A Real Academia Galega (RAG) reacciona ante os recortes que están a sufrir as clases de galego que se imparten en varios centros escolares do Bierzo. A entidade fixo chegar nos últimos días á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta "a súa preocupación" tras as noticias que advirten da supresión de horas de aulas de lingua galega por parte da Junta de Castela e León, coa que tamén se puxeron en contacto para pedir explicacións.
A RAG solicita a ambas as dúas administracións "que non haxa ningún alumno e ningunha familia berciana que, desexando voluntariamente recibir clase de galego a través do programa existente, sexa obrigada a escoller outras optativas". A Junta decidiu suprimir o programa de inmersión lingüística de galego no IES Bergidum Flavium de Cacabelos, un dos catro centros de secundaria nos que se imparte lingua galega na comarca e o único desta localidade, ao eliminar esta materia optativa do Bacharelato pouco antes de comezar o curso e logo de que os alumnos estivesen xa matriculados. Ante as protestas do consello escolar e da Anpa, a Administración ofreceulle aos alumnos de diferentes niveis que se agrupen nunha única clase, aproveitando horas "que lle sobran" a un dos docentes, pero sen achegar recursos nin un novo profesor para a materia. A medida foi rexeitada polo instituto e polas familias afectadas, que tamén se puxeron en contacto coa Xunta e a Junta.
A RAG denuncia a supresión de clases de galego e a substitución de todos os profesores que impartían galego en Primaria no Bierzo
Ademais, Héctor M. Silveiro, académico correspondente polo Bierzo na RAG, engade a esta preocupación o feito de que se teñan substituído "a totalidade dos docentes de Primaria que impartían galego ata este curso", xa que, segundo a Academia,, "repercutirá negativamente na posta en marcha para os máis pequenos dun Programa de Promoción da lingua galega no que a experiencia é un factor indubidablemente a ter en conta".
"Este programa, que foi analizado en distintas ocasións ao longo dos seus doce anos de existencia, está sendo un éxito a ollos vista, a pesar de ser de mínimos ou de baixo perfil", di Silveiro, que lembra que a Academia leva tempo facendo chegar informes de seguimento ás diferentes administracións para corrixir as eivas dun modelo educativo "apoiado por máis de mil familias bercianas".
Héctor M. Silveiro recórdalle á Xunta que "debe exercer un control" sobre o cumprimento do acordo entre Xunta e Junta
A RAG, ao igual que o centro e as familias afectadas, lembra que o programa "non é un capricho, senón que responde a un acordo unánime no Parlamento español que tivo posteriormente a súa concreción no Estatuto de Autonomía de Castela e León, no que se di literalmente que se protexerá o galego en comarcas como o Bierzo ou as Portelas de Zamora". Ademais, recorda que tamén a Xunta de Galicia "ten e debe exercer un control lóxico" sobre o cumprimento deste acordo, xa que "o seu Estatuto así o determina".
Héctor M. Silveiro advirte de que o Bierzo "é o territorio onde existe o galego que perde maior número de falantes na actualidade", polo que manifesta "a enérxica negativa" da RAG á "supresión de certas horas de galego nas aulas dos centros do Bierzo, cuxa poboación ten dado mostras do seu interese por introducilo no sistema educativo da comarca". Ademais do "valor histórico, cultural e de personalidade" que achega o galego, o académico lembra que a súa aprendizaxe "está abrindo oportunidades e posibilidades laborais futuras aos cidadáns, por exemplo ao conseguir o título do Celga III tras rematar o Bacharelato todos os rapaces ou rapazas que cursen a optativa de galego".
A Academia recorda que recortar no galego tamén supón eliminar "oportunidades e posibilidades laborais futuras" aos nenos bercianos
O anuncio da supresión -e posterior recorte- da materia de galego chegou ao centro afectado agora cando os rapaces xa estaban matriculados e cos libros e material necesario para o curso pagado. O caso é moi prexudicial para os alumnos, xa que cursar e aprobar as materias de galego no Bacharelato é a única opción para obter o Celga III, obxectivo que moitos deles se marcaran logo de obter o Celga II tras o seu paso por Secundaria. "Seica agora se precisaba un profesor máis e non llelo queren poñer; non sei se o fan por recortar ou por cargarse o galego", denunciaba unha das afectadas.