Na medianoite deste luns comezou en Ourense unha folga indefinida no transporte público da cidade, despois de que nas últimas semanas os sindicatos e a empresa concesionaria non achegaran as súas posturas na negociación do novo convenio colectivo. Esta mañá, no marco dunha concentración convocada polo persoal na Praza Maior ás portas do Concello, a actuación do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, contribuíu a disparar a tensión ao redor do paro.
O alcalde de Ourense empurrou a unha sindicalista de CC.OO. que interviña nunha concentración ás portas do Concello, coincidindo coa primera xornada de folga indefinida
Lola Panero Vázquez, secretaría de Organización e Servizos de CC.OO. en Ourense, estaba a dirixirse aos traballadores e traballadoras concentradas, empregando un altofalante. Nese momento, Pérez Jácome saíu do edificio e a sindicalista animouno a falar co persoal en folga para expoñerlles a posición do Goberno local de Ourense. O rexedor reaccionou empurrando a Lola Panero con violencia, nunha acción que foi recibida coas protestas dos concentrados.
"Como representante institucional de Ourense, como alcalde, este tipo de cousas non son aceptables”, afirma Lola Panero, que valora a presentación dunha denuncia
Lola Panero destaca que a concentración estaba convocada legalmente e explica que “cando vin que baixou o alcalde, dirixinme a el con normalidade, para dicirlle que xa que estaban os traballadores alí, podía falar con eles. Inocente de min, mesmo pensaba que saíra do Concello para interesarse pola situación e pola folga”. “Pero entón empezou a berrarme que non o tocase, que non o empurrase... Provocación pura e dura”, explica, sinalando que “en ningún momento esperaba eu unha reacción tan brutal. Non estou afeita a isto”
“As cousas así non poden ser. Non son as maneiras de dirixirse á xente como representante institucional”, subliña Panero, que anuncia que está valorando presentar denuncia contra Pérez Jácome. “Como representante institucional de Ourense, como alcalde, este tipo de cousas non son aceptables”, conclúe.
Pérez Jácome xustificou o empurrón afirmando que previamente fora "agredido acusticamente"
Pola súa banda, Gonzalo Pérez Jácome respondeu a través dun vídeo publicado en twitter, no que xustificou o empurrón afirmando que previamente fora "agredido acusticamente" ao "vociferar" co altofalante unha "sindicalista exacltada". O alcalde ourénsán dixo que "ante a amenaza potencial de perda auditiva permanente", reaccionou de "forma instintiva".
"Jácome non pode continuar como alcalde", sinala o BNG, mentres que o PSdeG lembra que o rexedor foi imposto polo PP, ao que lle preguntan ata cando vai manter o seu apoio. Os populares din non ser "responsables" das "accións irrespectuosas" do rexedor
A agresión xa recibiu as críticas dos grupos da oposición. O grupo municipal do BNG afirmou que "Jácome non pode continuar como alcalde" e esixiu ao PP que lle retire o seu apoio. "É hora de que o PP asuma a súa responsabilidade e retire a Jácome da alcaldía pois o ocorrido no día de hoxe supera todos os límites e contribúe unha vez máis á degradación da imaxe de Ourense", sinalaron os nacionalistas.
Tamén o líder do PSdeG-PSOE na cidade, Rafa Villarino, lembrou que o Pérez Jácome foi "imposto e sostido" por Alberto Núñez Feijóo e preguntouse ata cando vai manter o Partido Popular o seu apoio. O PP ourensán, pola súa banda, emitiu un comunicado no que cualifica a "reacción" de Jácome como "desproporcionada" porque "nada xustifica que o alcalde perda os nervios desa forma". "Non compartimos en absoluto esas formas", agregan os socios de goberno do rexedor, que así e todo agregan que non son "responsables" das "accións irrespectuosas e individuais do alcalde", a quen animan a "pedir perdón".
A folga no transporte
A folga afecta a 125 traballadores, que reclaman un convenio no que non perdan poder adquisitivo. O persoal critica os servizos mínimos impostos polo Concello
Este martes lévase a cabo a primeira xornada dunha folga indefinida que afecta a un total de 125 traballadores e traballadoras, condutores na súa maior parte. O persoal reclama que a empresa concesionaria incremente os salarios tendo en conta a suba do IPC que se está a producir. Sobre a mesa están aspectos como o cómputo da xornada laboral, un punto no que o persoal está disposto a aceptar o novo sistema que quere implementar a empresa "pero, evidentemente, sen que este cambio supoña perda de salario".
Outro aspecto que xerou polémica nos últimos días foron os servizos mínimos fixados polo Concello de Ourense nun 52,8%. O comité de empresa interpuxo un recurso contra o decreto municipal que os establece, sinalando que son superiores aos servizos mínimos fixados en folgas xerais e outros paros.