O TSXG condena o Goberno galego por obviar datos vitais da muller que xa coñecía e non deixarlle despois achegalos novamente, no marco dun concurso de traslados de 2019 que CSIF criticou por inducir a erro a “centos” de funcionarios
O concurso de traslados convocado pola Xunta en 2019 para o seu funcionariado non comezou a ser resolto ata dous anos máis tarde, en 2021, cando o CSIF denunciou que a aplicación informática habilitada polo Goberno galego inducira a erro a “centos” de empregados públicos que non puideran validar correctamente os méritos que tiñan para acceder ás prazas que lles interesaban. O sindicato tamén criticou que a Dirección Xeral de Función pública tampouco deixou aos afectados corrixir posteriormente eses erros e censurou que “como consecuencia dunha estrepitosa mala xestión, centos de funcionarios de carreira van ver frustradas as súas lexítimas aspiracións de mellorar a súa carreira profesional, as súas condicións económicas ou de poder conciliar a súa vida familiar achegándose ás súas casas”.
Iso é o que lle pasou a unha funcionaria á que agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de dar a razón. A muller consignara no formulario do concurso de traslados que solicitaba que se tivese en conta a súa situación familiar como méritos para obter puntos de conciliación, pero a Xunta denegoullos porque non achegou nese momento a documentación xustificativa nin admitiu que o fixese posteriormente. Porén, o TSXG di que Función Pública si debía aceptar o intento de emenda da muller e que en todo caso era documentación que xa estaba en poder da Xunta.
No concurso de traslados cuestionado a funcionaria que agora vén de ser amparada polo TSXG cubriu o espazo no que se solicitaba que se tivesen en conta determinadas circunstancias vitais e familiares para obter máis puntos por conciliación para un posible cambio de praza. Pero non achegou documentación para xustificalo. Segundo denunciara no seu momento CSIF, iso pasáralle a moitos funcionarios porque a aplicación informática da Xunta era confusa e moitos deran por feito que se xa achegaran antes noutros procedementos ese tipo de documentación a administración xa a tería en conta sen necesidade volver entregala.
A sentenza di que "a posición da Administración neste caso" se "contradí coa adoptada en situacións anteriores" nas que si permitiu corrixir erros e tivo en conta documentación que xa obraba no seu poder
Pero non foi o que pasou. A Xunta denegou a moitos funcionarios esa puntuación por non achegar a documentación acreditativa. E aínda que a muller deste caso a entregou a continuación, Función Pública dixo que xa non era válido. A afectada foi á xustiza e un xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo deulle a razón, pero a Xunta recorreu e agora o TSXG ratifica a sentenza e insiste en que foi a administración a que actuou mal.
A Xunta tentou alegar que a muller xa non podía alegar e achegar posteriormente a documentación xustificativa das súas circunstancias vitais porque iso prexudicaría a outras persoas que o fixeran correctamente nun primeiro momento. Pero o Tribunal Superior di que o feito de que o concurso de traslados sexa un proceso de concorrencia competitiva entre varias persoas polas mesmas prazas “non exime da posibilidade de subsanación, nin implica que esta xere diferenzas inxustificadas ou discriminación entre os participantes” xa que todos terían dereito a esa mesma posibilidade de corrixir erros. Posibilidade limitada a un período de dez días dentro dos que a muller efectivamente presentou a súa documentación.
A Xunta tamén argumentou que o intento de corrección por parte da muller supuña “unha presentación extemporánea de méritos”, pero o TSXG dille que non, que os méritos xa se cumprían no momento en que a muller presentou o formulario e que a propia administración tiña no seu poder a documentación que os xustificaba porque a afectada lla entregara en procedementos anteriores. O tribunal lembra que a lei e a xurisprudencia avalan o dereito da cidadanía a non achegar documentos que xa se atopen en poder da administración.
No seu momento CSIF denunciara que o "farragoso e confuso programa informático provocou que centos de participantes se trabucasen na tramitación electrónica e non validasen os seus méritos correctamente"
De feito, nun anterior concurso de traslados a muller xa achegara algunha documentación como subsanación da súa solicitude inicial e a Xunta a admitira, o que para o TSXG “evidencia que a posición da Administración neste caso contradise coa adoptada en situacións anteriores, sendo o relevante que non existe motivo ou xustificación para non ter por subsanada a achega de documentos”. Así que a xustiza condena a Función Pública a ter en conta o mérito de conciliación familiar a favor da afectada.
No seu momento, cando denunciou o “caos” que se producira no concurso de traslados, CSIF salientaba que “a pesar de que as bases especificaban a necesidade de valorar a posesión de méritos e requisitos, un farragoso e confuso programa informático provocou que centos de participantes se trabucasen na tramitación electrónica e non validasen os seus méritos correctamente, provocando que non fosen tidos en conta”. CSIF criticaba que e ese deseño da aplicación informática xa dera problemas previamente pero que en vez de corrixilo Función Pública decidiu mantelo “a sabendas de que produciría o caos e, con el, a frustración de centos de funcionarios”.
O sindicato tamén alertaba de que, unha vez producidos os erros na validación dos méritos, Función Pública non deixaba resolvelos por aplicar “unha interpretación restritiva” das bases do proceso.