Baltar ratifica que o PP manterá o bipartito con Jácome en Ourense

Jácome e Baltar, nunha rolda de prensa na Deputación de Ourense en decembro de 2019 © Deputación de Ourense

Baltar ratifica o goberno de coalición do PP e Democracia Ourensana que permite a Gonzalo Pérez Jácome ser alcalde da cidade. Logo da polémica pola agresión do rexedor a unha sindicalista a pasada semana, e despois de que a oposición pedise a súa dimisión, o presidente do PP de Ourense e da Deputación defendeu a continuidade do seu partido no executivo local. 

"Jácome é mil veces mellor alcalde que o que sería el", dixo en alusicón a Rafael Rodríguez Villarino, líder do PSOE en Ourense e que encabezou a lista máis votada nas últimas eleccións municipais. Baltar acusou o portavoz socialista de "facer política en minúsculas" e de imposibilitar caluqera acordo porque "só se reúne por melloras económicas". 

Gonzalo Pérez Jácome, ante un valo electoral de Baltar nun vídeo electoral de DO CC-BY-SA Praza Pública

"Jácome é mil veces mellor alcalde que o que sería el", dixo Baltar en referencia ao líder do PSOE local, Rafa Villarino

Baltar, que preside a Deputación grazas tamén ao pacto polo que o PP entregou a alcaldía a Jácome, blinda e ampara o actual rexedor e aposta por manter o PP nun goberno local "no que fai falta músculo para desenvolver as competencias". Ademais, censurou a Villarino por pedir unha alternativa ao alcalde "cando todos sabemos que fala con el para pedir melloras para o grupo, eventuais ou unha moción de censura na Deputación". "Todo o que fai está destinado ao fracaso", espetou. 

Malia todo, Baltar animou a Jácome a pedir desculpas por "algo deleznable" que, no entanto, di que non mudou a relación entre os socios. "Calquera outra formación desexaría estar no goberno", engadiu, en referencia tamén ás vinderias eleccións locais de dentro dun ano e nas que, dixo, "o obxectivo é gañar a ciade e ter maioría absoluta na Deputación". 

O PSdeG de Ourense condena que Baltar "ampare, aplauda e defenda" a Jácome e atribúe as súas palabras ao temor a que Rueda impulse unha moción de censura

Pola súa banda, o PSdeG de Ourense condenou "rotundamente" que Baltar "ampare, aplauda e defenda" a Jácome tras "entrar en pánico ao ver perigar o seu posto na Deputación provincial". 

Os socialistas pregúntanse "se a opinión de Baltar é a mesma que sostén o resto do Partido Popular, e se Rueda e Feijóo tamén coinciden con el". Ademais, amosaron a súa "fonda preocupación" ante a "deriva ultra na que Baltar está a sumir as institucións públicas". 

Bancada socialista nun pleno municipal en Ourense CC-BY-SA PSdeG Ourense

"Defende unha persoa que agride física e verbalmente a mulleres e outros moitos colectivos e atacou a Rafa Villarino, líder da oposición e do partido máis votado da terceira cidade de Galicia", lembra o PSOE, que cualifica de "bochornosa" a reacción de Baltar, que atribúen aos temores de que Alfonso Rueda, novo líder do PPdeG, "dea un paso á fronte e acepte impulsar unha moción de censura no Concello de Ourense, ante unha situación que xa é totalmente insostible”.

Nun comunicado, os socialistas ourensáns agardan que Baltar convoque "canto antes" o pleno extraordinario e urxente solicitado por eles na Deputación para reprobar e pedir a dimisión de Jácome. Ademais, reclaman tamén unha "condena institucional unánime da brutal agresión e instan a Baltar e a Feijóo a romper todas as relacións ou acordos vixentes co alcalde agresor e coa súa formación, Democracia Ourensana". Tamén propoñen manifestar apoio aos traballadores e traballadoras dos transporte urbano en folga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.