“Marcho coa idea de que aquí queren facerse as cousas”. Tras meses de críticas da Xunta ao Ministerio de Transportes polo suposto abandono de Galicia en todo tipo de proxectos en materia de infraestruturas, a reunión deste mércores entre o seu titular, o socialista José Luis Ábalos, e o presidente do Goberno galego saldouse co agradecemento por parte de Feijóo da implicación do seu interlocutor cos tres grandes temas que analizaron: a saída sur ferroviaria do Porto de Vigo, a débeda do Porto da Coruña que condiciona tamén o tren aos seus peiraos exteriores e as rebaixas de peaxes anunciadas pero aínda non concretadas polo ministerio para a AP-9.
Rebaixas na AP-9
O ministro Ábalos ábrese a “algunha flexibilización da débeda” do Porto da Coruña e asegura que en abril encargará un novo estudo de alternativas para a saída sur ferroviaria de Vigo
“Agradezo que sexa a primeira vez que un goberno pon unha contía específica para diminuír a todos os usuarios as peaxes da AP-9”, valorou Feijóo do compromiso do Goberno central xa concretado en 55 millóns de euros consignados nos orzamentos do Estado para este ano pero que aínda non ten data de aplicación. O presidente da Xunta lembrou que anteriores rebaixas de peaxes o foron para treitos ou usuarios puntuais, fronte á que agora prepara o ministerio a través dun decreto específico que permita mantelas ata o final da concesión da autoestrada, en 2048. A tramitación dese decreto é o que, din as dúas partes, impide poñer unha data ao comezo efectivo das rebaixas.
Este mércores Ábalos, que salientou que os 55 millóns consignados supoñen “dous terzos” das achegas que fai o Goberno central ás rebaixas de peaxes en todo o Estado, comprometeuse a ter en conta as suxestións da Xunta sobre o tipo de descontos a aplicar, que o Goberno galego quere centrar nos usuarios habituais da autoestrada. “Que a concesionaria saiba que Goberno e Xunta imos estar nunha mesma posición”, verbalizou o ministro de cara á negociación con Audasa.
Segundo Feijóo, o ministerio baralla o “primeiro semestre deste ano” para “presentar o decreto” que ampare as rebaixas, polo que o presidente galego dixo agardar “que no segundo semestre poidamos ter a rebaixa efectiva”. Por outra banda, as dúas partes coincidiron en situar as rebaixas como prioridade respectiva e deixaron en mans do Congreso a tramitación da transferencia da titularidade da autoestrada a Galicia. Un Congreso no que poucas horas antes o propio Ábalos evitaba poñer data ás rebaixas ante unha pregunta expresa formulada polo BNG.
Porto da Coruña
Ábalos di apoiar a conexión ferroviaria co porto exterior coruñés pero "cuestión distinta é o recurso financeiro", que ameaza con que a Autoridade Portuaria só poida acometer a obra con operacións urbanísticas no centro da cidade
Sobre a situación financeira da Autoridade Portuaria da Coruña tras o gasto millonario de construír o porto extetrior, punto que segundo Ábalos foi o que ocupou máis tempo da reunión, o ministro coprometeuse a “encarar a conexión ferroviaria” deses peiraos exteriores “dentro dun plantexamento razoable”. O ministerio, dixo, considera prioritario facer esa conexión ferroviariar pero, dixo, “cuestión distinta é o recurso financeiro”, no marco dun debate entre todas as administracións implicadas sobre se a Autoridade Portuaria debe acometer a obra con fondos propios obtidos a través de operacións urbanísticas no centro da cidade.
Ábalos abriuse a “procurar algunha flexibilización da débeba” da Autoridade Portuaria e mesmo a estudar se fondos europeos ordinarios ou extraordinarios “poden ser unha vía” para obter financiamento para o acceso ferroviario. Será, dixo, dentro dunha visión global para “encarar a competitividade do propio porto” na que “é importante a cooperación das tres administracións, estatal, galega e local.
Saída Sur de Vigo
Sobre a saída sur ferroviaria de Vigo que requiriría dunha infraestrutura baixo terra para dar continuidade cara a Portugal ao xa rematado do Eixo Atlántico de alta velocidade e facilitaría a saída de mercadorías da cidade e do seu porto, o ministro asegurou que está “de acordo” coa infraestrutura. Ábalos salientou que “temos agora a favor a actitude do Goberno de Portugal”, cuxa negativa ata hai uns anos a mellorar a infraestrutura ferroviaria entre Porto e o río Miño facía que Madrid tampouco considerase prioritaria a actuación ao norte da fronteira.
A saída sur de Vigo, para a que se anuncia un novo estudo, encadraríase no Corredor Atlántico ferroviario para mercadorías, que segue pendente de que o Goberno central nomee un coordinador como o que xa ten o Corredor Mediterráneo
O ministro asegurou que en abril prevé licitar un novo “estudo de alternativas” para esa saída sur, que xa conta con varios estudos previos tanto en materia de infraestruturas como urbanística. Será un estudo que, como algún dos anteriores, deberá contemplar tamén un enlace co porto para facilitar así o transporte de mercadorías no marco do denominado Corredor Atlántico ferroviario, para o que o Goberno central segue pendente de nomear un coordinador dirixa o seu impulso, como xa ten o Corredor Mediterráneo.
Ademais destes tres temas, Feijóo tamén asegurou que na reunión se lle garantira a última previsión de posta en servizo ao longo deste 2021, cun ano de atraso a respecto do comprometido en 2017 polo daquela ministro popular Íñigo de la Serna, do penúltimo treito do AVE coa Meseta, entre Seabra e Ourense. Segundo dixo, as probas de seguridade necesarias para que o ministerio conte co permiso para poñer en servizo as obras “están indo ben”.
Estas e outras cuestións serán analizadas nunha nova reunión entre Ábalos e Feijóo que se prometeron a manter en abril en Galicia.