A Xunta impulsa a mudanza á fronte da Autoridade Portuaria da Coruña. Logo de case unha década no cargo, Enrique Losada será substituído na presidencia por Martín Fernández Prado, concelleiro e parlamentario do PP, segundo adiantou Galicia Economía Digital.
Martín Fernández Prado, concelleiro na Coruña e deputado no Parlamento galego, substitúe a Enrique Losada, que levaba unha década no cargo
A remuda, que se fará oficial tras o vindeiro Consello da Xunta, supón a marcha de Losada, que Alberto Núñez Feijóo nomeou en 2009 coa súa chegada á presidencia, e a chegada de Fernández Prado, que foi concelleiro de Urbanismo na Coruña en tempos da alcaldía de Carlos Negreira.
Será, xa que logo, o encargado de pilotar o futuro urbanístico dos terreos portuarios da Coruña, en cuestión pola débeda de 200 millóns de euros que a Autoridade Portuaria mantén pola construción do Porto Exterior co Estado, que non acepta aínda a condonación da débeda que reclama o Concello.
Martínez Prado pilotará agora a negociación para liberar os peiraos interiores da Coruña do Porto da Coruña, que mantén unha millonaria débeda co Estado
Nas súas manas, a negociación para liberar os peiraos interiores, apreixados polo polémico convenio asinado en 2004, co que se pretendían desafectar máis de 400.000 metros cadrados de terreo de dominio público para construír vivendas, hoteis e zonas comerciais e pagar así a custosa obra de Punta Lagosteira. A decisión que se tome marcará o futuro urbanístico e económico da cidade.
Precisamente, Enrique Losada chegou á presidencia do Porto da Coruña afrontando o gran proxecto do Porto Exterior, cun investimento que sumar aos 1.000 millóns de euros, aínda pendente da conexión por ferrocarril e con graves problemas financieiros.
Aínda que é Puertos del Estado, de quen depende a Autoridade Portuaria, quen se encarga do nomeamento oficial de Martínez Prado, a elección de novo presidente depende directamente da Xunta.
Martínez Prado, o novo presidente do Porto coruñés, é profesor de Urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e foi director xeral de Urbanismo da Xunta entre 2003 e 2005, cando se asinaron os convenios do peirao. Durante a súa etapa como concelleiro de Urbanismo na Coruña afrontou tamén a construción do polémico túnel do Parrote e A Mariña, de elevado custo, críticas á súa idoneidade e con numerosos problemas de humidades e desperfectos.
Ademais, con el como concelleiro de Urbanismo, o espazo da Solana, pertencente tamén á Autoridade Portuaria, sufriu o cambio de dotacional público a dotacional privado, un polémico cambio que foi revertido sete anos despois e logo dunha iniciativa do goberno local da Marea Atlántica.