Dos centros de saúde aos hospitais, pasando polos PAC, as consultas de Pediatría están desbordadas coa volta da temporada de virus respiratorios que comezou en outubro. Desde a chegada da pandemia, a gripe A e o virus sincitial respiratorio volven circular con maior intensidade
Domingo, 30 de outubro. Porta de urxencias pediátricas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Un cativo con febre moi alta entra acompañado do seu pai, identifícano coa pulseira e a continuación tería que pasar pola triaxe –o paso no que se decide quen ten que ser atendido primeiro avaliando os riscos de cada caso–. Ese momento, a primeira vez que o ve un profesional sanitario, chega 45 minutos despois; e en apenas cinco minutos é atendido por un médico ao valorarse na triaxe que a súa atención é prioritaria.
Xoves, 3 de novembro. Unha pediatra do centro de saúde Concepción Arenal de Compostela remata a súa consulta pasadas as tres da tarde tras ver a 53 nenos e nenas na quenda de mañá. Atendeu 19 doentes urxentes. No centro hai sete especialistas en Pediatría, pero un permanece de baixa e nunca foi substituído, dous días á semana hai unha pediatra que prolonga a súa xornada para ver aos doentes deste cupo. Recentemente, outro pediatra solicitou a baixa laboral debido á sobrecarga asistencial que están a sufrir, os seus pacientes repártense a partes iguais entre os seus compañeiros.
Dos centros de saúde aos hospitais, pasando polos PAC, as consultas de Pediatría están desbordadas coa volta da temporada de virus respiratorios que comeza co inicio do curso escolar e abrangue o inverno. Unha "novidade" desde que comezou a pandemia da COVID-19, pois explican que os virus respiratorios volven circular con maior intensidade, é o caso da gripe A e do virus sincitial respiratorio (un dos causantes da bronquiolite) que afecta sobre todo ás crianzas de menor idade. Unha pediatra de atención primaria e outra de hospitalaria debullan para Praza.gal as eivas do día a día desde a consulta.
"A gripe A está circulando alegremente, como pasaba hai anos. Temos a vantaxe de que este ano a partir dos seis meses están vacinándose"
"Se a demanda é infinita como se garante a calidade asistencial? Se todo o que entra pola porta tes que velo é imposible", pregúntase esta especialista en Pediatría de Santiago. "Non recordo unha temporada tan mala de traballo desde o ano 1998 –conta–. Desde que comezou outubro é o peor momento. Foi o inicio escolar, volvéronse xuntar as crianzas, xa hai festas de aniversario, fin de semana de Halloween, etc. e os virus comezan a circular. A gripe A está circulando alegremente, como pasaba hai anos. Temos a vantaxe de que este ano a partir dos seis meses están vacinándose da gripe, que para os maiores tamén vai ser unha protección. Pero nós estamos absolutamente desbordados. No mes de outubro estivemos vendo 50 nenos ao día, un par deles tiveron que ingresar porque tiñan outras patoloxías engadidas, pero a maioría están controlados na casa –algúns con febres altas uns días, pero cando lles baixa están contentos e activos–".
Desas 19 urxencias que esta pediatra atendeu en Santiago na mañá do día 3 considera que ningunha era unha verdadeira urxencia. Consciente de que en moitos casos estes doentes acoden como urxentes ante a imposibilidade de conseguir unha cita, pois este xornal puido comprobar varios casos de nenos e nenas que teñen que agardar entre dez e catorce días para seren atendidos polo seu pediatra, esta profesional sanitaria ve como un perigo a saturación da atención urxente.
″O outro día tiven 41 nenos e cando me veu unha urxencia real case me morre o neno na consulta. Vino cedo porque mirei o que tiña pendente e pedín que me pasaran primeiro aos bebés para que non estiveran no medio de todo isto. Pero se chega a morrer na sala de espera porque eu ía con atraso? Tiven que trasladalo eu na ambulancia porque a medicalizada estaba ocupada, e ao volver vin aos trinta nenos que tamén estaban alí agardando″, exemplifica.
