O Goberno de Costa comeza as consultas para un documento que quere aprobar nun ano en desenvolvemento do Programa de Investimento presentado en outubro con 10.000 millóns para mellorar a rede ferroviaria
O Goberno de Portugal, encabezado polo socialista António Costa, vén de lanzar a elaboración do Plano Ferroviário Nacional, o documento que será a folla de ruta da modernización da rede ferroviaria portuguesa na próxima década. O plan prevé unha nova liña de altas prestacións directa entre Braga e Valença, evitando o recorrido da liña convencional actual por Viana do Castelo recentemente mellorada, co obxectivo de que as viaxes entre Porto e a fronteira con Galicia que actualmente supoñen dúas horas sexan rebaixadas a menos dunha hora.
O pasado outubro o Goberno portugués presentou o Programa Nacional de Investimentos 2030, documento marco que prevé destinar uns 10.000 millóns de euros á mellora da rede ferroviaria. Para desenvolver a planificación nese eido este luns celebrouse a xornada de lanzamento do Plano Ferroviário Nacional, proceso que prevé un período de consulta ata xullo, a redacción do documento ata outubro, o seu debate ata decembro e a súa aprobación final entre xaneiro e marzo do próximo ano.
O documento aspira a que as viaxes entre Lisboa e a fronteira do Miño queden en menos de tres horas en 2030
Na presentación do proceso deste luns [aquí o documento en PDF] sinaláronse algúns dos obxectivos que pretende acadar o documento, entre eles o de mudar a actual estrutura en árbore da rede portuguesa a partir de Lisboa e as zonas urbanas costeiras por unha malla que peche diversos aneis agora incompletos. E entre as principais liñas a construír cítase de xeito expreso, como xa se facía no Programa Nacional de Investimentos 2030, unha liña de alta velocidade Porto-Lisboa e Braga-Valença.
Canto aos tempos de recorrido, aspírase a que grazas a esas novas liñas o recorrido entre Porto e Valença se reduza a menos dunha hora, a menos de dúas horas entre Porto e Lisboa e a menos de tres horas entre Lisboa e a fronteira do Miño. A mellora da conexión ferroviaria en Portugal era un dos requisitos que viñan poñendo os sucesivos gobernos de España para continuar coa planificación da saída sur de Vigo que axilizaría os tráficos ao norte do Miño. Nas últimas semanas, ao tempo que as cidades da eurorrexión implicaron o presidente da República na reclamación dun mellor tren entre Galicia e Portugal, o ministro de Transportes español, José Luis Ábalos, anunciou o encargo dun novo estudo de alternativas para esa saída sur.
A presentación deste luns en Portugal, pola contra, e á espera do que resulte das consultas e elaboración do plan en si, parece descartar a posibilidade de construír unha liña que conecte con Bragança, na fronteira con Ourense e Zamora, polo pouco tráfico que tería.