O Goberno de Sánchez muda o rumbo do PP na Coruña e sinala o Concello como "protagonista" no futuro do porto

Instalacións portuarias na Coruña © Turismo de Galicia

O pasado abril a Xunta e os daquela máximos responsables do Ministerio de Fomento e Puertos del Estado xuntáronse na sede da Autoridade portuaria coruñesa para, sen previo aviso ao Concello, asinar o protocolo que marcaba as liñas mestras a seguir no bordo litoral da cidade cando as actividades do porto sexan trasladadas definitivamente a Punta Langosteira. O acordo, a grandes trazos, deixaba a porta aberta á privatización de ata o 80% dos terreos e, ante a protesta municipal, o goberno que encabeza Xulio Ferreiro recibiu como resposta un convite a poñer fondos para mercar parte desas propiedades. Ao cabo, a entidade estatal non tiña "ningunha vocación de facer cidade", só "queremos pagar débedas", resumira poucos días despois o seu presidente, Jose Llorca, nunha comparecencia no Congreso.

Apenas mes e medio despois daquel acordo e no medio dun intenso debate político e social na cidade a moción de censura do PSOE tombaba o Executivo de Mariano Rajoy e dende o Concello coruñés Ferreiro anunciaba a súa intención de "poñernos en contacto coas novas persoas responsables en canto se nomeen" para tentar "redefinir acordos e tecer unha alianza sincera". A finais de xuño o ex-alcalde coruñés Javier Losada tomaba posesión como delegado do Goberno central en Galicia e pouco despois, o 7 de xullo, o gabinete de Sánchez remudaba a presidencia de Puertos del Estado, agora encabezado por Ornella Chacón. Con este pano de fondo Losada mantivo este martes o seu primeiro encontro oficial con Ferreiro e evidenciou a mudanza de rumbo.

Losada: "A vontade do Goberno de España é que o Concello lidere este proceso e estea co resto das Administracións en calquera negociación" 

Alén de expoñer unha "vontade" xenérica de "devolver a autonomía ás cidades", Losada asegurou que o novo Goberno coida que "o Concello debe ser partícipe e protagonista" no "desenvolvemento dos peiraos interiores". "No último protocolo subscrito non estaba a cidade" e dese texto o representante estatal só "queda", cando menos de momento, "cos 20 millóns que achega a Xunta" e coa "valoración da impicación de todas as administracións". Alén disto, afirma, a "vontade do Goberno de España" é que "o Concello lidere este proceso e estea co resto das Administracións levando a cabo unha obra que ten un desexo: a mellora da calidade de vida dos cidadáns". Por iso, asegura, "en calquera negociación" sobre "o estudo, renovación ou cambios" dos convenios de 2004 "estará presente o Concello".

Ferreiro amósase satisfeito coa mudanza pola "importancia de que A Coruña estea liderando a anexión dos terreos portuarios á cidade"

No Concello acollen con satisfacción a mudanza pola "importancia de que A Coruña estea liderando a transformación e a anexión dos terreos portuarios á cidade", di Ferreiro, en "contraposición" co anterior "protocolo de intencións", que "non incluía o Concello. Neste sentido o rexedor coruñés resalta que tras os proxectos expostos no foro 'Tecendo litoral', o Concello prevé "continuar o proceso aberto de debate e información coa convocatoria dun concurso público de ideas" para o bordo litoral que "terá nunha das súas patas a creación dun xurado institucional" e "no que participará tamén a cidadanía".

"Convidei o delegado a participar" nese xurado, anuncia Ferreiro, quen avanza que ese convite xa foi cursado e "aceptado" polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. "Así se fará tamén con outros axentes e representantes de institucións como a Autoridade Portuaria ou Puertos del Estado", ademais de a todos os grupos da corporación municipal, especifica.

 

Ferreiro e Losada, durante o encontro en María Pita © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.