A cultura galega homenaxea no Bierzo a Fernández Morales no bicentenario do seu nacemento

Inicio do simposio © RAG

Ponferrada, Vilafranca do Bierzo e Cacabelos acolleron esta fin de semana o simposio Antonio Fernández Morales: o cantor do Bierzo, dedicado ao poeta berciano no segundo centenario do seu nacemento, un evento coorganizado pola Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Bercianos (IEB) e a Comisión Cultural Martín Sarmiento.

Ensaios saíu do prelo en 1861, só uns anos despois d'A Gaita Gallega de Pintos (1953), o primeiro libro en galego do Rexurdimento

O programa arrancou o venres en Ponferrada coa inauguración dunha exposición sobre Fernández Morales e a súa obra preparada polo IEB, unha conferencia na que José A. Balboa de Paz -o investigador que rescatou hai xa trinta anos a figura Fernández Morales do esquecemento- achegou novidades da súa biografía e unha actuación de Carmen Penim e Maurizio Polsinelli que lle puxo música aos versos do homenaxeado. Así mesmo, as sesións celebradas en Vilafranca e Cacabelos afondaron no coñecemento do autor, incidindo por exemplo na correspondencia inédita do autor escrita en galego xa nos anos 40 do século XIX, que reforza a súa condición de precursor do Rexurdimento. Asi mesmo, en Vilafranca do Bierzo inaugurouse a exposición didáctica Antonio Fernández Morales e o galego no Bierzo. O domingo, día do bicentenario do nacemento de Fernández Morales, o programa continuará en Cacabelos, pechándose cun recital poético de Anxo Angueira e unha ofrenda floral ante a tumba de Fernández Morales, coa intervención musical da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo.

 

Antonio Fernández Morales

José A. Balboa de Paz referiuse á relación de Antonio Fernández Morales con Mariano Cubí, o filólogo catalán que o animou a escribir en galego

Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817- Cacabelos, 1896) é o autor de Ensaios poéticos en dialecto berciano, o nome co que denominaba o galego oriental que aprendeu a falar na súa infancia en Cacabelos. O volume, unha excelente proba documental do galego berciano da época e dos costumes da zona, saíu do prelo en 1861, só uns anos despois d'A Gaita Gallega de Pintos (1953), o primeiro libro en galego do Rexurdimento. Militar ilustrado e progresista, medrou no seo dunha familia de ideas liberais, un ambiente que foi determinante no seu legado, considera o seu biógrafo José A. Balboa de Paz. “Ese liberalismo explica o seu interese pola lingua galega e a cultura popular, que son os dous elementos máis destacados da súa obra literaria”, afirma o profesor.

Na súa conferencia, José A. Balboa de Paz referiuse ademais á relación de Antonio Fernández Morales con Mariano Cubí, o filólogo catalán que o animou a escribir en galego, e á correspondencia entre ambos conservada no Museo do Bierzo, ata o momento inédita. Nas cartas “non só se confirma o papel do catalán na decisión de Morales de escribir en berciano, senón que nos amosa como moitos anos antes de que se inicie o Rexurdimento un berciano está xa escribindo en galego nunha data tan temperá, reivindicando esta lingua como vehículo literario, estudando a súa gramática, confeccionando un léxico deste idioma e escribindo poemas”, valora o profesor. Unha correspondencia na que tamén afondou o académico correspondente e organizador das xornadas, Héctor M. Silveiro.

Xosé Henrique Costas destacou que a obra de Morales "merece ser a cuarta coroa poética do noso Rexurdimento coa intención, ademais, de reforzar a autoestima e a identidade dobremente negada dos bercianos"

A chegada á escrita en galego por parte de Fernández Morales foi tamén analizada por Anxo Angueira nun relatorio titulado Morales no Rexurdimento, e por Rosario Álvarez, que debullou os factores e circunstancias que moveron a Fernández Morales a facer dos seus Ensaios un retrato natural da lingua autóctona falada no Bierzo Baixo, contextualizando esta decisión nun momento de preocupación e interese crecente polas linguas e dialectos tanto no ámbito hispánico como europeo.

O académico Xosé Henrique Costas destacou que a obra de Morales "merece ser a cuarta coroa poética do noso Rexurdimento coa intención, ademais, de reforzar a autoestima e a identidade dobremente negada dos bercianos que queren seguir sentíndose orgullosos da súa lingua natural, a galega”. Costas reclamou que a RAG lle dedique o Día das Letras Galegas a Fernández Morales "pois estará honrando todos os autores que na Galicia exterior militan na nosa lingua e estará prestixiando o noso idioma alén da fronteira oriental”, dixo.

Inauguración da exposición © RAG
Víctor Freixanes e Valentín García, na exposición © Xunta
Ofrenda floral, este domingo en Cacabelos © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.