O plan de mobilidade da UE alén do tren Vigo-Porto e das cidades: aumento de nivel do porto de Marín e da liña Monforte-Lugo

Estación de Monforte, principal nó ferroviario galego nos plans da UE © Adif

Os peiraos pontevedreses entran na rede global europea na que xa estaban Vigo e Ferrol, cos da Coruña no nivel superior da rede básica, e a liña ferroviaria a Lugo pasa de ser considerada convencional a preverse para cando menos 200 quilómetros por hora

O plan de mobilidade verde e eficiente presentado este martes pola Comisión Europea incluíu dúas grandes novidades, unha en xeral para toda Europa e outra cun impacto específico en Galicia. Por unha banda a UE quere poñer o foco non só nas infraestruturas de transporte senón tamén nas cidades como puntos de enlace desas infraestruturas, para o que impulsará a figura dos nodos urbanos, con 424 cidades elixidas en toda Europa, cinco delas en Galicia: Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago e Ferrol. Por outra banda, e como declaración política, a Comisión puxo o foco expresamente nunha futura nova liña de tren de alta velocidade entre Vigo e Porto como o exemplo de infraestruturas transfronteirizas que quere acelerar. 

Pero ademais a proposta da Comisión Europea, que aínda debe ser negociada co Parlamento e o Consello Europeo, inclúe diversas modificacións nos deseños xa existentes da rede europea de transportes, denominada TEN-T, que xerarquiza a importancia das infraestruturas cualificándoas como básicas (core, en inglés) ou globais (comprehensive) para priorizar o apoio que poden recibir de fondos comunitarios, sempre a petición posterior dos estados implicados. Nesa rede non estaba ata agora o porto de Marín-Pontevedra, que pasa a formar parte dela no nivel global, mentres que a liña ferroviaria entre Monforte e Lugo mantense no nivel global pero pasa de ser considerada convencional a preverse para cando menos 200 quilómetros por hora. 

Nova proposta de mapa da rede transeuropea de transportes lanzada pola Comisión Europea CC-BY-SA Praza Pública

O deseño fundamental da rede transeuropea de transportes en Galicia segue prevendo a súa inclusión no denominado corredor atlántico de mercadorías ferroviarias a través da liña León-Monforte-Ourense-Vigo-A Coruña, co porto da Coruña como principal nodo portuario no nivel superior da UE, o básico ou core, mentres que para os pasaxeiros os eixos fundamentais son as liñas ferroviarias xa construídas e baseadas no Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo e a Santiago-Madrid que se completa a próxima semana. Pola súa banda, os tres aeroportos galegos continúan no nivel global ou comprehensive, fronte ao nivel básico ou core do aeroporto do Porto.

Pero se ata agora no segundo nivel portuario, o global ou comprehensive, estaban só os portos de Vigo e Ferrol-San Cibrao, na proposta agora presentada pola Comisión Europea aparece tamén o de Marín e Ría de Pontevedra. Do mesmo xeito, se ata agora a liña Monforte-Lugo xa estaba incluída no nivel global ou comprehensive, pero con características de liña convencional, agora pasa a estar identificada como de 200 ou máis quilómetros por hora, en liña coas obras de mellora que xa ten en marcha Adif en todo o eixo Ourense-Monforte-Lugo para facilitar a circulación por el dos trens de alta velocidade unha vez que se decidiu non construír unha liña de novo trazado. Pola súa banda, Monforte segue a ser considerado o único nodo global en Galicia da intermodalidade tren-estrada.

Deseño ata agora da rede transeuropea de transportes nunha imaxe tirada do visor interactivo oficial © UE

Pontevedra e Lugo, que agora ven mellorada a xerarquía das súas infraestruturas portuaria e ferroviaria, son xusto as dúas cidades non incluídas na figura de nodo urbano na que están as outras cinco urbes galegas

Estes dous cambios na mellora da xerarquía das infraestruturas portuarias e ferroviarias de Pontevedra e Lugo prodúcese ao tempo que esas dúas son as únicas das sete cidades galegas que non son contempladas como nodos urbanos, a figura prevista para impulsar a mobilidade urbana en 424 cidades de toda Europa. 

Segundo a propia Comisión, a súa proposta de nodos urbanos permite cubrir “todas as cidades con máis de 100.000 habitantes” ou, nas rexións nas que non existan cidades con esa poboación, “o nodo principal” desa rexión. No caso de Galicia só superarían esa poboación as cidades de Vigo, A Coruña e Ourense, quedando a moi pouca distancia, con máis de 95.000 habitantes, Santiago e Lugo. Porén, o listado feito público pola Comisión inclúe a Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago e Ferrol, esta última malia non superar os 70.000 habitantes, aínda que si superaría os 100.000 sumándolle a veciña Narón. Pola contra, no listado da Comisión non aparecen nin Lugo nin Pontevedra, que si ven mellorado o seu posicionamento nos eidos portuario e ferroviario. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.