Portos do Estado advirte á Coruña: "Non temos ningunha vocación de facer cidade, queremos pagar débedas"

Instalacións portuarias na Coruña © Turismo de Galicia

Os terreos portuarios marcaron a evolución urbana da Coruña durante toda a súa historia como cidade e foron esenciais na súa configuración contemporánea coas grandes obras dos peiraos emprendidas dende os primeiros anos do século XX. A operación urbanística que tivo o seu xermolo no Consello de Ministros celebrado na cidade o 24 de xaneiro de 2004, no que o Goberno de Aznar aprobou o Plan Galicia e dentro del deu luz verde á construción do porto exterior de Punta Langosteira, marcará o desenvolvemento do bordo litoral coruñés no século XXI. Esta circunstancia que semellaba innegable para todas as Administracións implicadas recibiu hai poucos días un matiz dun dos protagonistas do proceso, Portos do Estado, cuxo presidente, Jose Llorca, deixou claro que a influencia urbanística que teña a venda dos actuais peiraos resulta irrelevante para o ente que dirixe. A súa vontade só pasa por xuntar cartos dabondo para poder afrontar as débedas xeradas, precisamente, para construír o porto exterior.

O calendario parlamentario provocou que, apenas vinte e catro horas despois de asinar coa Xunta -sen previo aviso ao Concello- o protocolo que abre a porta á privatización de ata o 80% dos actuais terreos do porto interior, Llorca tivese que acudir ao Congreso para explicar os orzamentos de Portos do Estado para este ano. Na comisión de Fomento a deputada de En Marea Alexandra Fernández acusouno de acudir á Coruña "para asinar a transformación dunha boa parte do litoral coruñés" con "deslealdade" cara ao Goberno local. "Deixaron fóra o consistorio pola simple razón de que non son do seu partido" e con independencia de que sexa "quen detenta as competencias urbanísticas". Castigan, acusou, a veciñanza que "desexa un futuro alternativo ao da especulación" e tornan o remate da operación iniciada en 2004 nunha peza da "campaña do seu partido" cara ás municipais de 2019.

O presidente de Portos do Estado define como "absolutamente bo" o acordo rubricado coa Xunta para a venda dos peiraos e multiplica os "agradecementos" a Feijóo por comprometer 20 millóns públicos para mercar terreos

A reclamación de Fernández sobre a necesidade de non "fragmentar" o bordo litoral coruñés e tratalo de xeito integral para "traballar polo interese colectivo dende unha visión de cidade" bateu coa displicencia de Llorca na súa resposta. "Os portos -advertiu á deputada- non temos ningunha vocación de facer cidade". A intención da venda do porto da Coruña non é outra que "xerar os recursos que correspondan para pagar as débedas que temos" e polo tanto non pensan recuar máis do que xa o fixeron ao desistiren de venderen tamén os terreos da Solana. "Aceptamos mantelo" na "titularidade pública" por mor do "sentir dos cidadáns", dixo tras matizar que non lle agrada falar de "presión cidadá" nas mobilizacións que a cidade viviu ao respecto.

"Antes de 2020 necesitamos 30 millóns para o servizo da débeda" do porto exterior, advertiu Llorca a Alexandra Fernández (En Marea), que o acusou de "deslealdade"

Segundo o presidente de Portos do Estado o acordo asinado coa Xunta e remitido dous días despois ao Concello xa rubricado é "absolutamente bo" e mantén intacta a intención formulada en 2004 de "financiar" o porto exterior vendendo os terreos do peirao interior. Neste sentido, resaltou Llorca entre xestos de asentimento do deputado ourensán do PP e presidente da Comisión de Fomento, Celso Delgado, que pola súa banda só lle resta "agradecer moito o esforzo que fai a Xunta e o seu presidente, o señor Feijóo", coa súa disposición de "poñer 20 millóns de euros" para "mercar solo portuario innecesario" e así "garantir a titularidade pública deses solos" sen afectar ás "necesidades portuarias" de pagar o porto exterior.

"Antes de 2020 necesitamos 30 millóns de euros para o servizo da débeda" e esa cantidade "pódese obter coa venda do Hotel Finisterre e coa achega da Xunta". Neste sentido, Llorca nega tamén que estea a deixar á marxe "ao resto de Administracións", en referencia ao Concello e á Deputación. "Eu non entendo que sexa desleal", xa que está a "darlles pé" a poñer cartos para mercar terreos que na actualidade xa son públicos, do Porto. "Nada de especulación, todo o contrario", afirma, xa que se o goberno local paga estará a "garantir o uso público dese tema".

Foro sobre o litoral e plataforma cidadá

O Concello insta a Xunta e o Goberno central a "rectificar, agora que están a tempo" e participar no encontro sobre o futuro dos terreos

Os movementos dos gobernos español e galego para a venda dos terreos portuarios da Coruña chegaron a poucos días do foro que, convocado polo Concello, abordará entre os días 27 e 28 deste mes de abril o futuro do bordo litoral con persoas expertas da cidade e tamén con representantes doutras áreas urbanas que experimentaron notables transformacións polo cambio de usos dos seus peiraos, caso de Bilbao ou Valencia. O goberno local "convidou as administracións estatal e autonómica" a participar neste foro, pero dende a reclamación de que "rectifiquen, agora que están a tempo" e "deixar sen efecto" o protocolo para a venda dos terreos como primeiro paso para "retomar as conversas co Concello" en torno a "tres premisas irrenunciables": "a revisión dos convenios de 2004, o tratamento da beira atlántica no seu conxunto, non troceada, e a garantía da titularidade e o uso públicos de todos os terreos portuarios".

A Comisión en Defensa do Común advirte de que o futuro dos peiraos non pode determinarse "sen o Concello e sen escoitar a voz da rúa"

A reclamación de que o Concello sexa parte activa no futuro do bordo litoral coruñés chega tamén dende a Comisión Aberta en Defensa do Común, o colectivo cidadán que vén defendendo a propiedade pública destes terreos cando deixen de ser parte do Porto. A plataforma ultima un programa de actividades "que combina a vertente institucional coa mobilización na rúa" e advirte de que se "reafirma no criterio de que calquera debate sobre o futuro da cidade non se pode facer sen a presenza do Concello, pero tampouco sen escoitar a voz da rúa". Neste sentido, advirte, reivindicará que "a consulta popular aprobada polo pleno do 6 de marzo de 2017 non caia no esquecemento" e insistirá en que "ningún protocolo asinado de costas" ao Concello e á opinión públic a"poida materializarse, porque sería tanto como abdicar da nosa condición de cidadanía responsable".

Llorca (centro), durante a súa comparecencia no Congreso © Puertos del Estado
Alexandra Fernández (En Marea), na comisión de Fomento do Congreso CC-BY-SA En Marea
Dominio Público Imaxes tiradas do sinal institucional do Congreso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.