, a maioría volveu ser absoluta.

Pero algo comezara a mudar. Os populares ourensáns seguían arrasando nas urnas co fillo, pero un pouco menos que co pai. E así, en 2019, aínda que os seus números foron mellores que os do PP no conxunto do Estado, o resultado na Deputación xa non foi de maioría absoluta. Foilles preciso entregar a alcaldía da capital da provincia a Gonzalo Pérez Jácome -líder da terceira forza nas urnas, Democracia Ourensana- a cambio de salvar a presidencia provincial.

Baltar e Rueda, nun acto sobre termalismo en Ourense CC-BY-SA Xunta de Galicia

E nisto chegou 2023. Por segunda elección consecutiva, o PP de Ourense quedou sen maioría absoluta na Deputación. E, a diferenza de hai catro anos, os votos dos populares xa non son estritamente imprescindibles para que Jácome sexa alcalde, xa que DO é a primeira forza na corporación municipal. 

Baltar renuncia aos cargos institucionais, pero non marcha. Ou, cando menos, non marcha de todo

Ademais, Baltar chegou á cita electoral notablemente desgastado tras transcender que a Garda Civil o interceptou o pasado abril conducindo a 215 por hora un coche oficial da Deputación, caso polo que aínda está pendente de xuízo tras lograr adialo ata despois das municipais. Desgastado externamente e, sobre todo, a nivel interno no PP que agora dirixe en España o ex-presidente Feijóo, cuxo círculo máis próximo sempre considerou a Baltar un mal tan incómodo como necesario en Galicia, pero non tanto no Estado. Moito máis desgastado que tras o escándalo xerado despois de ser acusado por unha muller de lle ofrecer emprego na Deputación a cambio de sexo. O caso quedou arquivado pola Xustiza en 2017 ao non ver a xuíza suficientemente acreditado que os feitos denunciados fosen constitutivos de delitos de suborno, acoso ou tráfico de influencias.

Este cúmulo de factores serve para explicar, cando menos en parte, a carta coa que José Manuel Baltar anunciaba este 14 de xuño de 2023 que renuncia a volver aspirar á presidencia da Deputación e tamén á súa acta de concelleiro en Esgos. A esa condición, a de mero edil nun pequeno concello, chegou a reducilo en público nas últimas semanas o actual presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda. 

Baltar renuncia aos cargos institucionais, pero non marcha. Ou, cando menos, non marcha de todo. Polo momento, conserva para si a presidencia do partido en Ourense, desa ata agora máquina implacable de captar votos e amarrar maiorías absolutas tamén para a dirección galega do partido. A mesma máquina, non obstante, que foi vendo como, aos poucos, demasiados concellos da provincia se foron tinguindo de vermello PSdeG ou de azul BNG.

No PSdeG aseguran estar a facer "todo o posible" para que a institución "cambie de cor política" e no BNG gardan un prudente silencio público mentres todas as olladas se dirixen a Jácome

E agora, que? Os ruxerruxes sobre o futuro de Baltar fillo levan semanas disparados. Parlamento Europeo, un posto no Senado por designación do Parlamento de Galicia, algunha entidade vinculada ao termalismo... O que suceda dependerá, entre outros moitos factores, de se estes históricos días da primavera política de 2023 acaban co PP fóra do goberno da Deputación de Ourense por primeira vez dende a fundación do partido. 

No PSdeG aseguran estar a facer "todo o posible" para que a institución "cambie de cor política" e no BNG gardan un prudente silencio público mentres todas as olladas se dirixen a un Jácome que admite contactos con populares e socialistas. Naquel xaneiro de 1990 había quen especulaba con que a chegada ao poder de José Luis Baltar non ía ser para moito tempo. E acabou sendo toda unha era política en Galicia. A era dun baltarismo que, cando menos de momento, non finalizou malia ás súas inéditas fraquezas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.