O executivo comunitario propón adiantar prazos das actuacións previstas nos grandes corredores de transporte da UE, como o Atlántico do que xa forma parte Galicia, e anuncia novas medidas de mobilidade urbana para todas as cidades de máis de 100.000 habitantes
A Comisión Europea presentou este martes un plan de "mobilidade verde e eficiente" con varias propostas que agora deberán ser negociadas co Parlamento Europeo e o Consello Europeo coas que quere acelerar desde unha perspectiva sostible o desenvolvemento das grandes redes europeas de transporte así como mellorar a mobilidade urbana. A propia Comisión, no resumo que ela mesma fai dos numerosos documentos normativos que integran as súas propostas, sinala que quere adiantar de 2050 a 2040 o prazo máximo para completar a maior parte da rede transeuropea de transportes e pon dous únicos exemplos: “As novas conexións ferroviarias de alta velocidade entre Porto e Vigo, e Budapest e Bucarest, entre outras, deben completarse para 2040”, di a Comisión, o que supón que quere acelerar o desembolso de fondos europeos para esas conexións e que ese é o seu prazo máximo pero poderían estar rematadas antes.
A Comisión tamén anunciou novas medidas en materia de mobilidade “intelixente” por estrada ou nas cidades, con medidas para todas as urbes de máis de 100.000 habitantes da Unión Europea, que cifra en 424.
A UE ten definidos unha serie de grandes corredores transeuropeos de transporte nos que prioriza os fondos comunitarios que poden solicitar os estados membros. Galicia ten varias infraestruturas integradas no denominado Corredor Atlántico. E agora a Comisión, en aplicación da súa estratexia European Green Deal, ou Pacto Verde Europeo, quere acelerar as datas que ela mesma se fixara como tope para rematar as grandes actuacións financiadas con fondos comunitarios neses corredores, co foco posto principalmente no ferrocarril como “un dos medios de transporte máis seguros e limpos”.
O adiantamento das datas límite evidencia o interese da Comisión por financiar a liña Vigo-Porto, proxecto que Portugal sitúa no horizonte de 2030 pero que os dous estados teñen aínda en fases moi previas de definición de posibles trazados
Este martes o vicepresidente da Comisión para o Pacto Verde, Frans Timmermans, a comisaria de Transporte, Adina Vălean, e o comisario de Traballo e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit, presentaron as súas propostas para acelerar esa rede europea de transportes, denominada TEN-T, con propostas como que “as principais liñas ferroviarias de pasaxeiros da TEN-T permitan que os trens viaxen a 160 quilómetros por hora ou máis rápido para 2040, creando así conexións ferroviarias de alta velocidade competitivas en toda a Unión”. Unha data, a de 2040, que se introduce “para adiantar a finalización das principais partes da rede [principal] antes da data límite de 2050 que se aplica á rede máis ampla e completa”, e que se pon como exemplo para acelerar unha nova conexión entre Vigo e Porto.
A data límite que dá a UE non significa que a obra non poida rematar antes e o que fai é evidenciar a disposición comunitaria a achegar fondos europeos a un proxecto que Portugal sitúa no horizonte de 2030. Porén, tanto a un lado como a outro da raia os dous estados están aínda en fases moi previas de definición dos posibles trazados da nova liña ferroviaria.
En xeral, a Comisión fíxase o obxectivo de “duplicar o tráfico ferroviario de alta velocidade para 2030 e triplicalo para 2050”. O executivo comunitario sinala que “aínda que o número de persoas que viaxa en tren aumentou nos últimos anos, só o 7% das viaxes en tren realizadas entre 2001 e 2018 implicaron desprazamentos transfronteirizos”.
Así que “para animar a máis persoas a que consideren as viaxes en tren ao estranxeiro” lánzanse medidas como “unha proposta lexislativa multimodal en 2022 para impulsar a venda de billetes multimodais de fácil uso”, “permitir aos pasaxeiros atopar os mellores billetes ao prezo máis atractivo e ofrecer un mellor apoio aos pasaxeiros en dificultades”, “estudar unha exención do IVE en toda a UE para os billetes de tren”, “derrogación das normas técnicas e operativas nacionais redundantes”, “un anuncio de propostas para 2022 sobre horarios e xestión de capacidade, que impulsarán servizos ferroviarios transfronteirizos máis rápidos e frecuentes”, ou “directrices de prezos de acceso ferroviario en 2023 que facilitarán o acceso dos operadores ferroviarios á infraestrutura, aumentarán a competencia e permitirán prezos de billetes máis atractivos para os pasaxeiros”. A Comisión quere que en 2030 haxa cando menos “15 proxectos piloto transfronteirizos” nos que se probe o seu plan.
Nas cidades a Comisión quere potenciar "o transporte público, a pé e a bicicleta", nas mercadorías axilizar a súa xestión e nas estradas facilitar as novas tecnoloxías
A Comisión tamén pon o foco na mobilidade urbana, cunha “guía europea sobre como as cidades poden reducir as emisións e mellorar a mobilidade”. “O foco principal será o transporte público, a pé e a bicicleta”, di a Comisión, que prioriza “solucións de cero emisións para as flotas urbanas, incluíndo taxis” ou outro tipo de empresas de transporte, ou “a construción e modernización de centros multimodais, así como novas solucións e servizos dixitais”.
A Comisión di que en 2022 proporá aos estados membros “unha recomendación para o desenvolvemento de plans nacionais para axudar ás cidades a desenvolver os seus plans de mobilidade”. En concreto, a Comisión apunta ás “424 principais cidades” da UE, que no documento no que desenvolve esa proposta identifica como “todas as cidades con máis de 100.000 habitantes”.
En materia de mercadorías a Comisión pide “máis terminais de transbordo, unha mellor capacidade de manipulación nas terminais de mercadorías, tempos de espera reducidos nos cruces fronteirizos ferroviarios, trens máis longos para trasladar máis mercadorías a modos de transporte más limpos e a opción de que os camións se transporte por tren en toda a rede”.
E en materia de estradas, a Comisión quere facilitar a implantación de innovacións como a condución automática e “novos servizos intelixentes” con dispoñibilidade en formato dixital para todos os condutores de datos como o estado do tráfico ou límites de velocidade.