O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Cambados investiga a morte dunha muller veciña do Grove no PAC (Punto de Atención Continuada) de Baltar (Portonovo, Sanxenxo) o pasado 6 de agosto.
Nese día, a parella da falecida chamou sobre as nove da noite ao 061 para reclamar asistencia sanitaria e unha ambulancia ante o empeoramento do malestar que desde o mediodía sufría a muller, con vómitos e dificultades para camiñar. Malia reclamar o transporte sanitario, e sempre segundo a versión do implicado, os técnicos do servizo non accederon a enviarlle unha ambulancia.
Así, o marido decidiu trasladar a muller no seu vehículo particular ao PAC de Baltar, onde quedou en Urxencias. Desde o Sergas aseguran que "chegou ao PAC xa falecida e nun estado de importante deterioro".
O marido da muller denunciou o 061 por non facilitarlle unha ambulancia; Sanidade di que recomendou o traslado polos seus medios ante "a ausencia de criterios de gravidade"
O home acabou por interpoñer contra o 061 no cuartel da Garda Civil do Grove -onde reside- unha denuncia que o instituto armado trasladou ao xulgado de garda de Cambados, que abriu dilixencias e realiza xa as primeiras investigacións.
Segundo fontes oficiais consultadas por Praza.gal, no relato da denuncia, o home explica que o 061 decidiu non enviarlle unha ambulancia por non considerar o caso unha urxencia como para facer uso dun vehículo sanitario.
Así o confirma a Consellería de Sanidade, que advirte que, "tras a consulta, o médico do 061 determina a ausencia de criterios de gravidade, polo que recomenda o traslado da paciente polos seus medios ao PAC de Baltar para que sexa recoñecida de xeito presencial". O Sergas engade, ademais, que a chegada ao centro médico "demorouse dúas horas desde a chamada". "En ningún caso é un problema de falta de medios", di.
"A parella da paciente accede e trasládaa a este PAC", engade Sanidade, que asegura que "o persoal sanitario da Central de Coordinación realiza unha toma de decisións apoiada en protocolos e guías de actuación para a coordinación sanitaria". "Dado que se trata dun caso xa xudicializado, o Sergas considera importante deixar que sexa a Xustiza quen dirima as circunstancias do falecemento", insiste.
Deste suceso sábese tan só uns días despois de que plataformas pola sanidade pública ou a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) denunciasen a suspensión das axendas de médicos de Atención Primaria precisamente en Baltar por falta de persoal e advertisen das graves eivas dos servizos sanitarios da zona.
Ademais, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo asegura que o día no que ocorreron os feitos "no Grove non houbo médico nas 24 horas, de forma que todos os pacientes da localidade foron derivados ao PAC de Baltar". "Preguntámonos se esta morte se puido ter evitado de ter habido asistencia normal no Grove, pois é moi probable que esta persoa fose atendida, incluso no seu domicilio, e activado os protocolos correspondentes, cousa que por teléfono e sen unha valoración in situ é moi difícil de efectuar", di o colectivo nun comunicado.
"Nefasta xestión"
Agora, a AGDSP considera "moi grave" que unha persoa "morrese sen atención pese a demandar asistencia" e cre que este "novo e dramático episodio vén confirmar as consecuencias da falta de recursos da Atención Primaria, do Servizo de Ambulancias e do Sistema Sanitario Público Galego, sometidos aos recortes dos últimos anos".
As reaccións políticas non tardaron en chegar. Desde o PSdeG, o seu secretario xeral, Valentín García Formoso, cre que o sucedido en Sanxenxo "vén constatar unha realidade, a da nefasta xestión da Xunta no ámbito sanitario". Ademais, lembrou que foi precisamente nesta vila pontevedresa onde "o Goberno galego favoreceu ocorrencias por parte do Concello como ofrecer pisos aos médicos". "Así non se arranxa, o problema é estrutural e o Sergas adoece da perda de 976 profesionais e ten un problema enorme na Atención Primaria", engade.
"No caso de Sanxenxo, a Xunta desaparece do problema sanitario e xa non admite citas ata mediados de setembro para aquelas persoas que sofren unha doenza", engadiu Formoso, que asegura que para alcanzar a media estatal de investimento en sanidade é preciso que a Xunta "aumente o orzamento en 139 millóns de euros".
O líder do PSdeG cre que “xa está ben” e reclamou á Xunta que tome medidas contundentes e que o presidente Alfonso Rueda “afronte a realidade” e “se poña a traballar dunha vez” ante un asunto que afecta severamente a todos os galegos e as galegas.
Por outra banda, O BNG rexistrou no Parlamento unha solicitude de comparecencia urxente do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "para que dea explicacións" ante o acontecido. En declaracións durante unha visita á serra do Barbanza, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, asegurou que a denuncia "non pode pasar coma se non fose algo grave".