Os datos máis recentes do INE indican que en Galicia hai algo máis de 15.000 médicas e médicos colexiados. A cifra ascende ata case 17.000 contando persoal de psicoloxía. Segundo datos do Ministerio de Sanidade, o persoal facultativo que traballa na sanidade pública galega está formado por 9.713 profesionais (arredor de 3,6 por cada 1.000 habitantes, unha décima por riba da media do Estado).
A compatibilidade do persoal médico que traballa na pública e na privada volveu á actualidade tras a xuntanza do presidente da Xunta e do conselleiro de Sanidade co Consello de Colexios Médicos
Eses totais son relevantes antes de abordar outra cifra, a do persoal médico que compatibiliza o traballo no Servizo Galego de Saúde co exercicio da medicina privada, xa sexa por conta propia ou ao servizo dunha empresa. Son arredor de 1.400, segundo a última información dispoñible. Esa compatibilidade vén de regresar á actualidade tras a recente e controvertida xuntanza do Consello Galego de Colexios Médicos cunha representación da Xunta ao máis alto nivel, encabezada polo presidente, Alfonso Rueda, en plena vaga de protestas sanitarias ao remate dun ano no que o Goberno galego concedeu algo menos dun cento destas compatibilidades.
Segundo o fixado na lei de transparencia estatal (2013), a Xunta ten a obriga de facer públicas as resolucións de compatibilidade que concede ao seu persoal de todos os departametnos tanto para traballar no eido público como no privado. Esa publicación prodúcese dende finais de 2015 e nestes case sete anos suma 1.973 autorizacións. Atendendo só ao persoal médico, no que vai de 2022 (ata o 29 de novembro), concedeu case 90 autorizacións, as transcritas na táboa interactiva sobre estas liñas. Gran parte delas correspóndense con persoal da categoría de facultativo adxunto especialista.
Sanidade comprometeuse a "flexibilizar" as compatibilidades. A aspiración dos colexios é que profesionais que se acollen a elas poidan cobrar o complemento de 800 euros que agora ingresa o persoal que exerce só no Sergas
A razón pola que estas compatibilidades, reguladas no esencial a través dunha lei estatal de 1984, regresaron á actualidade é porque nesa xuntanza a Xunta se comprometeu a "flexibilizar" os requisitos para concedelas. Sobre a mesa, segundo transcendeu, están cuestións como as compatibilidades denegadas para exercer en hospitais privados que manteñen concertos co propio Sergas ou outras de tipo territorial. Non obstante, a aspiración última das entidades colexiais vén sendo que este persoal médico que traballa tanto na pública como na privada deixe de ter vetado o cobro do complemento de algo máis de 800 euros mensuais que perciben médicas e médicos que exercen só na pública.
"Non melloraría para nada a pública e favorecería os privados"
A posibilidade de que o persoal médico do Sergas que traballe na privada poida acabar accedendo a ese complemento ata agora reservado ao que só exerce na pública é rexeitada abertamente pola Asociacion Galega para a Defensa da Sanidade Pública, un dos colectivos integrados en SOS Sanidade. Facelo, advirten, "non melloraría para nada a situación crítica da Atención Primaria", clave na actual vaga de protestas, e ao tempo "favorecería os hospitais privados, proporcionándolles profesionais do sistema públicos a baixo custo".
A xuízo da AGDSP, tomar unha medida coma esa -o conselleiro, polo momento, só puxo o foco na devandita "flexibilización"- tamén "favorecería as corruptelas" ao deixar o persoal médico "con dobre dedicación" a "posibilidade de desviar pacientes á privada" e implicaría, ao tempo, "suprimir o único incentivo ao persoal para traballar só nos centros públicos". Ademais, advirten, implicaría "discriminar o persoal con dedicación exclusiva" mentres o que traballa tamén na privada vería incrementada as súa remuneración.
"Profundo malestar" nos Colexios Médicos por ligalos a posibles peches
Xunto coa cuestión das compatibilidades, outras dos asuntos que transcenderan da devandita xuntanza foi que o Goberno galego se comprometera a estudar unha "reestruturación territorial da Atención Primaria", isto é, fusións ou agrupamentos destes servizos (mesmo peches) para paliar a falta de persoal facultativo. A iniciativa, insistiu o conselleiro, partira dos representantes dos colexios médicos.
Esas declaracións provocaron o "máis profundo malestar e rexeitamento" no organismo que agrupa os catro colexios médicos galegos e así o fixo saber a través dun comunicado remitido aos medios. "En ningún caso son responsabilidade dos Colexios Médicos decisións como un eventual peche ou reorganización dos PAC" e "estas medidas, de ser tomadas, corresponden en exclusiva ás autoridades sanitarias competentes", advirten.
O Consello Galego de Colexios Médicos insta o conselleiro a asumir as súas "responsabilidades" con "valentía e solvencia" e rexeita que lle atribúan posibles peches de centros de saúde
"O noso labor", sinalan os colexios, é "defender a calidade e idoneidade na prácticas profesional", o cal é "incompatible con axendas de traballo de 60 ou máis pacientes na xornada habitual", unha "fraude asistencial" como "manter PACs só con enfermaría". Ese, abondan, foi "o contexto no que se debateu a actual organización do traballo e ordenación territorial da Atención Primaria", marcada por unha "discordancia entre recursos humanos e dispositivos asistenciais" que "require cambios e adaptacións".
Segundo o Consello de Colexios Médicos, eses cambios pasan por afrontar con "valentía e solvencia a deriva asistencial negativa que nos últimos tempos se aprecia na sanidade pública" galega. "Como os informes dos expertos en xestión sanitaria levan dende hai anos formulando", continúan, as mudanzas "inclúen a necesidade da reorganización" e "reparto equilibrado das cargas asistenciais", adaptándoa "ás necesidades poboacionais e xeográficas". "Este Consello está acostumado a asumir as súas decisións aínda que poidan ser nalgunha medida impopulares, pedimos que a Consellería de Sanidade e o seu conselleiro fagan os mesmos actos de responsabilidade que son propios da súa función", advirten.