"Non hai médicos". As carencias de persoal médico no Servizo Galego de Saúde non teñen unha única causa. A Xunta sinala o Estado mentres oposición, sindicatos e persoal advirten dunha confluencia de factores que van dende as condicións laborais ata a vaga expansiva dos recortes da pasada década e da pandemia da COVID-19, un cóctel que derivou nos últimos meses nun incremento das protestas cidadás e profesionais e tamén nun aumento dos movementos do Goberno galego no sector para tentar frear a crise en vésperas dun intenso ciclo electoral.
O TSXG condenou a Xunta a instancias do sindicato O'Mega por "vulnerar os dereitos" deste persoal médico ao "incumprir coas súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais" e "valoración da carga de traballo"
Con este pano de fondo, o pasado mércores irrompía no panorama unha sentenza condenatoria contra a Xunta e o Sergas ditada o pasado 29 de novembro pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En resposta a unha demanda de conflito colectivo interposta polo sindicato Médicos de Galicia Independientes (O'Mega), o alto tribunal galego sentenciou que o departamento sanitario da Xunta "vulnerou os dereitos dos médicos de Atención Primaria e pediatras" ao "incumprir coas súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais, de valoración da carga de traballo" e "avaliación dos riscos dos seus postos".
Un indicador útil para coñecer a magnitude da sentenza é a dimensión do propio colectivo afectado, algo máis de 2.200 profesionais no momento da demanda. A condena implica non só a constatación da vulneración de dereitos, senón tamén a obriga para o Goberno galego de "efectuar de forma inmediata a preceptiva avaliación de riscos laborais, incluíndo específica e concretamente a valoración psicosocial de ditos postos de traballo". A este aspecto é precisamente ao que se aferra a Xunta para restar importancia á condena. Esa avaliación, alegou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pouco despois da publicación da sentenza nunha gravación remitida aos medios, "xa se está a facer".
Alén da xurisprudencia, o alto tribunal galego sustenta en gran medida o seu ditame en actuacións en 2019 e 2020 da Inspección de Traballo na provincia da Coruña, que nunha dilixencia do pasado outubro de 2022 á que tivo acceso Praza.gal acreditaba un "incumprimento xeneralizado da normativa preventiva vixente en relación coa realización das avaliacións de riscos psicosociais" entre este persoal do Sergas, que xa se abordaran anteriormente -a sentenza data unha en 2006-. As inspeccións, di a sentenza, comprobaron "a presentación dunha enquisa de clima laboral" para "avaliar factores de risco psicosocial", a cal "non pode considerarse suficiente para dar cumprimento á normativa".
Enquisas "que xa se están a facer" e un "cronograma" que ata finais de 2023
A esas enquisas referíase o conselleiro Comesaña na devandita valoración. A data do pasado 7 de decembro, destaca, "xa realizaran a enquisa o 45%" dos membros do cadro de persoal de todo o Sergas. "Despois de realizala, farase un proceso de avaliación, presentarse un informe de conclusións" e chegará a "nova fase de posta en marcha das medidas". Daquela, "o que nos di" a sentenza é "que temos que facer unha enquisa que xa estamos a facer", afirma nun contexto no que os servizos xurídicos das Xunta, avanza, "estudan" a posibilidade de presentar un recurso contra o ditame do TSXG. Este xoves, en declaracións á Radio Galega, a directora de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, puña o foco en que a sentenza se refire a un período marcado pola pandemia da COVID e anteriormente, destacou, si se avaliaran estes riscos psicosociais.
O conselleiro de Sanidade confirma que a Xunta valora recorrer a condena e esgrime que "xa se está a facer" a enquisa incluída no plan para aplicar novas medidas fronte a riscos psicosociais do persoal do Sergas, cuxo cronograma chega a finais de 2023
Os pasos resumidos por Comesaña están reflectidos nun documento, o Cronograma do proceso de avaliación de riscos psicosociais do Sergas, aprobado recentemente na Comisión Central de Seguridade e Saúde do Sergas, a que O'Mega non ten representación. Ese cronograma, ao que tamén puido acceder Praza.gal, leva a realización do inquérito ata finais de decembro deste 2022 e estende a "análise preliminar dos resultados" ata febreiro do ano vindeiro. A continuación viría a "creación de grupos focais de traballo" para "clarificar a interpretación dos resultados" e "traballar nas propostas de medidas", as cales se reflectirán nun informe de resultados e propostas que Sanidade prevé ter entre xuño e setembro de 2023. Daquela, para as novas medidas falta, como mínimo, practicamente un ano.
Alén dos riscos psicosociais, O'Mega tamén reclamaba que o TSXG declarase que o Sergas "vulnera os dereitos fundamentais á saúde e á integridade física e psíquica" do persoal médico de Atención Primaria. O alto tribunal non accedeu a esa segunda petición porque implicaría entrar na "determinación da carga de traballo de cada médico, tempos de atención" ou "axendas", cuestións que, exceden o propio procedemento e que corresponden a negociacións en eidos como a Mesa Sectorial de sanidade, na que o sindicato tampouco ten representación.