Rueda evita confirmar a Baltar como candidato á Deputación de Ourense

José Manuel Baltar dá unha aperta a Rueda na toma de posesión do seu goberno hai agora un ano © Deputación de Ourense

O presidente di que “un candidato do PP debería presidir as entidades onde fomos a lista máis votada” pero “sen falar de persoas”, e rexeita valorar a “hipótese” dun pacto que dese a Jácome a alcaldía porque “a día de hoxe” non lla formularon

Cre que Baltar ten que ser presidente da Deputación de Ourense e por que? Esa foi a pregunta que se formulou este xoves ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, que na súa resposta evitou confirmar que o barón ourensán vaia ser o candidato da súa formación e deixou abertas diversas portas a posibles pactos nesa institución e na alcaldía da cidade. “Un candidato do PP debería presidir as entidades locais onde fomos a lista máis votada e vou tentar que sexa así sen falar de persoas”, dixo Rueda sen referirse a Baltar, pendente dun xuízo penal por conducir un coche oficial a 215 por hora, máis que como “concelleiro de Esgos, nada máis”. 

Rueda tamén rexeitou valorar a “hipótese” dun pacto que dese a Jácome a alcaldía a cambio do seu apoio ao PP na Deputación se esta formación corre o risco de perdela. “A día de hoxe”, dixo, non lle foi formulada. 

Alfonso Rueda e Gonzalo Pérez Jácome, na sede da Xunta en Ourense o pasado outubro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A crise política de Ourense centrou este xoves a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que Rueda recibiu unha serie de preguntas e repreguntas cuxas respostas conteñen matices relevantes a respecto das que o presidente daba antes das eleccións:

Rueda nada concreta sobre o futuro de Baltar máis que constatar que o domingo foi elixido "concelleiro de Esgos, nada máis", evidenciando que calquera edil pode aspirar a presidir unha deputación

  • Que fará se os outros partidos de cara a configurar pactos poñen como condición que Manuel Baltar non continúe á fronte da Deputación? “Faise unha hipótese que polo menos a min a día de hoxe non me foi formulada. Tampouco me parecería moi normal que se poña como condición esa pois tamén poderíamos poñela calquera partido respecto de calquera persoa que lexitimamente como foi o caso de Manuel Baltar foi elixida nunha lista, neste caso do concello de Esgos e que a día de hoxe é concelleiro de Esgos, nada máis. Non se me plantexou esa hipótese e non me vou pronunciar sobre ela”
Baltar este martes na xunta directiva provincial do PP en Ourense cun mapa coa formación máis votada en cada concello da provincia © PP de Ourense
  • En caso de que houbese risco de que o PP perdese a Deputación, debería estudarse un pacto con Jácome para repartirse novamente as dúas institucións ou mantén que en ningún caso? “Non quero falar de hipóteses e menos mentres non estean formuladas”, respondeu Rueda, quen asegurou que fala “frecuentemente” co seu candidato local, Manuel Cabezas, “segunda forza máis votada”, e que este “mantén a súa postura” de non permitir que Jácome siga sendo alcalde, para o que quere chegar a un acordo con PSdeG e BNG.
  • Di que non é unha hipótese sobre a mesa, pero no caso de necesitar a Jácome para manter a Deputación, avalaría que siga na alcaldía? “Primeiro hai que falar da constitución dos concellos antes que das deputacións”, foi a seguinte resposta de Rueda. 

Rueda insistiu no seu "principio xeral" de que "as listas máis votadas deberían gobernar en todas partes" mesmo cando se lle fixo ver que iso suporía que Jácome repita como alcalde

  • Na seguinte pregunta sobre a cuestión Rueda foi instado a dar unha "postura clara" sobre se cre que Baltar ten que ser o presidente da Deputación e por que. “Un candidato do PP debería presidir as entidades locais onde fomos a lista máis votada”, dixo. “Vou defender e tentar que sexa así sen falar de persoas, porque non estou falando de persoas nin sequera naquela provincia que sei que imos gobernar”, engadiu, referíndose a Pontevedra onde o PP logrou, ao diferenza de Ourense, maioría absoluta na Deputación.
  • Di que na Deputación debe gobernar a lista máis votada, pero no Concello a lista máis votada é a de Jácome, foi a seguinte cuestión que se lle formulou a Rueda. A súa resposta foi defender o seu “principio xeral” de que goberne a lista máis votada, sen realizar ningún matiz a respecto da crise política da cidade.
Rueda, Baltar e Manuel Cabezas, candidato do PP á alcaldía de Ourense © PPdeG
  • O presidente asegura que un pacto con Jácome non é unha hipótese sobre a mesa, pero o propio Rueda dixo en campaña que o PP non pactaría con el e este mesmo mércores así o ratificou o candidato popular, Manuel Cabezas. Mantén o presidente que non se vai pactar con Jácome? “Si, si, eu me manteño, por suposto, e sei o que dixo o candidato do PP, el di que non vai apoiar unha investidura con Jácome e eu estaba falando da conexión que se quería facer coa Deputación”, respondeu. E rematou as súas consideracións ao respecto na rolda de prensa insistindo en que “as listas máis votadas deberían gobernar en todas partes”, o que volvería dar a alcaldía a Jácome.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.