BNG e PSdeG urxen a Rueda solucións ao "caos" e o "colapso" da sanidade pública galega

Xente na sala de espera dun centro de saúde en Galicia CC-BY-SA Xunta

"Caos sanitario", "colapso", "experiencias dramáticas" ou "gravísima situación". Son algunhas das palabras nas que coinciden BNG e PSdeG para definir o momento polo que pasa a sanidade pública galega. A oposición parlamentaria coincide en demandar á Xunta un "plan de choque" para "resolver un problema de país" que se está a agudizar pola falta de persoal e as conseguintes na asistencia médica. 

BNG e PSdeG coinciden en advertir do "caos" e o "colapso" que afectan á sanidade pública galega e piden "medidas urxentes"

Xa este pasado luns, a portavoz parlamentaria de Sanidade Hospitalaria do Bloque, Iria Carreira, amosou a "fonda preocupación" da súa formación polo “caos sanitario” no que di se atopa Galicia e que, segundo recalcou, esixe "a posta en marcha de medidas urxentes que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, debe concretar no Parlamento galego".

Por iso, lembrou que o BNG xa ten solicitada a comparecencia urxente do presidente na Cámara para que dea explicacións polo triste falecemento dunha muller en Baltar, Sanxenxo, logo de solicitar o servizo dunha ambulancia que non chegou a recibir. “O presidente da Xunta ten que dar conta do sucedido e tamén ten que dar conta do caos sanitario que está atravesando Galiza e explicar cales son as medidas que se van poñer en marcha para solucionar esta crise que ten ao noso sistema sanitario nunha situación de grave colapso”, incidiu.

Iria Carreira, portavoz parlamentaria de Sanidade do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Só un día despois, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle a Rueda unha xuntanza para "analizar e acordar unha solución ao colapso sanitario de Galicia". Así o dixo nunha rolda de prensa logo de manter unha xuntanza co presidente e a vicepresidenta da entidade de economía social Cegasal.

"Rueda ten que dar conta do caos sanitario que está atravesando Galiza e explicar cales son as medidas que se van poñer en marcha", di o BNG

O líder dos socialistas galegos fixo un chamamento a manter un encontro político ao máis alto nivel para “facer unha reflexión conxunta” que permita “resolver un problema de país” de primeira orde para “quen sofre unha doenza, que non é un actor político, é unha persoa que ten unha dor e que necesita ser curada”.

Ao igual que o BNG, o PSdeG urxe ao presidente da Xunta a "asumir en primeira persoa a solución á situación sanitaria" logo do falecemento este verán dunha paciente no PAC de Sanxenxo, un municipio que, sinalou, neste momento “non acepta consultas polo colapso sanitario”. A situación vivida este verán no que cualificou como o Concello “das ocorrencias sanitarias” -en referencia ao acordo para ofrecer pisos gratis a médicos vidos de fóra- é a mostra, dixo, que "evidencia a situación dramática da sanidade galega”.

“As ocorrencias non valen para resolver o problema”, reiterou Formoso, que lembra que os galegos e galegas "teñen que agardar entre 14 e 25 días" para unha cita co médico de cabeceira, e que aumentan ata “entre 7 e 10 meses para facer unha mamografía ou unha ecografía”. 

O PSdeG acusa a Xunta de desatender o "enorme problema" que a sanidade galega arrastra "desde hai tempo"

Formoso criticou tamén que a Xunta deixe desatendido este “enorme problema” que a sanidade galega arrastra “dende hai tempo”, con 976 profesionais sanitarios menos na atención primaria que no ano 2008. Lembra que, en contra da proposta socialista de aumentar o orzamento en sanidade un 10%, o PP e o Goberno galego “decidiron baixar un 2% o orzamento para o ano 2022”.

Valentín González Formoso, durante a súa xuntanza en Cegasal CC-BY-SA PSdeG

Pola súa banda, desde o BNG, Carreira advertiu que o sucedido en Sanxenxo é “un feito gravísimo” que se vén sumar a outros casos previos “porque non é a primeira vez que sucede algo similar”. Así, advertiu da "gravísima situación que atravesa a sanidade pública galega despois de máis dunha década das políticas do PP”, para alertar a continuación sobre o "colapso dos servizos de urxencias que se repite sistematicamente en todos os hospitais do país" ou unhas listas de espera desbordadas, “sen que exista ningún plan específico para a súa redución”.

A deputada nacionalista recordou neste sentido que as últimas listas publicadas polo Sergas, a 31 de decembro de 2021, rexistraban xa máis de 40.000 pacientes agardando por unha cirurxía -“das cales máis de 500, levan agardando máis dun ano”, incidiu-, mentres que máis de 85.000 agardan por unha proba diagnóstica, cifras que, segundo advertiu, “só fan referencia ás listas de espera estruturais, porque hai outras non estruturais que o Sergas se nega a facer públicas, a pesar das múltiples demandas que temos feito a este respecto”.

A isto sumou, a situación da Atención Primaria, “totalmente colapsada”, con doentes con grandes dificultades para solicitar cita no seu centro de saúde, con múltiples centros ao longo e largo de todo o País que, como o de Baltar, en Sanxenxo, teñen suspendida “de facto a súa actividade ata setembro porque as e os pacientes non teñen ocos para solicitar cita polo seu médico ou médica de cabeceira”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.