A Autoridade Portuaria, agora presidida por Fernández Prado, dá o visto e prace a un proxecto rexeitado durante tempo polo anterior presidente. "Trátase dunha apertura gradual con sentido", subliña a alcaldesa
A apertura progresiva á veciñanza dos peiraos sen actividade na Coruña iniciarase nas vindeiras semanas logo de anos de bloqueo. A terminal de Transatlánticos será a primeira en abrir aproveitando os días no que non haxa escala de cruceiros e a escasa actividade pola pandemia, cuxas limitacións determinarán tamén a data exacta.
A Autoridade Portuaria, agora presidida por Martín Fernández Prado, dá o visto e prace a un proxecto rexeitado durante tempo polo anterior presidente, Enrique Losada, que negou esta posibilidade, alegando cuestións de seguridade ante as continuas peticións do anterior goberno local da Marea Atlántica.
“Non se trata de abrir a porta, senón dunha apertura gradual con sentido”, afirmara a alcaldesa da cidade, Inés Rey, que prevé así "permitir o tránsito de vehículos de transporte colectivo (urbano, interurbano e turístico)" e mellorar a mobilidade, entre outros proxectos deportivos e recreativos.
"Temos reclamado en moitas ocasións que se abra o valado, pero sempre se dixera que era algo imposible; o tempo demostrou que só era cuestión de vontade política", di María García, voceira da Marea e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral
Desde o Porto puxéronse xa en contacto coa Delegación do Goberno, a Policia e a Garda Civil para garantir a seguridade. Primeiro será o peirao de Transatlánticos, onde se prevén actividades culturais, deportivas e recreativas, mentres que cara ao verán prevese abrir o de Batería. Para o vindeiro ano quedará o de Calvo Sotelo.
Con este xesto, a Autoridade Portuaria di pretender que a veciñanza "poida recuperar a proximidade co mar e a paisaxe portuaria que forma parte da identidade da Coruña", ademais de dar a coñecer a actividade do porto. A apertura dos peiraos de Transatlánticos e Batería "é só o primeiro paso para a integración definitiva na cidade dunha das súas principais fachadas marítimas", di Fernández Prado, que ve neste proceso "unha etapa de transición previa á redefinición da integración da trama urbana dos terreos que serán liberados tras o traslado da actividade ao Porto Exterior".
O futuro dos terreos do Porto, que debe 300 millóns froito das obras de Punta Lagosteira, mantense no debate sen albiscar aínda solución
Velaí a nai do año. O futuro duns terreos nun Porto que debe 300 millóns de euros froito das obras de Punta Lagosteira e cuxo maior acredor é o Estado, que continúa sen aceptar unha condonación da débeda --como ocorreu na Comunitat Valenciana-- malia o rexeitamento maioritario á idea inicial pactada para pagala: vender os peiraos interiores para a construción de vivendas. A posibilidade segue existindo mentres non se revisen os convenios asinados en 2004 polas administracións pero que non teñen xa quen os reivindique. Polo menos na súa literalidade e previsión de milleiros de pisos.
"Este xesto simbólico non pode servir como coartada para secuestrar o debate sobre o que se pretende facer nos peiraos de San Diego nin sobre a situación financeira da Autoridade Portuaria", insiste María García, que considera "necesario reclamar unha condonación como a que se produce en Valencia, en lugar de vender terreos para facer vivendas".
O Porto pretende coordinar mediante un ente público de xestión a transformación dos peiraos do centro da cidade
O propio Feijóo, nunha reunión con Martínez Prado este luns, insitiu na posibilidade de revisar eses convenios de hai máis de 16 anos pero advertiu da necesidade de que se licite antes de xuño o tren a Lagosteira, condición sen a que non é posible o traslado da actividade ao Porto Exterior. Fíxoo tras unha xuntanza na que a Autoridade Portuaria anunciou que pretende coordinar mediante un ente público de xestión a transformación dos peiraos do centro da cidade, un organismo que define como "axente urbanizador" tras situar finais de 2022 como o horizonte para reurbanizar estes peiraos, primeiro Batería e Calvo Sotelo e logo, "cunha reflexión máis lenta", San Diego.
