Representantes de Puertos del Estado e do Miniterio de Transportes advertiron da inviabilidade de condonar a débeda do Porto
O Goberno central nega a condonación da débeda que o Porto da Coruña mantén co Estado pola construción do Porto Exterior e cuestiona a viabilidade do enlace por tren a Punta Lagosteira. Con esas dúas malas novas rematou o cumio que este martes reuniu na cidade as principais administracións implicadas no futuro dos peiraos coruñeses.
Os representantes de Puertos del Estado e do Ministerio de Transportes advertiron no cónclave ao que foron convocados pola alcaldesa da cidade, Inés Rey, que liberar ao Porto da débeda contraída co Estado, de 200 millóns de euros, era inviable.
Con todo, a rexedora celebrou "os primeiros pasos" para desbloquear o tren a Lagosteira e a débeda do Porto logo de anunciar o compromiso do Estado sobre a captación de fondos europeos para a conexión ferroviaria ou a prórroga da Declaración Impacto Ambiental do proxecto, que seguirá vixente dous anos máis para facilitar a licitación da conexión en tren.
O único avance coa débeda foi unha moratoria para o seu pagamento até 2035
Respecto da débeda, o acordado foi unha moratoria até o 2035 para o pagamento por parte da Autoridade Portuaria, o que segundo o Concello supon "un alivio da situación financeira" da entidade que xestiona os peiraos coruñeses. Ademais, crearse unha cmoisión de traballo nas vindeiras semanas para deseñar nun parzo de medio ano un novo protocolo que se axeite á "realidade actual" para definir o futuro do Porto.
Xa que logo, como explicou Rey, un novo protocolo de traballo que permita "substituír os convenios asinados no 2004, convenios que tiñan bloqueado o desenvolvemento das actuacións pendentes e que xa non son aplicables en todos os puntos". Enterrar, daquela, os acordos que lastran o futuro dos peiraos desde hai máis de quince anos.
A Xunta, representada pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, falou de decepción pola falta de concreción nas propostas e defendeu o pacto ao que en 2018 chegaron a Autoridade Portuaria, Fomento, Goberno galego e Puertos del Estado sen contar co Concello, daquela coa Marea Atlántica na alcaldía.
Desde a Autoridade Portuaria, o seu presidente, Martín Fernández Prado, valorou a reunión porque "suma" tras asumir as dificultades financeiras do ente que preside.
Desde a Marea Atlántica, a súa voceira municipal, María García, criticou con dureza as "graves" declaracións do presidente de Puertos del Estado, Francisco Toledo, ao que acusou de lexitimar condonar 400 millóns de débeda derivada da Copa América e a Fórmula 1, "excesos dos tempos do PP", pero non na Coruña "para soster unha obra de interese xeral como o Porto Exterior".
Marea Atlántica e BNG consideran "grave" e "impresentable" que o Goberno de Estado manteña a súa oposición a condonar a débeda
O BNG, pola súa banda, considera "impresentábel que o Goberno do Estado se enroque na súa oposición á condonación da débeda" e que "a reunión non servise para poñer na axenda, cun calendario preciso, a construción do enlace ferroviario con Punta Langosteira".
Ademais, os nacionalistas consideran "hipócrita" a posición expresada polo goberno da Xunta. "O PP cualifica agora de decepcionante que o Goberno do Estado se negue a condonar a débeda, mais os gobernos de Rajoy en ningún momento mostraron a menor disposición a liquidala", conclúen, logo valorar que se admita "obsoleto e inaplicábel o convenio asinado en 2004".