O Tribunal Superior anula unha reorganización de postos de traballo que Política Social xestou durante máis de catro meses para dar só dous días aos sindicatos para estudala e media hora para que desen as súas opinións e desestimalas
“O dereito a ‘negociar’ supón algo menos que o dereito a conseguir ‘acordar’, pero algo máis que o dereito a ‘informar’”. Esa reflexión, tirada da súa propia xurisprudencia, vén de ser incluída polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza coa que condena á Xunta por non negociar cos sindicatos unha reorganización dun cento de postos de traballo na Consellería de Política Social aprobada por ela de forma unilateral en 2021.
O tribunal anula esa modificación e di que coas condicións impostas polo Goberno galego non houbo unha “negociación real”. Isto supuxo unha “vulneración do dereito á liberdade sindical, na súa vertente de negociación colectiva”.
A condena da Xunta polo TSXG agora feita pública é froito dun recurso contencioso-administrativo formulado pola CIG. Segundo a sentenza, os catro sindicatos (CIG, CCOO, CSIF e UGT) foron informados inicialmente nun primeiro encontro o 17 de marzo de 2021 das “ideas” que tiña Política Territorial para modificar a súa Relación de Postos de Traballo (RPT). Naquel momento o tribunal entende lóxico que a Xunta non trasladase aínda ningunha proposta formal aos sindicatos, pero posteriormente constata que foron elaboradas ata dez propostas sucesivas distintas de modificación da RPT, a última e definitiva asinada o 12 de xullo.
Esa proposta non foi remitida aos sindicatos ata o 20 de xullo pola tarde, xunto coa convocatoria para unha reunión de “negociación” da mesma o día 23 ás 11 da mañá. “É evidente”, di a sentenza en referencia á representación sindical, que esta “só dispuxo de 2 días para examinala, cando a modificación da RPT afectaba ás condicións profesionais de 110 postos de traballo, e a propia administración tardara en elaborar a súa proposta definitiva máis de catro meses”.
"As partes 'negociadoras' non xogaban coas mesmas cartas", di a sentenza, que considera que en media hora e con catro sindicatos presentes “dificilmente poden aglutinarse a exposición da proposta, as opinións previas dos asistentes e, en definitiva, unha negociación real”
Pero a crítica xudicial vai máis alá e lembra “ademais que nesa mesma reunión tratábase de ‘negociar’ outras catro propostas de modificación de Relacións de Postos de Traballo e dous procesos de selección” en diversas consellerías. “A ninguén escapa que, nesa situación, as partes ‘negociadoras’ non xogaban coas mesmas cartas, o cal foi denunciado non só pola CIG senón tamén polas restantes centrais sindicais”, di a sentenza, que calcula que se “a reunión durou 3 horas e 25 minutos” houbo nela “aproximadamente, 30 minutos por cada punto da orde do día”.
“Novamente observamos a diferenza temporal respecto dos máis de catro meses en que a Administración tardou en elaborar a proposta definitiva”, censura o tribunal, quen conclúe que “dificilmente, en tan escaso período de tempo, poden aglutinarse a exposición da proposta, as opinións previas dos asistentes e, en definitiva, unha negociación real”.
O TSXG lembra a súa propia xurisprudencia e di que “o dereito a ‘negociar’ supón algo menos que o dereito a conseguir ‘acordar’, pero algo máis que o dereito a ‘informar” e que “nas mesas de negociación hanse de debater todas as propostas, e negociar significa propoñer cuestións, modificar criterios, apuntar solucións ou problemas, detallar elementos, en fin, negociar significa propoñer e tratar todo o amplo abano de opcións que poidan propoñerse e tratarse ante un concreto punto de debate”. Porén, di o tribunal, á CIG, igual que ao resto de sindicatos, “non lle foi permitida a opción de negociar nos amplos termos que o concepto ‘negociación’ esixe entender e interpretar”.
O TSXG di que a ausencia dunha "negociación real" supuxo unha “vulneración do dereito á liberdade sindical, na súa vertente de negociación colectiva”
Tras esa reunión do 23 de xullo aínda habería outra da Comisión de Persoal catro días despois, o 27, pero esta, di o tribunal, “carecía de contido negociador e tampouco podía chegar a telo, xa que dito órgano da Administración é alleo aos procesos de negociación, en canto só cumpre funcións de asesoramento e coordinación de cara á negociación propiamente dita”. Nesa reunión, engade o TSXG, só se votou a proposta da Xunta, co voto en contra dos catro sindicatos. “Pese a iso, o director xeral de Función Pública declarou aprobada a proposta cos votos en contra citados”, conclúe a sentenza.
A resolución xudicial anula así a modificación de postos de traballo impulsada pola Xunta e condena a esta a asumir as costas xudiciais ata un máximo de 1.500 euros.