A xustiza responsabiliza o Sergas de que o Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada quedase sen médico na tarde na que un paciente morreu sen recibir atención, un caso que causara un importante impacto social e político. Unha sentenza do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra coñecida esta semana absolveu o profesional xulgado por non acudir a cubrir a garda no centro estradense. Tal e como sinala o ditame, o doutor aceptara realizar a garda mes e medio antes, pero esqueceuno. A poucos días, o Servizo Galego de Saúde ofreceulle outra noutro PAC, en Vilagarcía, e aceptouna.
O relato dos feitos sinala as eivas nun sistema de contratación ou de gardas do Sergas, especialmente no que ten que ver coas coberturas de baixas ou vacacións, longamente criticado por profesionais do sistema sanitario público galego. Mesmo na sentenza transloce que, tras esta morte no PAC da Estrada, Sanidade introduciu algúns cambios na xestión das gardas para "tentar que non volvese" pasar o mesmo, tales como avisar os médicos por SMS e non só por conversa ou a "instauración dunha garda localizada por área".
O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, que leva anos denunciando a precariedade, temporalidade e a falta de prevision no sistema de contratación do Sergas insistiu tras coñecerse a sentenza que este modelo "afecta a calidade dos coidados" e que o relatado no ditame xudicial é unha "mostra real" do que sinalan desde hai tempo.
"As gardas ofrécense por teléfono e non se gravan nin se manda correo electrónico", recoñecía unha directora de Recursos Humanos segundo a sentenza
Na sentenza destácase como a directora de Recursos Humanos da área sanitaria de Santiago no momento do suceso, e tamén directiva de garda entón, sinalara que as Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) "son independentes, non hai cruzamentos, que o sistema non ten alarma para evitar que un médico acepte unha garda tendo xa aceptado outro, que as gardas se ofrecen só por teléfono e non se gravan" ou que "normalmente non se envía correo electrónico".
Tamén advertira de que á hora de introducir no sistema as gardas "non se comproba e non queda constancia agás por chamada" e que hai un aplicativo que rexistra que un médico aceptou a garda, pero que non sabía se hai erros, pero si que algún profesional "esqúecese", o que obriga a ter que chamalo para recordarllo.
"O sistema é absolutamente precario e á que salta, intentando que alguén cubra a última hora as ausencias", explica un médico dun PAC
Malia as melloras que se sinala que se buscaron introducir, profesionais denuncian os problemas que aínda na actualidade ten o sistema de contratación ou gardas do Sergas. "Cos traballadores fixos non hai atrancos, o maior problema vén á hora de cubrir as nosas ausencias por baixa, vacacións ou permisos", relata Francisco Martínez, médico nun PAC, coñecedor das eivas que nestes centros produce o modelo.
"O sistema é absolutamente precario e á que salta, intentando que alguén cubra a última hora as ausencias", di Martínez, que entende que "o mínimo erro humano ou problema de comunicación" poida acabar causando problemas maiores.
"Está todo collido con pinzas", explica quen recoñece que "non é difícil" que a alguén se lle esqueza unha garda cando "está nesa dinámica de ser chamado de súpeto e sen previsión ningunha". "Ese é o gran problema: a falta de previsión e de antelación coa que traballa o Sergas", ratifica Lucía Peón, enfermeira e presidenta da Comisión de Centro de Atención Hospitalaria no CHUAC. Outras fontes, ademais, explican os problemas de falta de efectivos houbo en varios PAC de Galicia durante o pasado verán, con reclamacións e denuncias da situación de profesionais ante os seus superiores.
"Claro que pode haber problemas en determinados momentos cando se ofrecen contratos a última hora e sen unha mínima previsión"
"Claro que pode haber problemas en determinados momentos cando se ofrecen contratos a última hora e sen unha mínima previsión; non é a primeira nin será a última vez que non se dá atopado xente porque a que chaman está fóra ou non dispoñible ao ser avisada só con algunhas horas de marxe", destaca Peón, que sinala novamente o Sergas por "ofrecer contratos eventuais, de días ou semanas, sen garantía ningunha". "Logo estráñanse de que profesionais sanitarios acaben marchando a outras comunidades...", reflexiona.
Na Atención Primaria, sinala Martínez, a situación é aínda peor. "É como se de súpeto desaparecesen os médicos de Familia e todos sabemos que en moitas áreas menos do 40% dos residentes acaban nun centro de saúde; prefiren os hospitais", insiste quen advirte que "non é tan estraño" que un PAC quede "baixo mínimos" no verán ou fins de semana ou que acabe tirando de persoal que traballa "noutra área sanitaria". "A falta de comunicación entre as distintas xerencias acentúa o problema á hora de organizarse", engade.
"Hai tal insensibilidade que é máis que normal que un PAC onde hai tres médicos xa saturados se deixe con só dous porque o Sergas di que non dá atopado xente na bolsa de substitutos", continúa Francisco Martínez, que insiste en que "a carencia de profesionais é a base de todo problema", pero que insta a "ir ao fondo da cuestión" máis alá de denunciar o que acontece. "Se non hai xente para os PAC e os centros de saúde é por algo", di.
"Arrástrase o problema desde hai anos; durante moito tempo deixouse marchar moita xente da Atención Primaria que decidiu apostar por outros sitios ante a precariedade, a falta de estabilidade ou a escasa previsión... Agora chegamos tarde", conclúe.