A previsión de falta de persoal e a sobrecarga de traballo obrigou o Sergas a planificar a "inactivación" das axendas de todos os profesionais médicos do centro de saúde de Baltar, en Portonovo (Sanxenxo), que só atenderán urxencias durante como mínimo o que queda do mes de agosto.
A previsión de que só catro dos oito médicos estean dispoñibles nos vindeiros días fai que o Sergas suspenda axendas para que se atendan só as urxencias
Así o explica a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés logo de que colectivos como a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública denunciasen nos últimos días a imposibilidade de conseguir cita para consulta, renovar receitas ou solicitar unha baixa laboral no centro de saúde de Baltar.
Segundo a xerencia, a decisión chega ante a previsión de que estean dispoñibles só catro médicos no centro de saúde "e, posiblemente, tres nos días seguintes, dos oito que conforman o persoal". O obxectivo do peche das axendas dos profesionais é, segundo a área sanitaria, o de "manter unha adecuada atención á totalidade da poboación desta localidade" e "dedicar todos os efectivos para atender as consultas urxentes".
A medida, explica o Sergas, é "provisional" pero está previsto que se manteña "inicialmente" ata o vindeiro mércores 31 de agosto. Foi a pasada semana, segundo explica a xerencia, cando o xerente e a directora da área sanitaria se desprazaron ata o centro de saúde de Baltar, onde mantiveron unha reunión técnica cos facultativos para analizar a situación e planificar alternativas que garantan a continuidade asistencial.
Durante o encontro estableceuse un circuíto para que a renovación de receitas se efectúe pola farmacéutica de atención primaria do centro de saúde da localidade pontevedresa
Así, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés subliña que busca unha reorganización "responsable" dos medios asistenciais de Atención Primaria e argumenta que está condicionada pola carencia de profesionais para a contratación no ámbito de medicina de familia, ademais das vacacións e as baixas por diversa índole.
Desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) critican a decisión que cren que "supón unha vulneración inaceptable do dereito da poboación para acceder á asistencia sanitaria e ás prestacións do sistema de saúde pública".
"É unha vulneración inaceptable do dereito da poboación a acceder á asistencia sanitaria e ás prestacións do sistema de saúde pública", di a AGDSP
Ademais, a AGDSP considera que "unha vez máis" se amosa "a incapacidade do Sergas e da Xerencia de área para planificar a Atención Primaria, algo especialmente grave cando aumenta da demanda asistencial ao multiplicarse a poboación pola afluencia turística". Tamén cre que o peche das axendas dos médicos "corrobora a denuncia da Plataforma SOS Sanidade de que proporcionar vivenda a persoal médico no verán non era máis que unha desafortunada ocorrencia de márketing populista que non soluciona nada".
Dáse o paradoxo de que Sanxenxo foi o Concello que, en colaboración co Sergas, estableceu un plan de vivenda gratis para atraer persoal médico á localidade, un programa que, como detallou Praza.gal, excluíu profesionais de Galicia e captou tres de Madrid.
Agora, o Sergas vese obrigado a suspender as axendas dos médicos do centro de saúde de Baltar durante o mes de agosto, unha das primeiras decisións do novo responsable da área sanitaria e antigo responsable do Sergas.
"É moi preocupante que unha das primeiras medidas da nova Xerencia da área sexa incrementar aínda máis os recortes. As intencións parecen moi claras", denuncia a AGDSP, que chama a mobilizarse contra "a decisión de deixar sen atención medica a miles de persoas".