Dende o pasado mes de outubro, a xunta de persoal do distrito sanitario de Valdeorras vén convocando concentracións fronte ao Hospital Comarcal do Barco nas que profesionais e cidadanía reclaman unha "sanidade digna" para as comarcas do devandito distrito (que inclúen Viana e Trives) e a recuperación dos servizos perdidos e nas que denuncian a "preocupante" falta de persoal.
A xunta de persoal convoca unha manifestación o domingo "en defensa do hospital e dos centros de saúde ante o progresivo desmantelamento da sanidade"
Foron o paso previo a unha gran manifestación que este domingo percorrerá as rúas do Barco "en defensa do hospital comarcal e dos centros de saúde ante o progresivo desmantelamento da sanidade pública" e que arrincará da casa grande de Viloira ás 12 horas e rematará diante do propio hospital. Só dúas semanas despois da gran mobilización en Compostela en defensa da Atención Primaria.
Ao igual que sucedera antes na mesma zona, na Mariña ou en Verín, as protestas sitúan na supresión da área sanitaria e na centralización de servizos o punto de inicio da paulatina perda de recursos. E das "carencias" que "fan que o número de pacientes trasladados ao hospital de referencia, o CHUO en Ourense, leven aumentando ano a ano, cos conseguintes transtornos para a poboación asistida", que chega ás 30.000 persoas. Así o denuncia Víctor Pariente, portavoz da xunta de persoal, que repara nuns contundentes datos facilitados pola xerencia da área sanitaria.
Segundo a xunta de persoal, a xerencia cifra en 80 a media mensual de traslados de Valdeorras ao CHUO este ano fronte aos 89 de todo 2020
"Os traslados en 2020 a Ourense foron 89 cando a media mensual do que vai de ano é de 80; isto implicaría un aumento do 1.000%", explica quen advirte de que "desde a pandemia, practicamente todo o que se podía tratar no hospital comarcal mándase á capital; os especialistas o único que fan é encher o parte de traslado", insiste sobre unhas cifras que "nin tan sequera desmentiu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña".
Non o fixo na reunión que este mesmo xoves mantivo coa propia xunta de persoal, ademais de cos alcaldes da comarca de Valdeorras, xunto co delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial. Unha visita a poucos días da manifestación do domingo e onde, segundo Pariente, Comesaña anunciou que un profesional de Traumatoloxía incorporaríase ao hospital en decembro e dous máis en xaneiro, ademais de anunciar rotacións de persoal que impidan as ausencias denunciadas.
"Lembrámoslle que iso non arranxa o problema global, que é estrutural e que afecta moitos máis servizos", asegura o portavoz da xunta de persoal, que denuncia con cifras a perda de recursos.
Segundo os profesionais, e en comparación con 2010, na actualidade no hospital comarcal hai dous traumatólogos menos, dous cirurxiáns menos, ningún urólogo, ningún cardiólogo e ningún profesional de rehabilitación. "Son só algúns exemplos porque tamén faltan efectivos en Medicina Interna, Xinecoloxía, Radioloxía ou Medicina Preventiva", engaden.
"Non imos deixar de reclamar unha sanidade digna para o oriente ourensán e esperamos que nas rúas se manifesten as nosas demandas de maneira clara e concisa porque a nosa cidadanía ten os mesmos dereitos que calquera", conclúe Pariente.
O Sergas asina convenios con centros hospitalarios de Ponferrada para "reforzar o servizo" do Hospital Comarcal de Valdeorras
Mentres, durante a súa visita ao Barco, o conselleiro de Sanidade anunciou a sinatura dun convenio co Hospital de la Reina de Ponferrada para que profesionais deste pasen consulta no hospital comarcal, "reforzando deste xeito o servizo para permitir recuperar a actividade demorada neste tempo" en Traumatoloxía e Rehabilitación. Ademais, adiantou que "se seguirán buscando vías de colaboración con centros públicos e privados" do Bierzo para "seguir reforzando esta e outros especialidades" e enumerou varios dos reforzos de persoal feitos nos últimos anos no distrito sanitario.