Flora Moure (PP) cualificou de "lamentable" o empurrón do alcalde pero lamentou o "oportunismo" do PSdeG
O PP de Ourense abstívose este venres na votación dunha moción de urxencia presentada polo PSdeG no pleno municipal no que se solicitaba, entre outras cuestións, a dimisión do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, tras o seu empurrón a unha sindicalista o pasado martes nunha protesta durante a folga do transporte urbano.
A portavoz do PP, Flora Moure, cualificou de "lamentable" o empurrón do rexidor ao que instou a pedir desculpas por uns feitos "que nunca deberon ocorrer". No entanto, tamén lamentou o "oportunismo" dos socialistas por levar ao pleno o texto defendido pola edil Natalia González. Os populares pediron a votación por puntos da moción de urxencia, unha solicitude rexeitada pola dirixente socialista.
O texto, ademais de reprobar a acción de Jácome e reclamar a súa dimisión, pedía tamén un apoio expreso aos traballadores da concesionaria. González pediu na súa intervención ao alcalde que "dimita" porque "ningúen no seu lugar seguiría á fronte do Concello". O portavoz do BNG, Luís Seara, acusou o PP de "manter a Jácome porque son o mesmo" e porque "Jácome mantén a Baltar".
A moción foi finalmente aprobada cos votos do PSdeG, BNG, Ciudadanos e os ex-membros de Democracia Ourensana, concelleiras non adscritas. Votaron en contra os tres integrantes de DO presentes no pleno mentres que o PP, que forma parte do goberno local, abstívose logo dun debate sobre a súa dimisión no que Jácome abandonou o salón de plenos.
Logo, e segundo o PSdeG pola presión do seu grupo municipal, o alcalde regresou ao pleno. Os socialistas, ademais, denunciaron que o Partido Popularse negase a pedir a dimisión do rexedor e que votasen en contra da urxencia da moción "co único obxectivo de que non se debatese ese punto e deste xeito non quedar retratados”.
Por outra banda, na tarde do xoves, centos de persoas concentráronse na praza Maior de Ourense "contra a vergoña" e pola "dignidade" pedindo a "dimisión" do alcalde da cidade logo do empurrón á sindicalista.
Ademais, aínda o pasado xoves, o presdente do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, volveu facer responsable o PSdeG de que Jácome ostente a alcaldía. Segundo a súa tese, os socialistas, o partido máis votado na cidade nas pasadas eleccións municipais, son os culpables de que Jácome sexa o alcalde por querer afastar ao popular Manuel Baltar da presidencia da Deputación, o que levou ao PP, que ten a representación maioritaria nesa institución, a protexer ese posto chegando a un acordo co líder de Democracia Ourensana para repartirse os dous cargos.