A finais de 2020, as direccións do BNG e do Bloco de Esquerda xuntáronse en Vigo para poñeren as bases dunha "alianza estratéxica" entre ambas formacións políticas e así "reforzar un polo atlántico que defensa os intereses comúns de Galiza e Portugal ante o deseño centralista das infraestruturas". Naquel encontro, Ana Pontón e Catarina Martins avanzaran a súa intención de manteren un novo encontro no Porto, no comezo de 2021, para seguir concretando esa colaboración.
Pontón e Martins instan o Goberno portugués a "passar do anúncio aos investimentos efetivos" na mellora da conexión ferroviaria e ao español, a ter "a mesma vontade de fazer estas ligações ferroviárias para a ligação Vigo-Porto, o Corredor Atlântico de mercadorias e o Eixo Atlântico de mercadorias"
Esa xuntanza produciuse este luns e os compromisos ficaron plasmados na Carta do Porto, un documento no que as dúas organizacións sinalan como "loitas comúns" unha axenda de "infraestruturas, traballo e cultura para unir os dous pobos". "Galiza e Portugal temos intereses comúns e por iso apostamos por unha cooperación intelixente, que nos permita avanzar en ámbitos clave" a ambas beiras da raia, resume Pontón.
Neste sentido, sinalou Martins na xornada en que o Goberno de Portugal presentou as bases para a elaboración do seu Plano Ferroviário Nacional, que este proxecto "não pode ser um projeto de intenções". Mellorar o tren é a "arma mais poderosa que temos para combater as alterações climáticas", mais tamén "um instrumento para a coesão territorial" interna e con Galicia. "A clave -concorda Pontón- está na modernización ferroviaria" a comezar pola concreción da saída sur de Vigo, que permita que ambos países se beneficien das melloras da liña xa impulsadas ata Vigo e ata Valença, respectivamente.
Nesta liña, a declaración conxunta de BNG e Bloco concreta que ambas forzas "pugnamos pelo desenvolvimento da ferrovia e pela modernização da linha que desenvolva o eixo atlântico, com ligação de Portugal com a Galiza". Nesta liña, e dado que o Goberno portugués xa definiu este investimento como prioritario, "é agora necessário passar do anúncio aos investimentos efetivos nas infraestruturas" e que o Goberno de España "tenha a mesma vontade de fazer estas ligações ferroviárias para a ligação Vigo-Porto, o Corredor Atlântico de mercadorias e o Eixo Atlântico de mercadorias, projetos fundamentais que defendemos conjuntamente".
Activación inmediata do Cartão de Cidadania Transfronteiriça
Ambas formación pactan trasladar á UE a petición dos concellos da raia para seren compensados polos efectos do peche fronteirizo durante a pandemia
Alén das infraestruturas, ambas líderes poñen o foco tamén na problemática que, ao fío da pandemia, segue a existir para o persoal galego que traballa en Portugal -e viceversa- a causa dos peches fronteirizos. Nesta liña, o Bloco "compromete-se a apresentar na Assembleia da República um projecto de Resolução para instar ao Governo de Portugal a concretizar um Cartão de Cidadania Transfronteiriça. Trátase, sinalan, de levar á práctica a idea "já anunciada na Cimeira Luso-Espanhola da Guarda, em outubro de 2020".
Alén do conxuntural, Bloque e Bloco prevén trasladar conxuntamente ao Parlamento Europeo e á Comisión Europea a esixencia xa formulada polos concellos de ambas beiras da raia. Trátase "de que sejam tidos em conta os prejuízos económicos que as autarquias e setores económicos e sociais sofreram, no âmbito do NEXT EU, dos Fundos de Coesão e através de um ITI (Investimento Territorial Integrado)".
Impulso da Lei Paz-Andrade
O encontro das delegacións encabezadas por Pontón e Martins produciuse cadrando co sétimo aniversario da Lei Paz-Andrade no Parlamento galego para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Boa parte dos seus obxectivos, sinalan, están aínda por desenvolver. Sucede no ensino, mais tamén noutros eidos, caso das emisións da RTP en Galicia e da TVG en Portugal.
Na Carta do Porto, Bloco de Esquerda e BNG consideran "que é necessário acompanhar de forma mais exigente a implementação da Lei Paz Andrade". Neste sentido, a formación portuguesa "compromete-sea apresentar na Comissão de Cultura da Assembleia da República a proposta para a realização, pelo parlamento português, uma sessão pública parlamentar de balanço sobre a concretização dos compromissos relativos à Lei Paz Andrade e ao Memorando que ela suscitou entre os dois países".