O presidente converte a sesión de control á Xunta no Parlamento nun monólogo de gabanza dos resultados do PP nas municipais e a portavoz do BNG dille que lle “queda grande” o cargo mentres non aclare que vai facer con Ourense
O PPdeG, con Feijóo ou con Rueda, sempre defendeu nos seus discursos públicos que en todas as institucións goberne a lista máis votada, o que en Galicia habitualmente os beneficiaría. Pero non sempre actuou conforme a eses supostos principios e hai catro anos deu a alcaldía de Ourense a Gonzalo Pérez Jácome malia ser a terceira forza na cidade a cambio de que este mantivese a José Manuel Baltar á fronte da Deputación.
Catro anos máis tarde Jácome é agora a forza máis votada na cidade, pero Rueda está disposto agora a chegar a un “pacto de perdedores”, como adoita referirse aos acordos entre partidos permitidos pola lei electoral, para apartar a Jácome. Iso si, se o alcalde é do PP. Para iso, Rueda reclamou este mércores no Parlamento á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que en Ourense “apoie á segunda lista máis votada”, o PP. “Sexa coherente por unha vez”, reclamou a continuación o popular á nacionalista, obviando a súa propia coherencia e abríndose a gobernar a terceira cidade de Galicia grazas ao apoio de socialistas e nacionalistas aos que o PP viña presentando como "socios de Bildu".
Foi nunha sesión de control á Xunta no Parlamento na que, malia que PSdeG e BNG preguntaban por cuestións relativas á xestión do Goberno galego, Rueda converteu nun monólogo de gabanza dos resultados electorais do PP nas municipais e de críticas a Sánchez por fixar as eleccións “en plenas vacacións”, como fixo tamén Feijóo coas galegas do 12 de xullo de 2020.
"Apoie á segunda lista máis votada", pediu Rueda a Pontón en referencia ao PP na cidade de Ourense
No debate Pontón preguntou a Rueda se vai facer algo coa crise política de Ourense, na que dixo que “o PP vai de escándalo en escándalo”, con “Baltar convertido en perigo público” por conducir un coche oficial a 215 quilómetros por hora e coa revelación na xornada de reflexón de “audios do irmán de Baltar sobre presuntas mordidas, outra práctica habitual do PP”. “Mentres non nos aclare que vai facer con Ourense o único que está demostrando é que lle queda moi grande o traxe de presidente”, dixo Pontón.
Rueda obviou a situación de Baltar e a Deputación, pero na súa última réplica do debate o presidente si valorou a situación do Concello de Ourense e Jácome. Foi nese momento cando lembrou que o BNG “cansouse de dicir” que “en ningún caso” permitiría que Jácome seguise na alcaldía, polo que agora reclámalle que dea a alcaldía ao PP como segunda forza máis votada.
O socialista Luis Álvarez considerou un "fracaso" para o PP as eleccións municipais e Rueda asegurou que fronte ao adelanto de Sánchez en Galicia "hai unha Xunta unida que vai seguir traballando"
Na mesma sesión de control, e igualmente despois de que fose Rueda quen introducise no debate a cuestión electoral, o socialista Luis Álvarez gabouse de que o seu partido fose nas municipais a segunda forza en Galicia e salientou que o PP “fracasou nos obxectivos” que a propia formación se marcara. “Vostedes dixeron que só lles valían maiorías absolutas”, lembrou o socialista, para considerar que as que logrou finalmente non cumprirían as súas expectativas.
Rueda, pola súa banda, respondeulle que o resultado das municipais “ten moito que ver coa política da Xunta de Galicia”. E fronte ao adianto electoral de Sánchez asegurou que en Galicia hai “unha Xunta unida que vai seguir traballando”.