"Reto a que se diga quen dixo que non ía haber médicos no PAC". Quen fala é o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ante o balbordo creado despois de que a área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, actualmente dirixida polo anterior xerente do Sergas, José Flores, confirmase a súa intención de formar o persoal de enfermaría para poñerse á fronte da primeira atención nos Puntos de Atención Continuada (PAC) no caso de que non contasen con profesionais médicos.
Esta é a orixe da controversia que vén de abordar o Consello Galego de Colexios Médicos, recollendo o sentir das catro organizacións médicas provinciais. "Asistimos atónitos á noticia" de que na área sanitaria pontevedresa "se están deixando varios Puntos de Atención Continuada atendidos só por enfermeiras", aseguran dando esta circunstancia por confirmada e que "para isto se comezará formar o persoal de enfermaría dos PAC para actuar cando non haxa médicos na quenda".
Os Colexios Médicos non están satisfeitos con que Comesaña encadre esta formación nun contexto "rutineiro", sen maiores consecuencias. A mera posibilidade de que persoal de enfermaría teña que quedar só nos PAC sería "unha medida non axustada a Dereito" por "vulnerar diversas normas e ser contraria á xurisprudencia sobre a materia", advirten, ao "concederen ao persoal de enfermaría competencias que non están actualmente recollidas en ningunha norma vixente" e que "pertencen ao persoal médico".
"Reto a que se diga quen dixo que non ía haber médicos no PAC", di o conselleiro de Sanidade, que encadra a formación do persoal de enfermaría na área de Pontevedra nun contexto "rutineiro" e atribúe a controversia ao "interese" de "algúns" por "contaxiar" a Galicia o conflito sanitario de Madrid
"Crearíase -abondan- unha gravísima situación, cuestionable no plano xurídico e ademais inútil para resolver as disfuncións actuais". Os equipos de Atención primaria compostos por médicas e médicos e mais persoal de enfermaría, sinalan, foron "a base do éxito e da eficiencia deste nivel asistencial durante moitos anos" e "separalos supón unha clara diminución da calidade asistencial". O Consello de Colexios Médicos di ser "coñecedor do complexo problema que supón a falta ou déficit" de persoal médico en "determinadas especialiaes", pero "non se deben tomar atallos ilegais para solucionalos".
A visión do conselleiro é ben diferente. A cuestión da formación do persoal de enfermaría na área pontevedresa "transmitiuse o xoves" pero "dende o domingo é trending topic", en referencia a unha maior repercusión que, ao seu xuízo, responde á intención de ligar os problemas da sanidade galega coa multitudinaria manifestación celebrada en Madrid contra a xestión sanitaria do Goberno do PP nesa comunidade autónoma. "Algúns", coida, teñen "interese" en que o conflito madrileño "se contaxie" a Galicia. Pero o certo, di, é que esa formación "se fai todos os días, todos os meses do ano" e non responde á intención de "substituír" persoal médico por persoal de enfermaría.
A cuestión foi abordada este xoves tamén dende a delegación galega do Sindicato de Enfermería SATSE. "As profesionais da enfermaría estamos sobradamente capacitadas e cualificadas para asumir o noso traballo nos PAC" e "tomar decisións" como, por exemplo, "valorar cando debemos derivar ou non un paciente ao seu médico de Atención Primaria ou a Urxencias por medio do 061". Non obstante, advirten, "isto non significa que non sexan necesarias medidas garantistas que nos avalen á hora de asumir esta responsabilidade", tales como dispoñeren "dunha liña directa co 061" e contaren nos Puntos de Atención Continuada cando menos con dous efectivos de enfermaría e nunca cunha única profesional.