Cando o actual PP (aínda baixo as siglas de Alianza Popular) accedeu ao goberno autonómico de Castilla y León por primeira vez, faltaban apenas dous meses para que en Galicia triunfase a moción de censura que derrubaría de vez o quebrado Executivo de Gerardo Fernández Albor e inauguraría a efémera presidencia do socialista Fernando González Laxe. Durante aquela lexislatura castelá e leonesa, o novo presidente da Junta de Castilla y León, José María Aznar, foi designado como líder do refundado como PP por parte do fundador, Manuel Fraga, que abandonaba de vez a súa aspiración de substituír na Moncloa a Felipe González para aspirar -e conseguir á primeira- á presidencia da Xunta.
A operación deseñada pola dirección do PP para pasar da coalición con C's a un Goberno en solitario que reforzase a Casado e enfraquecese a Sánchez acaba cos populares nas mans dun socio máis forte e á alza, a extrema dereita de Vox, nunha agre noite electoral para a esquerda
Estas poucas referencias temporais serven para ilustrar a prolongación do ciclo de poder da dereita nesta autonomía lindeira con Galicia, que este domingo 13 de febreiro foi a eleccións anticipadas nunha operación deseñada pola dirección do PP de Pablo Casado. Sobre o papel, tratábase de pasar dun Goberno de coalición con Ciudadanos a outro en solitario que permitise aos populares recuperar a hexemonía do pasado nese territorio pero, sobre todo, reafirmar o liderado da dirección central do partido fronte á madrileña Isabel Díaz Ayuso ao tempo que asestaba un golpe ao PSOE de Pedro Sánchez e á coalición que sustenta o Goberno de España.
Pero o veredito das urnas traza unha paisaxe distinta. Efectivamente, o PP xa non depende de C's. O socio co que rachou fica reducido á mínima expresión parlamentaria (de 12 a 1 escanos), pero o escrutinio imponlle un socio aínda máis forte e á alza, a extrema dereita de Vox, que pasa de 1 a 13 escanos cunha porcentaxe de votos moi semellantes á acadada nas últimas eleccións xerais nesa autonomía (17,64% agora, 16,61% daquela) e inclúe entre as súas condicións para investir a Alfonso Fernández Mañueco entrar por primeira vez nun goberno. Non obstante, a erosión do PSOE -que en 2019 logrou unha histórica primeira posición impulsado polo efecto Sánchez naqueles comicios- permite ao PP volver ser primeira forza en porcentaxe de voto e escanos malia perder unhas centésimas sobre o total de sufraxios.
Ao contrario que en 2019, as tres forzas da dereita de ámbito estatal suman en Castela e León menos da metade dos votos (48,06% fronte ao 51,93%), pero a maioría de goberno segue sendo dereitista. Daquela ollando cara ao centro-dereita, agora escorada cara a unha extrema dereita que na noite electoral lanzou chiscadelas ás candidaturas territoriais e provincialistas, as outras forzas á alza deste 13F.
A histórica Unión del Pueblo Leonés pasa de 1 a 3 escanos e medra máis de dous puntos. Por Ávila (unha escisión do PP) mantén o escano que tiña e Soria Ya non só debuta no Parlamento autonómico con tres actas, senón que logra ser a primeira forza na súa provincia co 42,57% dos votos.
Noite electoral agre para a esquerda
Malia recuperar a primeira posición e reter o goberno, a noite electoral foi agre para o PP do enfraquecido Casado e triunfal para a extrema dereita de Vox. Pero non foi menos agre para a esquerda. O PSOE cede a primeira posición, terá 7 escanos menos, queda sen ningunha alianza potencial para gobernar -tras os comicios de 2019 explorara a vía de C's- e o seu líder territorial, Luis Tudanca, amaga coa dimisión. Mentres, en clave estatal, a dirección de Pedro Sánchez observa como as forzas da denominada España vaciada pescan máis entre o seu electorado potencial que entre o dereitista, cando menos neste primeiro ensaio.
Feijóo, que se implicou activamente na campaña do PP, considera que Castela e León "elixiu a xestión" do PP e "seguirá co mellor presidente", sen mención á obrigada alianza coa extrema dereita para reteren o poder
Pola banda de Unidas Podemos, o resultado é tamén desalentador para os seus intereses. Na súa estrea con esta fórmula electoral de coalición Podemos-Izquierda Unida, a porcentaxe de votos é máis de dous puntos inferior á que obtiveran por separado en alianza con outras pequenas forzas e a representación parlamentaria fica reducida á mínima expresión, pasando de 2 escanos a un só. Compartirá, daquela, Grupo Mixto con Ciudadanos, que terá como único procurador -denominación dos deputados nas Cortes castelás e leonesas- a Francisco Igea, vicepresidente da Junta co PP de Mañueco ata que foi expulsado para precipitar estas eleccións.
Unha vez coñecido o escrutinio, dende Galicia a primeira valoración chegou por parte do presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que se implicou activamente na campaña do seu partido en Castela e León participando en diversos actos de campaña. A través das redes sociais, Feijóo constatou que o seu compañeiro de partido "gañou as eleccións" e considerou que o electorado castelán e leonés "falou e elixiu a xestión e a experiencia que só ofrece" o PP, polo que Castela e León "seguirá co mellor presidente, centrado na súa terra", agregou sen mención á obrigada alianza coa extrema dereita.