O pasado xoves, Alberto Núñez Feijóo foi proclamado candidato único á presidencia do PP no congreso que, os vindeiros 1 e 2 de abril, o aclamará como sucesor de Pablo Casado. Sucedeu poucas horas despois de que os populares pechasen con Vox o pacto para gobernar Castela e León en bipartito, un acordo que Feijóo xustificou como "lexítimo" e do que culpou ao PSOE.
O bipartito con Vox en Castela e León foi recibido por diversas cabeceiras cun aquel de decepción, retratando a Feijóo fóra do carreiro de moderación no que algunhas delas o situaran. A xustificación do pacto non soa inédita en Galicia e evoca á utilizada para dar a Jácome a alcaldía de Ourense
Ao día seguinte, en diversos soportes mediáticos e redes sociais, agromaron as informacións, opinións e análises que sinalan a coalición castelá e leonesa co partido de extrema dereita como o primeiro feito concreto da era Feijóo no PP. Dentro delas, non foron poucas as que transluciron un aquel de decepción co aínda presidente da Xunta, ao que retratan como inesperadamente fóra dun carreiro de moderación e centro político no que algunhas destas mesmas cabeceiras contribuíran a situalo dentro do panorama estatal.
No taboleiro político galego, así e todo, a xustificación do pacto esgrimida por Feijóo non soa inédita. Non só porque el mesmo xa defendese en 2019 como "homologables a calquera goberno europeo" os acordos do seu partido con Vox, daquela en Andalucía. Tamén porque existen precedentes na propia Galicia, posiblemente o máis equiparable en Ourense, onde tamén en 2019 os populares en xeral e Feijóo en particular abxuraron das que viñeran sendo as súas doutrinas de pactos e coalicións para reter o poder na Deputación.
Cando restaban apenas dez días para as eleccións municipais daquel ano, Feijóo concedía unha unha entrevista ao xornal La Región na que, en calidade de presidente da Xunta e do PPdeG, consideraba que "para Ourense sería letal tener a Jácome de alcalde". O electorado ourensán, advertía, tiña que optar entre "dos opciones: tener un alcalde o tener un show político en cada pleno".
"Para Ourense sería letal ter a Jácome de alcalde", defendera Feijóo, que tras elevar o PP ao líder de DO á alcaldía de Ourense culpou do pacto ao PSdeG
Naquelas eleccións, o PP quedou como segunda forza en votos, empatado a 7 edís coa terceira, Democracia Ourensana, ambos con dous menos que o PSdeG, primeira forza en sufraxios e escanos. No momento de constituír a corporación, os populares obviaron a súa habitual aposta a prol da "lista máis votada" e puxeron o bastón de mando nas mans de Gonzalo Pérez Jácome, con quen formaron bipartito a cambio de que o líder localista, cuxa formación medrara en boa medida por confrontar coa familia Baltar, garantise para o PP o goberno da Deputación provincial.
O culpable daquel pacto, defendera Feijóo, fora o PSdeG por non propiciar a investidura de Baltar. Os populares, asegurou, estaban dispostos a facelo á inversa no Concello. Nos meses e anos seguintes, o bipartito ourensán pasou por toda caste de desencontros, mesmo unha ruptura con posterior reconstitución. Neste mesmo mes de marzo, Feijóo cualificou de "sorprendentes" e "incomprensibles" diversas decisións de Jácome, a quen defende manter na alcaldía.
Alén de culpar o PSOE, a contorna do aínda presidente bota man doutro argumento para sustentar a xustificación dunha alianza coa extrema dereita que mesmo incomodou o presidente do PP Europeo, Donald Tusk. Como noutras ocasións, dan en equiparar os pactos do PP con Vox cos do PSOE con Unidas Podemos ou EH-Bildu, malia que esta última formación non comparte goberno cos socialistas e só apoia propostas puntuais no Estado ou Navarra.
A contorna do aínda presidente di confiar en que o seu discurso de "moderación", á marxe dos feitos que haxa por tras, vai ser efectivo no seu desembarco no liderado do PP para conter o avance de Vox
Tamén restan importancia á visibilidade que a formación ultra pode lograr ao ostentar a presidencia das Cortes desa comunidade autónoma -o seu Parlamento-, que apenas un día antes o propio Feijóo rexeitaba. Tamén porque din confiar en que o seu discurso de "moderación" e "sentido común" á marxe dos feitos concretos que haxa por tras del vai ser efectivo no seu desembarco no liderado estatal do PP, contendo así o avance que Vox segue gañando.
Está por ver se iso serve para convencer a antigos votantes do PP que optaron por apoiar os discursos e feitos máis extremos de Vox e agora ven, ademais, que o seu voto é útil para que a extrema dereita toque goberno. Vox, en calquera caso, como Jácome, xa non semella "letal".