Vinte anos de galego nas aulas do Bierzo e Seabra

Alumnado de galego no Bierzo, nun encontro en Vilafranca en 2018 CC-BY-SA Xunta

Dende o ano 2001, o ensino do galego en centros educativos do Bierzo e Seabra réxese por un acordo da Xunta coa Junta de Castilla y León. A achega do Goberno galego consiste, fundamentalmente, na formación do profesorado, a cesión de materiais didácticos e mais dunha vía de acceso ao Portal Educativo da Consellería de Educación para o persoal docente encargado destas ensinanzas nos devanditos territorios estremeiros.

Política Lingüística subliña que xa son máis dun milleiro de estudantes nas aulas de galego do Bierzo e Seabra

Neste comezo de decembro, ambos gobernos xuntáronse na reunión anual e seguimento do acordo. No encontro -celebrado a través de videoconferencia- participou, pola banda galega, o secretario xeral de Política Lingüística. Nel, ambos Executivos constataron que o alumnado interesado en aprender galego no Bierzo e Seabra volveu medrar e xa son máis dun milleiro de estudantes.

Visita de estudantes de galego do Bierzo á Casa de Rosalía en Padrón no ano 2016 CC-BY-SA Xunta

Neste curso 2021-22, destaca Política Lingüística, son 1.115 estudantes de galego nestes territorios, administrativamente pertencentes á provincia de León, unha trintena máis que no período académico previo. A maioría deles concéntranse en Infantil e Primaria (933), 137 en institutos de Secundaria (dous en Ponferrada, un en Cacabelos e outro, en Vilafranca do Bierzo) e outros 45, na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

Nos últimos anos, a extensión do ensino do galego no Bierzo conviviu con denuncias pola falta de recursos ou atrancos para a continuidade destes estudos, lanzados por colectivos como Fala Ceibe.

Subliña Política Lingüística que cursar galego no Bierzo e Seabra é "voluntario", pero "ambas institucións tratan de promover que os centros ofrezan unha continuidade neste programa de formación" para procurar que a completen e así "poidan obter os certificados oficiais correspondentes". O remataren as "correspondentes materias en galego" na ESO poden acceder ao Celga 2 e no Bacharelato, ao Celga 3.

Nos últimos anos, a extensión do ensino do galego no Bierzo conviviu con denuncias pola falta de recursos ou atrancos para a continuidade destes estudos, lanzados por colectivos como Fala Ceibe. Así, por exemplo, en 2018 esta plataforma alertaba de que varios centros escolares rurais da zona berciana galegofalante non ofertan aulas en galego. A Junta alegara que non había demanda na comunidade escolar ou que non existía alumnado dabondo.

"A solución esixe que o ensino do galego sexa de oferta obrigatoria en todos os centros escolares do Bierzo ocidental", sinalaba a entidade, que cre que a lingua galega "debería estar presente en todos os ciclos educativos e eliminar calquera límite mínimo de alumnado para ter dereito a docentes".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.