A Illa da Toxa, no concello do Grove, acolleu desde o pasado xoves e ata este sábado a cuarta edición do Foro La Toja, conclave que une importantes persoeiros da política e da economía estatal e mundial e no que participaron o rei Felipe VI, os ex-presidentes españois Felipe González e Mariano Rajoy, o líder do PP, Núñez Feijóo, ou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto aos seus homólogos en Andalucía ou a Comunitat Valenciana. Tamén, por videoconferencia, o xefe do Executivo central, Pedro Sánchez.
Mentres os focos apuntaban o Gran Hotel La Toja, a pouca distancia, centos de veciños da localidade saían á rúa convocados pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Grove contra os "recortes" da Xunta e por unha atención sanitaria "digna". Protestaban pola falta de médicos e de cobertura sanitaria no centro de saúde e lembran que hai xa varias semanas que non se dan citas para as consultas de Atención Primaria pola escaseza de persoal e a sobrecarga.
Cos focos apuntando ao Foro La Toja, a poucos metros centos de veciños manifestáronse dous días seguidos para "esixir atención sanitaria digna"
A plataforma convocante e a cidadanía denuncian, ademais, que non hai pediatra para atender os máis pequenos e que mesmo hai días que o PAC carece de médico, algo que foi habitual en varias xornadas no pasado verán. A veciñanza mobilizouse e arredor dun milleiro de persoas saíron á rúa o pasado xoves nunha localidade duns 10.000 habitantes.
O éxito levou a repetir a manifestación o venres, aproveitando tamén a presenza do ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do actual xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda. Na primeira xornada, a presenza do rei e o aumento da seguridade limitou a protesta a unha concentración que cortou unha das rúas que dá acceso á Toxa. O venres, varias das persoas convocantes achegáronse todo o posible ao lugar onde se celebra o foro económico, ademais de cortar a entrada á illa. Unha pancarta resumía a demanda: "O Grove esixe atención sanitaria digna".
"Rueda escoita, O Grove está en loita", "menos policía e máis sanidade" ou "onde está a TVG" foron algúns dos cánticos máis repetidos nunha mobilización onde numerosos carteis lembraban que a localidade se atopa "sen urxencias nin atención primaria".
"Queremos médicos!", berraban veciños e veciñas ante o cordón policial que a Garda Civil colocou para evitar que se achegasen ao hotel onde se celebra o Foro La Toja, que este sábado acolleu a Josep Borrell, alto representante da UE para Asuntos Exteriores. "Sen pediatras, ata cando?", rezaban algunhas pancartas. Outras reclamaban especialistas "para os netos".
"Sen pediatra e sen urxencias"
"Levamos máis dun ano coa axenda pechada, abrindo e cerrando segundo a dispoñibilidade. A situación non é de agora", denuncia un veciño. Os primeiros problemas graves con pediatría, recordan no Grove, chegaron en decembro pasado, cando o centro de saúde quedou sen especialista. No verán de 2021, engaden, xa foron moitas as semanas "cun só médico". A fin de semana pasada, segundo denuncian, a ausencia do doutor no PAC obrigou a chamar un helicóptero para trasladar un veciño cun ataque ao corazón. Só o puido atender unha enfermeira.
As protestas, de toda a comarca, desembocarán nunha gran marcha prevista o vindeiro 14 de outubro en Vilagarcía. O malestar é tal que mesmo o PP do Grove votou a favor no pleno municipal dunha moción que pide apoio para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que impulsa a plataforma reclamando melloras na Atención Primaria e á mobilización comarcal, solicitando que os gobernos locais se impliquen para facilitar a asistencia da veciñanza. A iniciativa tamén "rexeita as medidas postas en marcha pola Xunta que están a a precarizar e desmantelar o Servizo Galego de Saúde". Pola contra, en Sanxenxo, os populares votaron en contra do mesmo texto.
Precisamente, a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés anunciou que contará con 18 novos médicos especialistas de Atención Primaria froito da oferta pública de emprego realizada pola Xunta. Haberá incorporacións a centros de saúde de Moraña, Vilaboa, Cambados, Ribadumia, María, Sanxenxo, Vilagarcía e, tamén, no Grove.