Portugal mantén o roteiro para contar cunha conexión ferroviaria modernizada con Galicia na contorna do ano 2020. O ministro das Infraestruturas de Portugal, Pedro Marques, solemnizou este venres na estación de Valença do Minho, tras uns lixeiros atrasos, a contratación dos traballos de electrificación do treito da Linha do Minho dende Viana do Castelo ata a localidade fronteiriza. O investimento, de 18 millóns de euros, é clave para 'xubilar' os vellos trens que seguen a unir Vigo co Porto e por iso dende o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e do norte de Portugal reiteran a súa advertencia: é "urxente" que o Goberno de España faga a súa parte dos traballos e que a Xunta prema neste sentido para lograr de vez unha conexión ferroviaria moderna, en último termo, da Coruña a Lisboa.
A construción das infraestruturas necesarias para a circulación dos novos trens e os cambios no trazado das vías, que data de finais do século XIX, estarán rematadas a mediados de 2020 e antes de finais deses mesmo ano, segundo o cronograma que manexa o Goberno portugués, xa estarán culminadas as probas e certificacións definitivas. "A concretização destes investimentos visam dotar a Linha do Minho de um nível de serviço superior, com melhores níveis de segurança, eficiência e competitividade do sistema ferroviário", afirman dende Infraestruturas de Portugal, ente público do país veciño que resalta entre os obxetivos dos traballos a "melhora das ligações internacionais do corredor Porto-Vigo".
O Goberno portugués resalta entre os obxectivos das obras a "melhora das ligações internacionais do corredor Porto-Vigo"
En opinión do presidente do Eixo Atlántico e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e mais do secretario xeral da entidade da eurorrexión, Xoán Vázquez Mao, cómpre dar os parabéns ao Goberno de Portugal porque se está a "facer eco das peticións da entidade" e a apostar "pola mellora das comunicacións ferroviarias cara a Galicia". "O Goberno portugués honra os seus compromisos", segundo Vázuqez Mao, quen subliña que "lamentablemente, non se pode dicir o mesmo do anterior Goberno español", que "o máis que ofertou foi a electrificación de oito quilómetros entre Tui e Guillarei sen que ata hoxe se movese un papel". É por iso, advirte, qu eo Eixo "ten prevista unha reunión co novo ministro" de Fomento, José Luis Ábalos, para "desbloquear a situación".
Ponte ferroviaria sobre o río Coura, en Caminha, e esquema da catenaria -intalación eléctrica- para que os trens eléctricos poidan transitar por el / Infraestruturas de Portugal
O Eixo Atlántico de cidades lembra que a electrificación da conexión ferroviaria con Portugal debe culminar nunha liña modernizada da Coruña a Lisboa
Trátase, subliña a entidade que agrupa concellos das dúas beiras da raia, de promover unha "conexión competitiva cómoda entre Vigo e Porto" que "convertería a liña en A Coruña-Lisboa", máis aínda tendo en conta que mesmo existe xa interese por explotar esta liña por parte da empresa Arriva, filial da alemá Deutsche Bahn. Para que esa conexión sexa realidade cumpriría, cando menos, que Adif electrifique os 8 quilómetros que separan Guillarei da ponte sobre o Miño. Así e todo, o Eixo advirte de que a súa aposta segue a ser a construción da coñecida saída sur de Vigo, un proxecto que cuantifica nuns 400 millóns de euros que implicaría abrir un túnel baixo a cidade e outro por baixo dos montes do Meixoeiro para levar as vías ata O Porriño. De facerse, suporía a fin dos rodeos do tren por Redondela e do paso da liña polo centro do Porriño.
No acto celebrado este venres na estación de Valença estivo tamén presente a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, cuxas xestións neste eido son lidas de xeito moi crítico dende o Eixo Atlántico. Vázquez mantivo que a saída sur de Vigo é "complexa, pero necesaria" e quixo "lembrar" que "a Xunta mantén activa dende hai anos a demanda para que o Ministesrio de Fomento impulse as melloras necesarias no percorrido galego" do tren ao Porto.