A Comisión Europea incluíu a vía na súa recente actualización da rede transeuropea de transportes “segundo o solicitado por Portugal e aceptado por España”
Hai agora dous anos a Xunta sumouse á petición de varios concellos fronteirizos do sueste da provincia de Ourense e de Trás-os-Montes para que os gobernos centrais de España e Portugal impulsen unha nova autovía entre A Gudiña e a zona portuguesa de Vinhais, unha infraestrutura que atravesaría en Galicia o espazo protexido da Rede Natura 2000 de Pena Maseira e no norte luso o Parque Natural de Montesinho. A nova vía sería paralela e estaría nun punto intermedio entre a autovía xa existente entre Verín e Chaves e a xa prevista reforma da estrada entre Seabra e Bragança.
Agora, na revisión presentada o pasado 14 de decembro do deseño da rede transeuropea de transportes, a denominada TEN-T, as principais infraestruturas nas que a UE quere priorizar os fondos comunitarios (como o AVE Vigo-Porto ou cinco cidades galegas como nodos urbanos), a Comisión Europea vén de incluír, a petición de Portugal, segundo di ela mesma, a estrada entre Seabra e Bragança no segundo nivel da rede, o global ou comprehensive. É un nivel similar ao que xa tiña por exemplo a Autovía das Rías Baixas (A-52) e por baixo do primeiro nivel, básico ou core, no que está a AP-9. Na revisión non aparece a opción pola Gudiña que defendía a Xunta.
A petición da Xunta e os concellos da zona dunha nova autovía entre A Gudiña e Portugal amparouse no argumento de facilitar a comunicación coa nova estación do AVE na vila galega. Pero malia que esa parada está planificada desde hai máis dunha década, ao igual que a que tamén hai en Seabra, a Xunta non saíu a defender a autovía ata hai dous anos, cando xa Portugal tiña nas súas previsións mellorar a estrada máis ao leste entre Bragança e Seabra co mesmo argumento de facilitar a conexión coa alta velocidade.
A autovía entre A Gudiña e Portugal pasou de non estar en ningún dos sucesivos plans de estradas da Xunta, nos que tamén se debuxaban infraestruturas doutras administracións aínda que non fosen competencia do Goberno galego, a ser unha reclamación “estratéxica” ao Goberno de España para que a incluíse nos seus orzamentos para este mesmo ano e a tratase con Portugal nos cumios ibéricos.
Agora, na revisión da rede de estradas prioritarias, a Comisión Europea vén de incluír no segundo nivel a conexión entre Seabra e Bragança -así como outra estrada tamén entre Cáceres e Alpalhao- coa explicación de que o fai “segundo o solicitado por Portugal e aceptado por España”. A autovía entre A Gudiña e Portugal non aparece na revisión dos plans europeos. [Aquí pode accederse ao visor de mapas oficiais da UE, coa situación actual da rede e as propostas de revisión agora formuladas pola Comisión Europea].
A propia Xunta que reclama a autovía pola Gudiña considera que o espazo de Pena Maseira que atravesaría é importante para garantir a continuidade natural entre o Macizo Central ourensán e o gran parque portugués de Montesinho
A autovía que quería a Xunta, que segundo o propio Goberno galego daría servizo a 200.000 habitantes da zona, discorrería paralela, uns 30 quilómetros cara ao leste e atravesando espazos protexidos, á xa existente A-75 Chaves-Verín, que ao enlazar coa Autovía das Rías Baixas (A-52) dá xa acceso á Gudiña e á súa nova estación de alta velocidade. Ademais, outros 40 quilómetros máis ao leste está a conexión agora priorizada por Portugal e a UE entre Bragança e Seabra. A maiores, a principal poboación da zona, Bragança, con 35.000 habitantes, xa conta cunha conexión en parte por autovía con Zamora, a onde xa chegaba o AVE.
A propia Xunta que reclama a autovía considera do espazo galego protexido que atravesaría, Pena Maseira, que este é importante para garantir a continuidade natural, a xeito de corredor verde, entre o Macizo Central ourensán e o gran parque natural portugués de Montesinho.