O aínda presidente da Xunta xustifica como "lexítimo" o acordo coa extrema dereita ante a "soberbia" dos socialistas por non facilitar que os populares gobernen en solitario
Hai agora tres anos, ao coñecerse o pacto para que Andalucía fose gobernada por un bipartito de PP e Ciudadanos co apoio de Vox na investidura, o presidente Feijóo considerouno “homologable a calquera goberno europeo”. Agora, co aínda presidente da Xunta aspirando a liderar o PP estatal por aclamación, o acordo en Castela e León para un novo bipartito encabezado polo popular Alfonso Fernández Mañueco con Vox no goberno e presidindo as Cortes, o que suporá a primeira entrada da formación de extrema dereita nun executivo autonómico, é xustificado como "lexítimo" e culpando á “soberbia” do PSOE por non facilitar un goberno en solitario dos populares. “O presidente Mañueco acaba de evitar un adianto electoral nun momento de crise internacional nacional”, dixo este xoves Feijóo.
As reiteradas preguntas sobre o pacto do PP con Vox que recibiu o presidente galego este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta respondeunas lembrando en varias ocasións que el aínda non preside o partido a nivel estatal. Mesmo chegou a pedir que non se lle fagan críticas preventivas lembrando el mesmo a campaña electoral galega de 2009 e a súa chegada á presidencia da Xunta. “En 2009 os nacionalistas fixeron unha manifestación en Galicia despois de que gañara as eleccións por maioría absoluta dicindo que eu ía suprimir o galego e que era un perigo para o galego”, dixo, en referencia ao decreto do galego no ensino que efectivamente aprobou un ano máis tarde con recortes para a lingua propia. Porén, aquelas manifestacións que lembra foran impulsadas pola plataforma Queremos Galego, co apoio do BNG e doutras formacións nacionalistas, pero tamén de diversos colectivos e de partidos coma o PSdeG.
Nesa liña, Feijóo di agora que “as decisións” que el poida ir tomando “iranse anunciando nos foros axeitados”. E salientou que é Mañueco o responsable de acordar os pactos de goberno na súa comunidade. Pero a continuación xustificou a decisión do seu compañeiro de partido atribuíndo o seu pacto con Vox a unha suposta “resposta soberbia do PSOE” por non facilitar o goberno en solitario do PP.
“A resposta do PSOE foi elixir entre Vox e adianto electoral, e o presidente Mañueco acaba de evitar un adianto electoral nun momento de crise internacional e nacional”, o que considerou “perfectamente lexítimo por parte do presidente Mañueco, que é a quen corresponde” decidir. Nada dixo Feijóo na súa rolda de prensa de que a esta situación se chegase tras un adianto electoral previo do propio Mañueco tras romper o anterior bipartito con Ciudadanos.
Feijóo tamén admitiu que el mesmo falou con Mañueco “ao longo dos últimos días”, pero aseguro que este mediodía aínda non coñecía “con exactitude o que se pactou”. Un acordo que inclúe a presidencia da Cortes para Vox, situación que o propio Feijóo rexeitaba só un día antes.
O presidente galego fixo fincapé na culpa do PSOE de que non poida gobernar en solitario o PP como lista máis votada, ante o que foi preguntado polos diversos gobernos de coalición que manteñen os populares en todo o Estado ou en Ourense para evitar que gobernen os socialistas. A resposta de Feijóo foi sumar outros lugares como as deputacións provinciais galegas nos que outras coalicións evitan que goberne o PP.
A situación na Xunta
Feijóo tamén foi preguntado pola indefinición na que continúa o futuro do Goberno galego tras a súa decisión de marchar a Madrid. O propio Feijóo fixo ver que a sucesión de acontecementos das últimas semanas -coa guerra en Ucraína, o aprazamento por ela a esta fin de semana da conferencia de presidentes autonómicos prevista para hai dúas semanas en Canarias, ou a crise no PP- dificultan a planificación do traballo da Xunta. Segundo Feijóo, a axenda aínda non feita pública polo seu Goberno para os próximos días incluía unha xira súa internacional agora cancelada.
Feijóo prevera unha viaxe a Colombia e Uruguai nos próximos días pero a guerra, a conferencia de presidentes con Sánchez e a crise do PP cancelárona, substituída agora por unha xira de campaña interna por todas as comunidades
“Hoxe saía de viaxe a Colombia e Uruguai”, revelou, pero “o destino”, dixo, obrigou a cancelala. Fontes do seu executivo atribuíron posteriormente esa cancelación á conferencia de presidentes convocada por Pedro Sánchez e non á crise do PP. Pero o equipo de Feijóo adaptouse rápido a eses cambios e este mesmo venres fixo pública unha previsión da que será a súa axenda de campaña interna no partido, que prevé recorrer todas as comunidades durante oito dos dez próximos días. Unha xira que aproveitará a presenza en Canarias de Feijóo pola conferencia de presidentes para incluír o sábado o seu acto de partido en Tenerife.
Ao aínda presidente da Xunta tamén se lle preguntou se existe a posibilidade de que o suceda algunha muller á fronte da Xunta -tería que ser algunha deputada do PP no Parlamento, xa que ningunha conselleira ocupa escano e polo tanto non poden ser elixidas-. “Por suposto, hai deputados e deputadas na Cámara”, respondeu Feijóo.