A empresa reclamara xuros polo atraso en cobrar 3.420 facturas e o Sergas esixiulle certificar as datas nas que llas pagara, o que para o TSXG é "contrarios ao principio de boa administración calidade dos servizos públicos"
O Sergas vén sendo condenado de xeito reiterado a asumir xuros de demora por milleiros de facturas que paga tarde a diversas empresas provedoras, sexan de subministros médicos ou de servizos como os helicópteros de emerxencias. Agora vén de recibir outra sentenza similar que engade novos matices a como de mal está a xestionar o Goberno galego eses atrasos, xa que neste caso esixiu á empresa acredora, para cobrar xuros de 47.000 euros aos que tiña dereito por 3.420 facturas adiadas, que lle xustificase as datas en que ingresara os pagamentos realizados pola propia Xunta.
"O que se lle esixiu subsanar xa obraba nos arquivos do organismo sanitario", salienta o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que considera que o sucedido foi contrario "ao principio de boa administración e á esixencia de calidade dos servizos públicos".
Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza agora feita pública polo TSXG, a empresa provedora do Sergas solicitou en novembro de 2023 que lle pagase 47.390,74 euros en concepto de xuros de demora polo pagamento tardío de 3.420 facturas. A resposta que obtivo do Sergas foi un requirimento para que lle entregase "os xustificantes de cobro das facturas nun prazo de dez días, coa advertencia de que, noutro caso, a tería como desistida" e arquivaría a súa reclamación.
A empresa respondeulle sinalando que na listaxe que xa lle remitira xa figuraban "as datas de cobro de cada unha das 3.420 facturas, datas que o organismo contratante e pagador xa coñecía". Porén, uns días despois o Sergas deu por desistida a reclamación da empresa e arquivouna.
A sentenza lembra que se o Sergas pagara, aínda que tarde, as facturas orixinais "era porque antes realizou as comprobacións pertinentes" e xa non debía requirirlle "que presentara os xustificantes do que o propio organismo contratante xa lle pagara"
A empresa recorreu á xustiza e un xulgado de Santiago deulle a razón o pasado marzo e recoñeceu o seu dereito a cobrar os 47.000 euros de xuros. Pero o Sergas teimou en recorrer ao TSXG para non facelo, e agora este tribunal ratifica que actuou de xeito indebido.
A sentenza do TSXG comeza salientando que se o Sergas pagara, aínda que tarde, as facturas orixinais "era porque antes realizou as comprobacións pertinentes e de iso resultou que as debía". Unha vez pagadas, e coñecedora a propia Xunta da data na que o fixera, "o que se lle esixiu subsanar" á empresa, certificar a data daqueles cobros, "xa obraba nos arquivos do organismo sanitario". Non foi correcto, di o tribunal, "requirirlle que presentara os xustificantes do que o propio organismo contratante xa lle pagara".
O TSXG considera que "o oficio de requirimento de achega do que non era en modo algún necesario e a resolución de arquivo foron contrarios ao principio de boa administración e á esixencia de calidade dos servizos públicos". Un principio que, salienta a sentenza, "impón á administración unha conduta o suficientemente dilixente como para evitar as posibles disfuncións derivadas da súa actuación, ou aquelas que dean lugar a resultados arbitrarios". Así que a sentenza remata confirmando o dereito da empresa a cobrar os 47.000 euros que o Sergas se negou a pagarlle.