"Precísanse campañas a nivel das Administración públicas para explicarlle á xente como facer un bo uso dos recursos sanitario"
Co uso das máscaras e as restricións da pandemia estivemos menos expostos aos virus e "o noso organismo desadestrouse", pero a cuestión a ter en conta, segundo argumenta esta pediatra de atención primaria, é que os virus sempre deron febre e un pouco de malestar. "Todo proceso catarral ten unha duración determinada e a gripe existiu sempre. O que non pode ser é que por un catarro cunha febre que non é alta, cun estado xeral bo e cun neno que está comendo ti o leves varias veces urxente. Falta educación sanitaria, eu levo vinte anos facendo educación individual e penso que non é eficaz, pero a xente coa COVID quedaba na casa. Precísanse campañas a nivel das Administracións públicas para explicarlle á xente como facer un bo uso dos recursos sanitarios", defende.
"Traballamos a mínimos para máximos". A voz desta pediatra, di, representa aos compañeiros e compañeiras do seu centro de saúde, como pode representar aos de tantos outros por toda Galicia. "Vas traballando cunha presión asistencial tan brutal que costa non ter medo a cometer un erro, a que se che escape algunha cousa importante. A sorte que temos é que o ambiente entre nós [as e os profesionais] é moi bo. O que salva a este sistema sanitario é que temos unha profesión moi vocacional e que a gran maioría temos a vontade de sacar as cousas adiante, senón isto era inabordable", debulla esta especialista que exerce en Santiago.
Xoves, 3 de novembro. Urxencias do Hospital do Barbanza. A pediatra Marián Rodríguez está de garda, advirte de que nas urxencias hospitalarias hai os mesmos recursos que antes da pandemia, mais apunta que esa tarde no PAC de Ribeira, a vila de maior densidade de poboación da comarca, non hai médico. Ademais, a pediatra do centro de saúde da Pobra do Caramiñal está de vacacións e o Sergas non a substitúe. "Aínda que no hospital eu teña o persoal habitual, se no PAC de Ribeira non teño médico pola tarde, evidentemente van vir máis pacientes aquí. E se non hai pediatra na Pobra, aos máis pequenos os van mandar aos pediatras de Ribeira, que xa están desbordados cos seus. Así que chegarán máis nenos ao hospital porque non é o mesmo ver 30 nenos nunha mañá que 70", salienta.
Mentres en Pediatría de Atención Primaria o que máis abundan son os casos de gripe A, nos hospitais loitan contra o virus sincitial respiratorio. Marián Rodríguez explica que desde 2019 non houbo unha temporada de virus como a actual, pois o ano anterior á chegada do coronavirus houbo unha menor incidencia do virus sincitial, non actuou de forma epidémica. Porén, desde outubro recuperouse a súa presenza con forza. "A xente que leva dous ou tres anos traballando en planta non sabe como é isto, pero as enfermeiras máis veteranas xa prognosticaron que cos casos de nenos que estamos a ter, nunhas semanas teremos o hospital petado de adultos con problemas respiratorios", explica.
"O sincitial é un virus que evoluciona rápido e pode empeorar, entón, hai nenos aos que tes que poder seguir para valorar a evolución"
Con estes virus, sobre todo no caso dos bebés, precísase tempo para valorar a súa evolución e se hai que ingresalos. "A dificultade respiratoria dun neno pequeno é difícil de valorar. Independentemente do número de nenos e nenas que veñan, a min esta época créame máis carga de traballo porque hai un grupo deles que me dan máis traballo. O sincitial é un virus que evoluciona rápido e pode empeorar, entón, hai nenos aos que tes que poder seguir para valorar a evolución", conta Marián Rodríguez, pediatra no Hospital do Barbanza e delegada da CIG, quen explica que en moitos casos nos PAC ou nos centros de saúde os profesionais non dispoñen desa marxe para ver a un neno ou nena nunha segunda exploración.
No servizo de Pediatría nos hospitais tampouco hai substitucións e os profesionais teñen que repartirse as gardas dos compañeiros ausentes. "Chega un momento no que non podes asumir tantas gardas, isto pasa sobre todo nos hospitais pequenos porque se mantén o número de profesionais a costa de que os que están teñen que facer máis horas. Pero chega a un punto, coa idade, no que o corpo xa non o leva igual. Facer oito gardas nun mes coma este faise moito", argumenta Rodríguez.
As pediatras relatan que con menos pacientes poderían atender mellor aos nenos e nenas asmáticos, sacar adiante lactancias que fracasan ou detectar antes casos de autismo. Aínda que haxa menos nenos e nenas, pola crise de natalidade na que estamos inmersos, os coidados que se requiren para as crianzas son maiores, pois hai moitos máis bebés prematuros e cativos con enfermidades crónicas.