0 Gardados para despois

Arriva quere estrear o tren A Coruña-Porto o 17 de xullo de 2019 condicionada por obras pendentes en Galicia e Portugal

Marina Estévez TorreblancaMarina Estévez Torreblanca | @marinaestevezt


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A nova liña de ferrocarril A Coruña-Porto, coa que a compañía ferroviaria alemá Deutsche Bahn, a través da súa filial española Arriva, pretende romper o monopolio ferroviario de Renfe, "nace con vocación de estenderse ata Lisboa co fin de potenciar o carácter internacional do servizo", segundo informou a compañía á Comisión Nacional do Mercado e a Competencia (CNMC). A data prevista de comezo do novo servizo internacional de transporte ferroviario de viaxeiros é o 17 de xullo de 2019. Os alemáns toman posicións antes da entrada en vigor en toda Europa do IV Paquete de Liberalización Ferroviaria en 2020, que implicará a apertura do tráfico de viaxeiros por ferrocarril dentro da UE. Porén, as obras de electrificación pendentes de iniciarse por parte dos gobernos de España e Portugal en preto de 60 dos 340 quilómetros da liña condicionan esas previsións.

Aínda non comezaron os traballos de electrificación duns 8 quilómetros en Tui e doutros 48 entre Valença e Nine

Arriva, filial española da compañía alemá, presentou ante o regulador a preceptiva solicitude para entrar no mercado e explotar o novo servizo internacional de transporte de viaxeiros. A partir de agora, a CNMC ten dous meses para dar o visto e prace. Segundo a documentación achegada, as cidades atendidas pola nova liña internacional suman unha poboación próxima a 2,9 millóns de habitantes, cunha proporción España/Portugal da orde de 40/60. Engaden que os datos dispoñibles indican que ao longo do corredor Galicia-Lisboa a mobilidade alcanza 11,2 millóns de desprazamentos ao ano, cunha presenza dominante do automóbil (89,6%) fronte aos modos de transporte colectivo (autobús e tren, 10,4%).

Neste contexto de mercado, a nova liña internacional "pretende non só competir cos modos actuais (tren, autobús e automóbil), senón crear a súa propia demanda". Os seus estudos apuntan a unha demanda cun chan de 0,36 millóns de viaxeiros que podería escalar ata valores próximos a 0,8 millóns de viaxeiros en función do nivel de oferta e da resposta do mercado. Consideran que dita demanda total fai que o proxecto empresarial sexa "economicamente viable".

A empresa "pretende non só competir cos modos actuais (tren, autobús e automóbil), senón crear a súa propia demanda"

A nova liña discorrerá ao longo de 341,9 quilómetros entre as estacións da Coruña e Porto  Campanhã, con parada comercial intermedia nas estacións de Santiago, Vilagarcía, Pontevedra, Vigo-Guixar,  Valença e  Nine. "Non se descartan outras paradas que, á vista de estudos posteriores mais fondos sobre demanda, sexan atractivas para o novo servizo", engaden. O tempo total de percorrido entre as cabeceira da liña situaríase aproximadamente en 2 horas e 48 minutos. A súa vocación é superar "en alcance e prestacións os servizos que actualmente ofrece a compañía pública portuguesa Comboios de Portugal (CP) entre Vigo e Porto". Segundo os seus datos,  a súa oferta sería unha dura competencia para a actual liña internacional operada por CP, que actualmente ofrece 2 circulacións diarias por sentido e un tempo próximo a 2:20 horas para percorrer 185 km.

A oferta comercial estaría formada por oito circulacións diarias entre cabeceiras, catro circulacións por sentido, para 275 días tipo ao ano, "aínda que a distribución ao longo dos meses do ano adaptaríase á curva de demanda e a súa estacionalidade". A frota operativa necesaria para atender a oferta comercial prevista sería de dúas unidades, que podería atenderse mediante material rodante tipo Talgo Pendular cunha capacidade da orde de 220 pasaxeiros por composición.

Proposta de Arriva/Deutsche Bahn para a liña A Coruña-Porto

Á espera de que España e Portugal cumpran

Dos preto de cen quilómetros pendentes de electrificar, en 42 xa comezaron as obras pero aínda non noutros 56, 8 deles en Tui

Arriva asegura que pretenden aproveitar a mellora da infraestrutura programada polos administradores de infraestrutura dos dous países, "de modo que poida operarse mediante trens eléctricos". "É por tanto esencial que os administradores ferroviarios, en particular ADIF, cumpra as actuacións programadas para que a liña proxectada dispoña de tensión 25 quilovoltios en todo o seu percorrido", advirten.

Dos 340 quilómetros da liña, actualmente non están electrificados uns 100 quilómetros, entre Guillarei, ao norte de Tui, e Nine, ao norte do Porto. Portugal xa comezou as obras entre Nine e Viana dos Castelo, ao longo duns 42 quilómetros. Eses traballos de electrificación e mellora xeral da liña están tamén adxudicados, con atraso con respecto aos prazos previstos por Portugal, para os 48 quilómetros que separan Viana de Valença, pero os traballos aínda non comezaron. Do lado galego, Adif ten pendente de iniciar os traballos de electrificación dos 8 quilómetros entre Guillarei e a ponte sobre o Miño.

Arriva xa conta con preto de 500 autobuses en Galicia e o norte de Portugal

Arriva xa ten presenza tanto en Galicia como en Portugal co servizo de transporte de viaxeiros por autobús. En Galicia conta cun persoal de 300 traballadores e unha frota de 224 autobuses que desprazan a 5 millóns de viaxeiros cada ano ofrecendo servizos regulares nas cidades e contornas de Santiago, A Coruña, Ferrol, Ourense ou Lugo. Ao outro lado do Miño tamén conta cun servizo de transporte de pasaxeiros con Arriva Portugal, cun persoal de 350 traballadores e unha frota de 230 autobuses que desprazan a 16 millóns de viaxeiros cada ano na rexión do norte do país, ademais de operacións urbanas en Guimarães, Famalicão e Santo Tirso.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.