O vindeiro 23 de febreiro, a alcaldesa Inés Rey ten prevista unha reunión coas seis institucións públicas implicadas para intentar desbloquear tamén o financiamento da débeda do Porto e a obra do enlace ferroviario. Aquela previsión de 2004, dacabalo do boom inmobiliario, quedou nun proxecto agora irrealizable, polo menos na súa totalidade, pero o debate entre a privatización dunha parte dos peiraos ou a total titularidade pública dos terreos segue viva.
Os terreos a liberar no porto supoñen máis de 46 hectáreas no centro da Coruña
A rexedora socialista anuncia tamén un proceso participativo co que implicar a cidadanía nas ideas para uns terreos que suman máis de 88.000 metros cadrados en Batería e Calvo Sotelo, pero perto de 380.000 en San Diego, espazo onde poñen os ollos as opcións inmobiliarias. En total, son máis de 46 hectáreas a desafectar nunha urbe de elevada densidade de poboación e evidente falta de zonas verdes. Os terreos do porto que quedarán liberados equivalen ao 1,25% do total da superficie total do termo municipal coruñés, de menos de 37 quilómetros cadrados.
Segundo asegurou Rey, con este proceso de participación cidadá búscase o obxectivo de "construírmos conxuntamente o futuro da Coruña”. "Temos que contar con todas as opinións”, dixo a alcaldesa, que advirte de que a tarefa non atinxirá exclusivamente o persoal técnico e experto urbanista, senón tamén “ás distintas entidades e colexios profesionais e mais as asociacións veciñais e particulares que así o consideren”.
"Utilizar a transformación portuaria para a obtención de plusvalías urbanísticas, non pode ser unha solución", asegura a Marea Atlántica
O último avance, logo do concurso de ideas Tecendo Litoral impulsado polo anterior goberno local, foi o informe encargado á Universidade da Coruña (UDC) que agora se fará público por parte do Concello. Pasa moi por riba da actividade produtiva dos peiraos e deixa a porta aberta, aínda que en menor medida, a un desenvolvemento urbanístico nunha cidade, destacan fontes do pleno municipal, onde proxectos como o Ofimático ou Someso, ademais doutros previstos e polémicos, están pendentes aínda de seren completados.
"Utilizar a transformación portuaria para a obtención de plusvalías urbanísticas, non pode ser unha solución", di a Marea Atlántica, que insiste en reclamar a "titularidade pública dos terreos e o reforzo dos usos produtivos que xa existen" no porto logo do, reivindican, "amplo consenso sobre estas cuestións acadado no pasado mandato".
María García, portavoz da Marea, espera, ademais, que o anuncio de apertura progresiva dos peiraos "non sexa unha manobra para despistar". "Condonar a débeda é a clave para que, cando se traslade parte da actividade portuaria a Punta Lagosteira, o porto siga a ser espazo público". Segundo advirte, haberá quen "queira empregar os 300 millóns de débeda como escusa para vender terreos e construír pisos en primeira liña de costa".
"Non se pode consentir. Condonar a débeda tamén é cuestión de vontade política: se pode facerse en Valencia, pode facerse na Coruña", di García. Na Comunitat, o Estado fíxose cargo dos 350 millóns de débeda tras a adaptación do Porto á Copa América, pero o Goberno central xustifica esa medida en que alí as obras foron executadas por un consorcio, mentres que no Porto Exterior correron a cargo da Autoridade Portuaria.
Sobre os rumores que ven na presidencia de Martínez Prado a instancias de Feijóo unha estratexia na política municipal a medio prazo, García cre que se ambos cumpren no porto "o que tantas veces pediu o pleno, será positivo para a cidade da Coruña". "Só podemos agardar que fagan as cousas pensando no ben da cidade e non en lanzar a carreira política de ningúen, pero tratándose do PP, pode ser moito agardar", advirte.