13-F en Castela e León: PSOE e Unión del Pueblo Leonés piden protexer o galego, como prevé o Estatuto, e o PP a autovía pola Ribeira Sacra

Sede das Cortes de Castilla y León, que este domingo son renovadas en eleccións autonómicas © Cortes de Castilla y León

Os programas electorais dos principais partidos para as eleccións deste domingo dedican espazos dispares a cuestións que tamén afectan a Galicia

Este domingo hai eleccións autonómicas anticipadas en Castela e León despois de que o ata agora presidente, o popular Alfonso Fernández Mañueco, decidise romper o bipartito que mantiña con Ciudadanos desde 2019. O debate político, condicionado pola axenda estatal dos principais partidos políticos e medios de comunicación, está a centrarse na perda poboacional do rural e na produción agrícola e gandeira. Pero os programas dos partidos máis representados ata agora e que segundo as enquisas máis posibilidades teñen de repetir escanos tamén inclúen cuestións de interese para Galicia, fundamentalmente no que afecta á protección da lingua galega e as infraestruturas.

A lingua

O Estatuto de Autonomía de Castela e León establece no seu artigo 5 que “gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice”. E centros educativos do Bierzo e Seabra teñen actualmente un milleiro de estudantes de galego. Porén, dos principais partidos só PSOE e Unión del Pueblo Leonés dedican un espazo nos seus programas electorais para o galego.

É a formación que defende unha identidade leonesa diferenciada da castelá quen máis espazo dedica á cuestión. UPL conta actualmente cun único deputado dos 81 que conforman as Cortes de Castilla y León, e a enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicada o luns prevé que poida aumentar ata os dous ou tres escanos. No seu programa [aquí o PDF] di que esixirán “o cumprimento do artigo 5 do Estatuto, que vela pola promoción e posta en valor do patrimonio lingüístico da Rexión Leonesa. Por iso, debe posibilitarse a aprendizaxe e promoción do leonés e o galego nas áreas de León, Zamora e Salamanca en que se conservan ditas linguas, ademais de favorecerse a conservación da toponimia tradicional das nosas comarcas”. UPL salienta que iso contribuiría “a conservar o patrimonio lingüístico da nosa terra” e a cumprir a Constitución.

Programa electoral da Unión del Pueblo Leonés © Praza Pública

Pola súa banda, o PSOE, que conta con 35 deputados e ao que o CIS dá entre 29 e 34 escanos, inclúe no seu programa [aquí o PDF] unha referencia a que “con arreglo ao Estatuto de Autonomía levaremos a cabo unha protección, uso e promoción específica do patrimonio lingüístico da comunidade, tanto do leonés como da lingua galega”.

O resto de principais formacións políticas non inclúen ningunha referencia expresa ao galego nos seus programas, pero o PP, que di apostar na educación polo aumento das horas do idioma estranxeiro, “fundamentalmente inglés”, e por impulsar o portugués, asegura que garantirá “a comunicación entre os inmigrantes e a Administración, cando resulte necesario no seu propio idioma, a través dun servizo de tradución de despregue horizontal”.

As infraestruturas

Os populares tamén reclaman ao Estado unha autovía entre Ponferrada e o interior occidental de Asturias e PSOE e UPL unha mellor conexión entre Seabra e Bragança, fronte á autovía que a Xunta quere ata A Gudiña a través dun espazo protexido

O PP si fai un especial fincapé, entre as cuestións que poderían afectar a Galicia, nas infraestruturas. Os populares, que teñen 29 deputados e aos que o CIS dá entre 24 e 30, din no seu programa [aquí o PDF] que esixirán ao Goberno central diversas estradas que dun xeito ou outro inflúen en Galicia, principalmente a autovía “A-76 (Ponferrada-Orense)” (sic), unha infraestrutura con impacto sobre a Ribeira Sacra.

Os populares tamén reclaman ao Estado unha nova autovía de comunicación coa parte interior e occidental de Asturias á altura de Ponferrada ou unha autovía entre Benavente -nó de enlace das dúas autovías galegas coa Meseta- e Palencia, acortando así a comunicación cara a Francia.

Protesta contra a A-76, nunha imaxe de arquivo © ADEGA

Tamén Unión del Pueblo Leonés reclama as novas autovías de Ponferrada a Ourense e Asturias, así como unha autovía entre León e Bragança. Fronte á idea da Xunta e concellos da zona de construír unha nova autovía entre Trás-os-Montes e A Gudiña por espazos protexidos, Portugal vén de apostar por unha nova infraestrutura entre Bragança e Seabra, idea que tamén apoia o PSOE castelán e leonés a través da “modernización” da estrada actual entre esas dúas localidades.

A formación leonesa propón que o hospital do Bierzo "sexa o de referencia para a comarca galega de Valdeorras"

Por outra banda, en materia sanitaria UPL tamén propón que o hospital do Bierzo “sexa o de referencia para a comarca galega de Valdeorras” -malia que no Barco xa hai un hospital do Sergas, para o que se reclaman máis servizos- incrementando así a asistencia sanitaria entre comunidades que xa recibe a veciñanza das comarcas lindeiras.

Pola súa banda, nin Ciudadanos, a quen o CIS dá entre dous e cinco escanos, nin Podemos, con prognóstico de entre dous e catro escanos, citan ningunha medida que de xeito expreso teña tanto efecto en Galicia como as anteriores.

Concentración por unha "sanidade digna" ante o Hospital Comarcal de Valdeorras, no Barco, zona que UPL quere que poida ser atendida tamén no hospital do Bierzo CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.