Jácome, o máis votado en Ourense: só a unión do resto de partidos contra el evitaría que renove a alcaldía

Gonzalo Pérez Jácome, no colexio electoral o 28M © Democracia Ourensana

O polémico Gonzalo Pérez Jácome, o máis votado na cidade de Ourense. Democracia Ourensana converteuse na formación con máis apoio este 28M na cidade, un resultado ben afastado do que prevían as enquisas. Tanto que, agás que o resto de forzas acaden un pacto contra el, renovará como rexedor da terceira cidade do país. 

Pérez Jácome pasa a ser a forza máis votada, sobe máis de dez puntos e suma tres edís máis

Non pareceron influír -ou polo menos non negativamente- a difusión desde hai días por parte do diario La Región de diversos audios do actual rexedor que o ligarían presuntamente a supostas prácticas irregulares vinculadas con concesións municipais e o financiamento do seu partido. "É un resultado absolutamente histórico do único partido independente que goberna unha capital de provincia", asegurou Jácome ao pouco de coñecerse os resultados. espera

Foi unha das grandes sorpresas na noite electoral en Galicia. Democracia Ourensana -con máis do 95% escrutado- obtivo case o 34% dos votos, medrou máis de dez puntos e tornouse na formación máis votada. Acadou dez edís (tres máis que en 2019), polos 7 do PP -que iguala os resultados de hai catro anos- e os 6 do PSdeG, o gran derrotado ao caer nuns 7 puntos e perder tres concelleiros. 

Na esquerda, só o BNG mellora resultados ao dobrar o número de edís -pasa de 2 a 4- e subir en case dez puntos a porcentaxe de voto. Na dereita, Ciudadanos non alcanzou nin o 0,5% dos sufraxios e perdeu os seus dous representantes, seguindo a tónica do partido a nivel galego e estatal. Queda agora por ver como se resolve a incógnita do goberno en Ourense. 

Coa maioría relativa, que Jácome non repita na alcaldía depende, desta vez, de que PP, PSdeG e BNG cheguen a un acordo para investir e darlle a alcaldía a outro candidato, sendo o popular Manuel Cabezas o máis votado de entre estas tres formacións, ou mesmo optar por rotar no bastón de mando. É a única posibilidade. No caso de que non se produza ese pacto, o líder de DO sería o rexedor ao erguerse como o alcaldable que lidera a lista máis votada. 

Manuel Cabezas (PP), votando o 28M © PP Ourense

No fondo, toda a polémica que rodeou e rodea a Jácome, pero tamén a José Manuel Baltar, presidente da Deputación e secretario xeral dos populares na provincia. Hai só uns días, o alcalde ourensán declarárase vítima dunha "mafia" de empresas "xonquis de cartos públicos", ao seu xuízo comandadas por La Región.

No caso de Baltar, as varias multas desveladas no coche oficial da Deputación por circular ata a 215 km/h impactaron tamén na campaña, marcada polo futuro do ente provincial. 

Hai catro anos, Democracia Ourensana accedeu a lle dar os seus votos ao PP, que perdera a maioría absoluta na Deputación, para salvar a presidencia de José Manuel Baltar. A cambio, os populares sacrificaban o seu propio candidato no Concello, onde quedaran segundos, e investían o líder de DO, Gonzalo Pérez Jácome, que quedara terceiro en votos tras varios mandatos baseados, en boa medida, en zorregar en Baltar, a quen prometera desbancar por "psicópata".

Francisco Rodríguez (PSdeG), votando o 28M CC-BY-SA PSdeG Ourense

No concello, a coalición DO-PP rompeu dúas veces, unha a instancias de cada socio. Na Deputación, Baltar apresurouse en afirmar que o bipartito seguiría adiante, pero acabou embarrancado tras o colapso municipal. Non obstante, o barón ourensán mantivo amarrada a absoluta co retorno ás súas filas da deputada Monterrat Lama, a que fora voceiro do seu goberno ata que en 2019 marchou a Ciudadanos. En ambas institucións houbo, ademais, sucesivas mudanzas de cargos entre edís e deputados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.