As cidades da eurorrexión implican o presidente da República na reclamación dun mellor tren entre Galicia e Portugal

Reunión do Eixo Atlántico co Presidente da República de Portugal, este 30 de marzo no Palácio de Belém © Presidência da República Portuguesa | Eixo Atlántico

O Eixo Atlántico de Galicia e do Norte de Portugal, a entidade que agrupa 39 entidades locais -concellos, deputacións, cámaras municipais- de ambas beiras da raia implica o presidente da República portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, na reivindicación dunha mellor conexión ferroviaria entre ambos países. Fíxoo nunha recepción no Palácio de Belém de Lisboa, sede da Presidencia da República, na que participaron o presidente do Eixo e alcalde de Braga, Ricardo Rio, e mais o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao.

O Eixo Atlántico subliña nun encontro con Rebelo de Sousa a "necesidade de que a conexión ferroviaria con Galicia teña un carácter estratéxico e estatal", coa saída sur de Vigo como proxecto máis relevante e urxente

Pola banda galega, Vázquez Mao salientou ante Rebelo de Sousa a "necesidade de que as obras da conexión ferroviaria con Galicia teñan un carácter estratéxico e estatal". "Preocúpanos a situación do proxecto en España", transmitiu, nun contexto no que a coñecida como saída sur de Vigo segue a ser a gran obra a acometer por parte do Goberno español que, "na actualidade, só ten previsto un estudo de alternativas", o que "suporía un retorno a hai doce anos".

Neste sentido, Ricardo Rio sinala que o Eixo "considera chave o desenvolvimento e modernização de ferrocarrís de alto rendimento para passageiros e mercadorias para a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal" Para "unir todas as peças necessitamos o apoio de ambos governos e vamos tentá-lo com todas as nossas forças". A xuízo do rexedor bracarense, "quando converxen os nossos interesses e as nossas necessidades de desenvolvimento, há investimentos que se convertem em políticas estatais". Portugal "deve abordar esta questão ao mais alto nível com o governo espanhol para que o eixo ferroviário atlântico e o corredor ferroviário atlântico estejam operativos antes de 2030".

Interior da nova estación de Vigo-Urzaiz na que as vías non teñen saída cara o sur CC-BY-SA Praza Pública

Segundo informa o Eixo Atlántico, nese encontro, o presidente portugués "puxo en valor a dinámica" da entidade "en beneficio da Eurorrexión e a súa visión para o desenvolvemento do territorio". Para propiciáreno, solicitaron "unha conversa directa entre o primeiro ministro de Portugal e o presidente do Goberno de España" para "desbloquear rapidamente a conexión Vigo-Portugal, coordinar as accións de ambos países e garantir que o proxecto poida presentarse para a cooperación con financiamento con fondos europeos" e lograr así cumprir ese obxectivo de "rematar as obras antes de 2030".

As conexións ao norte da Coruña e ao sur de Vigo nunca pasaron dos estudos

Vinte anos despois de iniciarse as obras da liña que debera ir de Ferrol ata a fronteira, o treito ao sur de Vigo, que precisaría de túneles baixo a cidade, acumula estudos previos mentres os trens teñen que facer rodeos e manobras en Redondela

O Eixo Atlántico de alta velocidade que comezou a construírse hai agora 20 anos pensouse inicialmente entre Ferrol e a fronteira portuguesa, pero máis ao norte da Coruña e máis ao sur de Vigo, cidades que quedaron unidas en 2015, o proxecto nunca pasou dos estudos previos. [O tren a Ferrol aos 20 anos de comezar as obras do Eixo Atlántico: 730 millóns para 40 minutos en AVE ou 50 millóns para arranxar a vía actual].

Para que o tren de altas prestacións continúe entre Vigo e Portugal de xeito directo (e mesmo cara a Ourense pola vía que discorre xunto ao Miño), sen que os convois teñan que dar un rodeo por Redondela, cunha complexa configuración de vías e electrificacións que Adif xa estuda remodelar, é preciso construír un túnel baixo a cidade e outro baixo os montes do Meixoeiro que permitan levar as vías ata O Porriño. Esa actuación é a coñecida como saída sur, que o Ministerio de Fomento aparcou hai anos. Cando a comezos da pasada década, coa crise económica, Portugal deixou de apostar pola alta velocidade, España argumentou que sen continuidade no país veciño a obra non tiña sentido. 

En Redondela as vías convencionais que chegan desde Vigo (dereita) divídense cara ás liñas de Portugal e Ourense (arriba) e cara á de Pontevedra e o Eixo Atlántico (esquerda), que agora se queren unir directamente CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral, Xunta de Galicia

Nos últimos anos Portugal retomou as políticas de modernización da súa rede ferroviaria e iniciou a mellora da liña actual entre Porto e Valença, case rematada, e que ao norte do Miño viuse acompañada de similares actuacións para equiparar as prestacións. https://praza.gal/politica/adeus-ao-telefono-como-medida-de-seguridade-para-evitar-choques-de-trens-entre-tui-e-valenca

O Goberno de España non avanzou co proxecto ante o desinterese na alta velocidade amosado hai unha década por Portugal, que agora si quere retomar a mellora do ferrocarril

Ao tempo, o Goberno socialista portugués amosou a súa disposición a realizar melloras de máis profundidade entre Porto e o Miño se o Goberno español retomaba a saída sur de Vigo e o pasado outubro o primeiro ministro, António Costa, presentou un programa de investimentos ata 2030 que volve apostar pola alta velocidade ata Vigo cunha liña de novo trazado entre Valença e Braga, mentres que entre esa cidade e Porto aproveitaríase a vía actual xa notablemente modernizada e rápida.

Presentacion do Programa Nacional de Investimentos 2030 de Portugal cunha nova liña ferroviaria Braga-Valença © Goberno de Portugal

Neste contexto, o pasado 10 de marzo o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, salientou que para que a saída sur poida ser realidade “temos agora a favor a actitude do Goberno de Portugal” e anunciou que en abril prevé licitar un novo “estudo de alternativas” para esa saída sur, que xa conta con varias análises e planificacións previas tanto en materia de infraestruturas como urbanística.

O ministro español Ábalos anunciou que en abril prevé licitar un novo "estudo de alternativas" e o Eixo Atlántico quere implicar aos altos responsables dos dous estados para que a saída avance

Para que a cousa non quede en novos estudos e declaracións de intencións por parte dos dous gobernos, o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal está a traballar para obter o compromiso coa mellora ferroviaria entre os dous países dos máis altos responsables dos dous estados despois de que o proxecto non acabe de arrancar malia que en setembro de 2018 o ministro de Transportes portugués amosou o seu apoio á saída sur e naquela mesma data o Congreso instou por unanimidade ao ministerio español a que avanzase na súa concreción.

Nesta liña, na xuntanza con Rebelo de Sousa, o Eixo subliñou tamén a necesidade de "non esperar" á vindeira Cimeira Ibérica para "debater sobre estas cuestións". Trátase, subliñan, de que cando os Executivos de Sánchez e Costa volvan sentar á mesma mesa, cheguen "con todas as propostas acordadas" e así poidan "chegar a tempo aos fondos europeos, que estarán dispoñibles en outubro".

Reunión do Eixo Atlántico co Presidente da República de Portugal © Presidência da República Portuguesa | Eixo Atlántico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.